"Para Ourense sería letal tener a Jácome de alcalde". "Voy a votar a Núñez Feijóo, porque es quien creo que mejor va a defender los intereses de Galicia". A primeira frase pronunciouna Alberto Núñez Feijóo en declaracións a La Región escasos días antes das eleccións municipais do pasado 2019. A segunda é unha declaración de Gonzalo Pérez Jácome, esta mesma semana en rolda de prensa no Concello de Ourense, cuxa alcaldía ostenta dende despois daquelas eleccións malia ser a terceira forza da corporación grazas a un pacto de Goberno co PP.
"Para Ourense sería letal ter a Jácome de alcalde", afirmaba Feijóo; nove meses despois, dende a alcaldía que obtivo por salvar a Baltar, o líder de DO anunciou voto ao PP nas eleccións galegas
Pouco máis de nove meses separan unhas e outras palabras, pero politicamente transcorreu unha eternidade. Todo mudou de vez cando o reconto definitivo dos comicios locais deixou sen maioría absoluta o PP de Ourense na Deputación Provincial, obrigando a José Manuel Baltar a procurar un pacto indispensable para non poñer fin ao poder institucional da saga na provincia na que imperan dende finais dos anos 80.
De inmediato o baltarismo puxo en marcha a maquinaria para pechar o pacto co líder de Democracia Ourensana, o partido que medrou en boa medida a base de opoñerse publicamente e con linguaxe grosa aos Baltar en xeral e a Baltar fillo en particular. "Psicópata de gravata", "fantoche cacique", "patético" ou "cadáver político" foron só algúns dos cualificativos que o agora rexedor ourensán dedicara nos últimos anos ao herdeiro dunha "saga tóxica". "Fóra caciques!", clamaba tamén dende a súa televisión, Auria TV, canle clave no seu crecemento.
Jácome dicía todas estas cousas. Pero tamén que, de ser o caso, acabaría pactando "co demo" polo que interpretase como ben de Ourense. E foi o caso. O PP de Ourense, co visto e prace da dirección autonómica do partido, entregoulle a alcaldía a Jácome sacrificando ao seu propio candidato e alcalde ata ese momento, o ex-conselleiro Jesús Vázquez. A cambio, DO blindou a Baltar na Deputación e constituíron gobernos bipartitos en ambas institucións.
O pacto con Baltar implicou a renuncia de DO a volver concorrer ás eleccións galegas, nas que obtiveron máis de 7.000 votos hai catro anos
Tal e como revelou a edición ourensá do Faro de Vigo, o pacto entre ambas formacións tiña máis cláusulas que as que fixeron públicas. DO comprometeuse con Baltar a non volver presentarse ás eleccións ao Parlamento de Galicia, as mesmas ás que concorreron cun número crecente de votos dende 2005 e ata 2016, cando non lograron representación, pero si 7.723 votos e a condición de quinta forza política, superando amplamente a Ciudadanos.
Eliminar a DO da competición permite ao PP controlar mellor o escenario do transcendental celeiro de votos ourensán, que reparte 14 escanos dos que os populares lograron 9 hai catro anos. O noveno retivérono por unha marxe de 200 votos, que tras o reconto do voto emigrante se alargou un chisco.
Democracia Ourensana deixa definitivamente aparcados, deste xeito, os anos nos que manifestaba a súa aposta por chegar a sentar ata tres deputados no Parlamento coa intención de ser "chave da Xunta" e a advertencia de que non outorgarían o seu apoio a ningún Goberno que non garantise "2.000 millóns extra para Ourense en catro anos". Os gobernos galegos, tamén o de Feijóo, sumiran a provincia ourensá "nunha perpetua discriminación", denunciaban en declaracións públicas e ilustrativos vídeos electorais.
"Como alcalde de Ourense, prefiro que as cousas sigan como están e que gañe o PP" di Jácome mentres Baltar "non se pecha" a incluír algún membro de DO na candidatura popular na provincia
Pero todo quedou atrás. "Como alcalde de Ourense, prefiro que as cousas sigan como están e que gañe o PP; temos que apoiar a quen nos apoia", explicaba Jácome esta semana tras anunciar o seu voto aos populares para os comicios do 5A. Neles, ademais, Baltar disque "non se pecha" a inserir algúns membros de DO na candidatura do PP provincial, na que a dirección galega pouco ou nada ten que dicir.
Eses apoios mutuos permitirán, por exemplo, sacar adiante os primeiros Orzamentos municipais de Ourense de 2014 con fondos para sufragar un coordinador xeral do Concello -"city manager", en verbas de DO- que cobrará 86.000 euros anuais, máis que os presidentes da Xunta e do Goberno central.
Jácome agardan que sirvan tamén para facer realidade algúns dos seus proxectos, dende un centro de intelixencia artificial ata un parque acuático -promesa clásica de DO asumida por Feijóo hai xa catro anos- pasando polo "maior rañaceos de España", con 80 andares. Mentres isto non sucede, Baltar dá por esquecidos os insultos do pasado e DO desatranca as relacións con medidas como a retirada do recurso xudicial contra o Plan Xeral de Ordenación Municipal da cidade que presentara dende a oposición por velo un plan concibido para os "pelotazos" urbanísticos.
Jácome admite que os cambios case revolucionarios aos que aspira non son visibles na cidade, pero porque aínda non transcorreu nin o primeiro ano de mandato, xustifica. Para iso precisa apoios e o mellor xeito de conservalos agora é, considera, votar por Feijóo o 5 de abril.