Faltaban apenas dez días para as eleccións municipais e o presidente da Xunta e do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, concedía unha entrevista ao xornal La Región a respecto dos comicios. "Para Ourense sería letal tener a Jácome de alcalde", reflexionaba Feijóo, que animaba o electorado a ter en conta que a terceira cidade de Galicia en número de habitantes tiña ante si "dos opciones: tener un alcalde o tener un show político en cada pleno".
Ás portas dos comicios municipais, Feijóo considerou que "para Ourense sería letal ter a Jácome de alcalde"; un mes despois, o líder de DO erguía o bastón de mando apoiado nos votos do PP a cambio de salvar a Baltar
Apenas un mes despois, Gonzalo Pérez Jácome erguía o bastón de mando na casa consistorial ourensá. O líder de Democracia Ourensana viña de ser elixido alcalde cos votos da súa formación (7 edís, terceira en votos nas urnas) e mais cos do PP (7 edís, segunda forza), que sacrificaba o que fora alcalde os catro anos previos, Jesús Vázquez, por un aquel de ben superior. Agora, cando o mandato municipal non chegou nin á metade, o PP fixo estourar a súa coalición ourensá o propio Feijóo regresou ás posicións daquela entrevista. Jácome volve ser letal.
Os populares accederan a exercer de socios minoritarios do bipartito con DO, entregándolle a alcaldía a Jácome, a cambio de que o líder localista, cuxa formación medrara en boa medida por confrontar coa familia Baltar, garantise para o PP o goberno da Deputación provincial. Así sucedeu a finais de xuño, cando os dous votos de DO na institución provincial se sumaron aos 12 do PP para volver facer presidente a José Manuel Baltar, que salvaba así o seu transo político máis crítico.
Lonxe da augurada letalidade política para a cidade, a dirección do PPdeG, que participara activamente nas negociacións, pasou a eloxiar como "moi positivo" o bipartito con Jácome. Como revelou a edición ourensá de Faro de Vigo, o acordo entre ambos partidos ía alén do feito público: tamén implicaba que DO renunciarse a volverse presentar ás eleccións ao Parlamento de Galicia. E ata esas eleccións, finalmente celebradas o pasado 12 de xullo, o bipartito evolucionou sen máis estridencias das agardadas e sen ameazas de ruptura, cando menos públicas.
Pero todo mudou o pasado agosto. Jácome, que chegou a anunciar o seu voto para o PP nas galegas, viu como cinco edís do seu grupo o denunciaban ante a Fiscalía acusándoo de irregularidades na xestión dos fondos públicos que recibe o partido. Pouco despois, os seis representantes do PP no goberno local -o ex-alcalde Vázquez ficara fóra- renunciaban ás súas competencias e o gabinete do alcalde ficaba con dous edís, el mesmo e o concelleiro Armando Ojea. Un "golpe de Estado", acusou Jácome, urdido polo PP xunto a "traidores" de DO, algún deles "comprado", dixo.
Feijóo evidencia a súa vontade de empurrar a Jácome cara á dimisión dende a Xunta excluíndo o Concello de Ourense da súa oferta de "colaboración" fronte á pandemia; quen fora socio do bipartito co PP ata hai escasos días proponse resistir fronte a esta "discriminación nunca vista"
Co PP e os díscolos de DO fóra do goberno -un dos cinco dimitiu e xa abandonou a corporación-, a nova aritmética da corporación ficou reflectida no pleno municipal do pasado venres, día 11, cando a votación dunha moción do BNG pedindo a dimisión do rexedor obtivo 24 votos a prol e só dous en contra. Mentres se celebraba a sesión, Feijóo inauguraba xunto a Baltar unha estrada en San Cibrao das Viñas e afirmaba, ao ser cuestionado ao respecto nun acto como presidente da Xunta, que se estivese no lugar de Pérez Jácome, dimitiría.
Ao día seguinte, o sábado, Feijóo evidenciaba a súa vontade de empurrar a Jácome cara á dimisión dende o partido, pero tamén dende a Xunta. Facíao remitindo cartas a todas as alcaldías das cidades, agás á de Ourense, para ofrecer "colaboración" do Goberno galego fronte á pandemia. Para Jácome, esta "discriminación nunca vista" é de "extrema gravidade" e vai contra toda a cidade. Para o grupo municipal popular, o líder de DO incorre en "vitimismo".
O propio Feijóo reafirmábase este domingo no seu movemento dende o Goberno. Preguntado ao respecto en Oviedo, onde se reuniu co presidente de Asturias, Adrián Barbón, o presidente da Xunta afirmaba que non "retomará" o "diálogo" co Concello de Ourense ata que remate a "profundisima crise" que padece o consistorio. Porque unha cidade é "máis que o seu alcalde", esgrimiu sobre quen era o seu socio de goberno ata hai menos dunha semana. Jácome quere resistir e o PP, coa maioría na Deputación apuntalada por un dos díscolos de DO, asediar unha vez utilizado ao líder localista ata facelo caer.