O bipartito de Jácome e o PP ponse en marcha e Baltar presume de que “agora” teñen unha “relación excelente”

Primeira xunta de goberno presidida polo novo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome © Concello de Ourense

O vicepresidente da Xunta dille ao rexedor ourensán que ten que “falar con responsabilidade” tras asegurar que na cidade existe unha “mafia policial”

O novo goberno bipartito conformado no Concello de Ourense por Democracia Ourensana e o PP comezou a funcionar este mércores coa celebración da primeira xunta de goberno local. Á espera de coñecerse o reparto concreto de áreas para cada concelleiro, o PP decidiu que o seu máximo representante no bipartito, como número dous de Jácome e o seu único tenente de alcalde, sexa Jorge Pumar, que ía no número 5 da lista ás municipais.

Pumar, home de confianza de Baltar, do que ata agora era vicepresidente segundo na Deputación, ascende no grupo municipal popular despois de que o ex-rexedor Jesús Vázquez dese un paso ao lado sen renunciar de momento ao escano e de que o número 2 da lista, Santiago Rodríguez, rexeitase tomar posesión tras os malos resultados electorais.

O líder dos populares ourensáns, Manuel Baltar, entrevistado en Onda Cero, foi preguntado polos insultos persoais que Jácome lle dedicara no pasado, pero o presidente da Deputación restoulles importancia e optou por salientar a súa “agora” boa relación en beneficio da cidade. “Eu con Gonzalo tiven unha relación moi boa ata outubro de 2015”, dixo Baltar na entrevista radiofónica, na que indicou que a partir daquel momento fixo “oídos xordos” a Jácome “ata o día seguinte das eleccións” do pasado 26M nas que o independente resultou ser clave para que el mesmo poida manter o control da Deputación. “Teño todo o que pasou absolutamente esquecido”, di Baltar, quen asegura que “agora temos unha relación excelente”. 

Despacho do alcalde de Ourense © Democracia Ourensana

Baltar di que fala "todos os días" con Jácome e que mesmo “algún 'meme' pode que nos intercambiaramos”

Baltar chega a salientar na entrevista que con Jácome “estamos todos os días falando” e, preguntado pola posibilidade de que mesmo se envíen memes por whatsapp, di que “algún pode que nos intercambiaramos”. 

Tamén este mércores se pronunciou sobre o goberno bipartito de Ourense o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Os medios de comunicación preguntáronlle por unhas declaracións de Jácome á canle televisiva Cuatro nas que o rexedor, tras recibir un coche da súa empresa unha multa por aparcar xunto ao Concello, asegurou que na cidade existe unha “mafia policial”. Rueda, responsable autonómico da coordinación das policías locais galegas, lembrou a Jácome que “agora é alcalde de Ourense” e, como tal “ten que falar con responsabilidade”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.