A mediados do pasado febreiro, en vésperas das eleccións galegas que se ían celebrar o 5 de abril e que acabaron sendo adiadas por mor do coronavirus, o alcalde de Ourense e líder de Democracia Ourensana (DO), Gonzalo Pérez Jácome, confirmaba a súa intención de votar polo PP. "Voy a votar a Núñez Feijóo", ratificou.
Jácome evidenciaba así o cumprimento dun dos puntos do pacto co que o PP lle entregara a alcaldía nove meses antes a cambio de soster a José Manuel Baltar na Deputación provincial. DO comprometérase a non volverse presentar aos comicios ao Parlamento, nos que lograra algo máis de 7.000 votos en 2016. Quen poucos meses antes fora considerado por Feijóo como "letal" para o Concello ourensán no caso de chegar á alcaldía, aseguraba estar convencido de que o líder do PP galego é "quen mellor defende os intereses" de Galicia e de Ourense.
Jácome, considerado "letal" para Ourense por Feijóo antes das municipais de 2019, chegou á alcaldía a cambio de soster a Baltar na Deputación e anunciou o seu voto ao PP nas pasadas eleccións galegas
Agora, unha vez pasadas as eleccións finalmente celebradas en xullo, nas que o PP alargou a súa maioría absoluta malia perder un escano en Ourense, aquel clima de entendemento virou en guerra total. Primeiro como enfrontamento aberto no seo do partido do alcalde, terceira forza en votos nas municipais de 2019 empatada a 7 edís co PP, segunda forza por tras do PSdeG (9). E acto seguido, este mesmo martes, co PP facendo estourar politicamente o bipartito coa renuncia en bloque ás súas competencias nun goberno municipal no que agora só quedan o alcalde e outro edil de DO, Armando Ojea.
As tensións dentro de DO rebentaron de vez cando cinco dos seus sete edís denunciaron a Jácome na Fiscalía, acusándoo de xestionar "de forma totalmente opaca" os fondos públicos e doazóns que recibe o partido
As tensións dentro de Democracia Ourensana rebentaron definitivamente nos últimos días de agosto, cando cinco dos sete concelleiros do grupo municipal denunciaron a Jácome ante a Fiscalía provincial. Pediron ao Ministerio Público que investigue a xestión do alcalde cos fondos públicos que recibe o partido, así como das doazóns de parte dos salarios que cargos públicos e asesores realizan á formación.
Todos eses cartos, acusan, son xestionados "de forma persoal e exclusiva polo señor Jácome, facéndoo de forma totalmente opaca" e "negándose a render contas". Este era un dos motivos, alegaron nun comunicado, que os levaba a esixir a renuncia de Pérez Jácome como alcalde e concelleiro. Ademais, ao tempo, o ata daquela edil de Cultura, Mario González, anunciaba a súa dimisión.
Jácome, que defende a "absoluta legalidade" de todos os seus actos, retirou as competencias a dous dos seus edís horas antes da renuncia en bloque de todos os membros do PP no goberno local
O conflito seguiu inchando ata que este martes, 8 de setembro, se precipitaron os acontecementos. O propio Jácome, que nas xornadas previas amosara a súa "total sorpresa" pola denuncia na Fiscalía e defendera a "absoluta legalidade de todos os meus actos", comezaba a xornada anunciando a retirada das competencias de goberno aos concelleiros de Infraestruturas e Servizos Xerais, Miguel Caride e Manuel Álvarez, ambos do seu partido. Faino, di, por "perda de confianza, falta de disposición para buscar solucións e baixa produtividade en infraestruturas".
Foi neste punto no que o PP moveu as súas pezas. Encabezado polo ex-alcalde e ex-conselleiro Jesús Vázquez, que continúa na corporación como concelleiro sen carteira de goberno e ocupa un escano no Senado por designación do Parlamento, todo o grupo municipal do PP anunciaba a devandita "suspensión temporal" do pacto con DO por mor das "acusacións moi graves" contra Jácome que, di Vázquez, "requiren unha explicación inaprazable".
Os concelleiros díscolos de DO manteñen que van "traballar para quitarlle o bastón de mando" ao actual alcalde
O rexedor, acusan, "converteu unha crise do seu partido nunha crise de gobernabilidade" que "non ten capacidade para solucionar". "En ningún momento empregamos a palabra ruptura", matizou o ex-conselleiro, abrindo deste xeito a porta a retomar o bipartito sen o actual alcalde.
Minutos despois, catro dos cinco concelleiros díscolos de Democracia Ourensana que denunciaron o alcalde e seguen na corporación compareceron ante a prensa para anunciar que eles tamén deixan o goberno, pero seguen como edís. "Rompeu todo", resume o edil Miguel Caride, quen atribúe a Jácome "feitos que nós consideramos gravemente delitivos" na xestión dos cartos públicos e amosa a súa intención de "traballar para quitarlle o bastón de mando".
Coa batalla aberta, o seguinte movemento de Jácome foi en clave de resistencia. Contra o mediodía, Democracia Ourensana e as contas oficiais do Concello anunciaban o nomeamento como tenente de alcalde do único edil do partido que segue co alcalde, Armando Ojea, ata agora concelleiro de Recursos Humanos, voceiro do grupo municipal de DO e tamén vicepresidente da Deputación ourensá. Este mércores, avanza Jácome, será el mesmo quen se pronuncie en rolda de prensa.
Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) fan responsable a Feijóo dos feitos de Ourense e instan a PP e DO a deixaren paso a un goberno alternativo no Concello
Todos estes feitos acontecían en Ourense mentres, en Santiago, o Parlamento celebraba a apertura solemne da XI Lexislatura. Ao remate da sesión, os dous grupos da oposición galega responsabilizaban directamente á cúpula do PP galego e a Alberto Núñez Feijóo do que está a acontecer. Feijóo, acusa a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, "avalou" o acordo que "permitiu a Jácome asumir a alcaldía" e polo tanto, é "responsable directo" do "espectáculo" tras o que, di, tanto PP como DO deben "afastarse" do goberno local e "permitir unha alternativa que dea futuro á cidade".
Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, insta tamén a Feijóo a "pedir desculpas" pola "crise política e institucional de Ourense". "O PP e Democracia Ourensana xeraron este caos" nunha corporación na que, resalta, o PSdeG é a primeira forza e por iso, di, é polo Grupo Socialista polo que debe pasar un eventual goberno alternativo que, en calquera caso, tería que encaixar na complexa aritmética do pleno, con PP e DO a sumar maioría absoluta (14 edís) fronte aos 13 que xuntan PSdeG (9), BNG (2) e Ciudadanos (2).