Quen queira trazar un perfil crítico ou mesmo unha caricatura de José Manuel Baltar, herdeiro da saga que controla a Deputación de Ourense baixo as siglas do PP dende hai tres décadas, podería fornecerse de materia prima nunha única fonte. A canle de YouTube de Auria TV, televisión local propiedade do líder do partido Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, é todo un compendio de críticas, insultos e retratos delirantes contra o poderoso líder dos populares ourensáns. O mesmo que este sábado lle prestou os votos do PP para convertelo en alcalde da cidade a cambio de que o blinde como presidente da Deputación. Mesmo sacrificando para isto ao ata agora rexedor, o popular Jesús Vázquez, que tamén o votou.
A chegada de Jácome ao Concello de Ourense sería incomprensible sen a súa canle de televisión e, sobre todo, sen a súa principal bandeira: zorregar sen piedade nos Baltar, que lle veñen de dar a alcaldía
Pérez Jácome logra a alcaldía oito anos despois de acceder por primeira vez como edil ao Concello de Ourense no ano 2011 xunto a outro membro do seu mesmo partido. A súa chegada á corporación baixo as siglas da formación que montara cuns amigos unha década antes sería incomprensible sen a súa televisión local e sen a súa principal bandeira, zorregar sen piedade nos Baltar. Sobre todo en Baltar fillo, un "psicópata con gravata" que "vén aquí, como un neno pequeno", a "xogar co xoguete que lle deixou o seu pai", a Deputación, espetou no pleno da institución no primeiro mandato no que conseguiu escano.
A fórmula parecía funcionar e antes das eleccións de 2015 Pérez Jácome xa se presentaba a si mesmo como "alcalde in pectore". Case o logra. Disparouse nas urnas de 2 a 8 concelleiros, pero na corporación -de 27 membros- non atopou a ninguén que quixese pactar con el, que dicía estar disposto a chegar a un acordo ata "co demo" se iso supuña "o ceo" para Ourense.
Todos o coñecían e todos viran tamén os seus vídeos -en Internet ou na súa canle de televisión, que os emite en bucle- cheos de diatribas contra "os políticos" en xeral e contra os Baltar en particular, pero tamén de escenas pouco edificantes como a inefable celebración en directo dun magosto do partido na que atribuíu aos efectos do viño comezar a falar en galego. Un verdadeiro fenómeno viral en Ourense e fóra del.
"Un fantoche cacique"
Os cualificativos de Jácome contra Baltar e o seu férreo control do poder na provincia foron durante estes anos tanto dixitais e en diferido como analóxicos e en directo. Como portavoz de DO no Concello e na Deputación Pérez Jácome trazou innumerables retratos do líder popular ao que agora blinda no poder, un "fantoche cacique" máis ben "patético" e con vocación de "showman" que non se inmuta" ante os problemas da provincia. Porque "esa -razoou nun pleno- é unha das características dos psicópatas".
Jácome chegou a considerar a Baltar un verdadeiro "cadáver político" do que só faltaba "saber cando é o enterro" despois de que eldiario.es revelase a denuncia da muller que acusaba ao popular de ofrecerlle un emprego na Deputación a cambio de sexo. O líder de DO asegurou que o episodio -arquivado pola xustiza en maio de 2017- non lle estrañaba en exceso por ser algo "típico nas ditaduras" que o seu "amado líder" faga "o contrario do que predica" entre propaganda que non impedía observar a súa condición de "persoa sucia".
"É o momento de pór fin á saga tóxica dos Baltar", apelou Pérez Jácome na campaña das pasadas eleccións municipais
"A todo porco lle chega o seu San Martiño", prognosticou o, agora si, alcalde de Ourense sobre Baltar a finais de 2015. Ese mesmo final volveuno prognosticar na pasada campaña das eleccións municipais nos seus mitins e tamén nos seus vídeos. Por exemplo, no que pedía o voto para pór fin ás "paranoias" dos Baltar, a quen censuraba que tratasen a provincia coma se fose "súa". "É o momento de pór fin á saga tóxica dos Baltar", animaban. Nesa mesma campaña Jácome pediu o voto acompañado dun robot que repetía "fóra caciques", en referencia aos Baltar.
Tras o paso polas urnas do 26M o partido de Jácome perdeu un concelleiro e quedou en 7, pero volveu ser chave de goberno nunha corporación liderada polo PSdeG. Aínda que cunha diferenza fundamental con relación a 2015. Os seus dous deputados provinciais son tamén clave para completar a maioría na Deputación despois de que o PP de Baltar a perdese.
Por iso o barón ourensán lle ofreceu a alcaldía a cambio do seu apoio e el aceptouna. Os insultos, di Baltar, son "cousas pasadas". Segundo Alberto Núñez Feijóo, ausente nas negociacións culminadas este venres e tamén na sesión de investidura deste sábado, "para Ourense sería letal ter a Jácome de alcalde". Agora só falta que o líder de DO cumpra a súa parte do trato na mesma institución da que prometeu botar aos Baltar, a quen mesmo levou ante os tribunais en diversas ocasións.
Tras erguer o bastón de mando Pérez Jácome asegurou que se dispón a acometer a tarefa de "salvar Ourense". Nun discurso en castelán no que se referiu á cidade como Orense en diversas ocasións, o novo rexedor enumerou algunhas das súas promesas, como a construción dun parque acuático, e afirmou que tentará que na cidade "se viva mellor", o cal é "bastante fácil". "Se en catro anos non consigo facer o que prometín, volvereino poñer na lista de fracasos da miña vida", asegura.