A oposición ourensá culpa o PP da "vergoña para a cidade" polo comportamento de Jácome nos plenos

Pleno no Concello de Ourense, este 6 de marzo de 2020 CC-BY-NC-SA PSdeG

O pasado 3 de marzo o PP celebrou en Ourense un dos almorzos preelectorais que está a organizar nas diferentes cidades galegas, encontros que o actual presidente da Xunta e candidato á reelección aproveita para eloxiar a xestión do seu Goberno en cada unha desas urbes. Entre os asistentes ao evento estaba Gonzalo Pérez Jácome, líder de Democracia Ourensana e alcalde da cidade en virtude do seu acordo de coalición co PP, formación que lle entregou o bastón de mando en xuño de 2019 a cambio de manter a José Manuel Baltar na presidencia da Deputación.

No pleno do 6 de marzo, Jácome expulsou dous edís da oposición entre unha forte tensión, explicou chistes ou detallou como levara galletas dun almorzo informativo de Feijóo

O que fora considerado como "letal" polo propio Feijóo no caso de chegar a alcaldía sentou entre os simpatizantes conservadores despois de ratificar que o 5 de abril elixirá a papeleta do PP. A eses comicios non concorrerá DO, porque así se comprometeu a facelo nunha alianza que a oposición municipal da cidade volve reprochar aos populares nos últimos días. Especialmente despois do acontecido no pleno municipal celebrado apenas tres días despois do devandito acto do PP, sesión que acabou con dous edís da oposición expulsados e dando lugar a escenas que os grupos da esquerda reducen a "vergoña para a cidade".

As imaxes do pleno, recompiladas dende o PSdeG local do sinal institucional do Concello, recollen algún dos momentos máis tensos da sesión. Dende a expulsión ao voceiro do BNG, Luís Seara, á marcha do seu homólogo de Ciudadanos, o ex-popular José Araujo, en protesta polos malos modos do rexedor cara ao concelleiro nacionalista. Dende o convite ao líder socialista, Rafael Rodríguez Villarino, a "aguantarse" se "non lle gusta" que sexa alcalde ata a recomendación ao resto do grupo do PSdeG para que abandonasen o pleno e así teren "máis repercusión mediática".

"Os shows de Jácome nos plenos son a vergoña da cidade, un alcalde letal para Ourense que vive arroupado por Baltar e Feijóo"

Polo camiño, entre debate e debate, Pérez Jácome contou un chiste e desexou que Ourense puidese chegar ser obxecto de brincadeiras como a localidade andaluza de Lepe. Tamén detallou como levou para a casa galletas servidas nun almorzo informativo con Feijóo. Por último, a pouco para rematar, expulsou a concelleira socialista Juana Ageitos, advertíndoa de que utilizaría a Policía Local para botala se non accedía a marchar.

"Os shows de Jácome nos plenos son a vergoña da cidade, un alcalde letal para Ourense que vive arroupado por Baltar e Feijóo", din dende o PSdeG. Para o BNG local, alén dos malos modos, o xeito de actuar de Jácome amosa unha actitude "ditatorial" da que tamén fan responsable ao socio maioritario da coalición, o PP.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.