No outono de 1989 o tripartito que apenas dous anos antes tombara o feble Goberno galego de Alianza Popular púñase a proba nas urnas. O PSdeG, que lideraba a peculiar alianza completada por Coalición Galega -escindida da propia AP co impulso de tránsfugas- e o PNG, lograra o que aínda agora é o seu mellor resultado no Parlamento galego, con 28 escanos. Pero o PP, liderado por un Manuel Fraga debutante na política autonómica, deu acadado os 38 deputados que marcan o limiar da maioría absoluta.
As posteriores haxiografías acabarían retratando a vitoria que inaugurou o fraguismo como esmagadora, pero realmente foi moi axustada e nela foi clave a provincia de Ourense, a mesma na que tres década despois periga agora o poder absoluto dos populares. Alí, entre votos sospeitosos que o PSOE amagaran con recorrer ante a Xustiza -proceso que a dirección do partido acabaría freando no que foi interpretado como un afán de Felipe González por asegurar que Fraga quedaba en Galicia-, o Partido Popular acabado de fundar asegurara a súa maioría absoluta. Facíao en boa medida grazas á súa coalición con Centristas de Galicia, a formación na que poucos meses despois emerxería definitivamente como líder José Luis Baltar, que lograra colocar como primeiro presidente do Parlamento do fraguismo a Victorino Núñez, quedando el co seu posto na presidencia da Deputación de Ourense.
A coalición de intereses dos Baltar co PPdeG remóntase a finais dos anos 80, cando Centristas de Galicia foi clave na primeira maioría absoluta de Fraga
Comezaba así unha proveitosa alianza que organicamente derivou pouco despois, en 1991, na integración de Centristas no PP. Pero o de Baltar co PPdeG nunca foi unha disolución, senón unha coalición de intereses. O barón ourensán aseguraba o enorme celeiro de votos engraxado dende a presidencia da Deputación e o patrón da dereita española deixaba facer en todo o demais. Mesmo padecendo desafíos e ameazas de escisión a modo de exhibición de poder que nunca chegaron a maiores. O apelido Baltar tornaba deste xeito en pedra angular da inmensa maquinaria despregada polo PP en Galicia durante os anos 90 e así seguiu sendo, con máis ou menos turbulencias, ata as últimas eleccións municipais. O 26M o PP de Ourense perdeu a maioría absoluta na Deputación provincial. A pedra angular do poder do PPdeG ten, agora si, unha fenda.
"Baltar o fillo no es Baltar"
Quen agora perdeu a maioría absoluta do baltarismo foi José Manuel Baltar, fillo do autodenominado "cacique bo", quen en 2012 recibira do pai a presidencia da Deputación a xeito de legado político. Dous anos antes, en 2010, o pai xa transmitira ao fillo a presidencia do PP de Ourense nun Congreso provincial que acolleu o único intento real de Alberto Núñez Feijóo por tombar á saga. A cúpula do PPdeG escollera para enfrontarse aos dous Baltar ao daquela alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez, cuxo equipo non aforrara acusacións de caciquismo durante o proceso. Pero a operación de Feijóo acabou en fracaso e Baltar fillo, triunfando nun conclave antes do cal, segundo deu por probado a xustiza en 2014, Baltar pai enchufara 104 persoas na Deputación, moitas delas vinculadas á transcendental votación.
Tras herdar do pai a presidencia do partido e da Deputación, José Manuel Baltar quixo proxectar unha imaxe baseada na "transparencia" e no "noxo" por calquera posible práctica corrupta
O fundador da saga actuaba como cacique -"bo", engadía- e non ocultaba, senón todo o contrario, a súa capacidade para repartir pequenos ou grandes favores por toda a provincia mentres, ao son do trombón, cantaba aquilo de "Si no eres del PP, jódete, jódete". Mentres isto sucedía o seu herdeiro, que acompañaba cun bombo o trombón do pai naquelas charangas, acumulaba cargos públicos dende pouco despois de rematar a carreira de Dereito en 1992. Asesor da Consellería de Agricultura, delegado provincial deste mesmo departamento, deputado no Parlamento e, pouco despois, vicepresidente do mesmo.
Malia non ser posible explicar o ascenso do fillo sen o influxo do pai, cando chegou á presidencia da Deputación quixo facer ver que comezaba unha nova era cunha nova imaxe. A imaxe de Manuel Baltar, o presidente do "Goberno Provincial", como adoita referirse á Deputación, unha institución á que presentou como adaíl da transparencia. "Baltar o fillo no es Baltar", cantábase no retranqueiro Festival Intercultural do Barbanha mentres o herdeiro anunciaba innovadores plans de control e transparencia e aseguraba sentir "noxo" por calquera tipo de práctica corrupta. Pero tamén mentres as pescudas da eterna operación Pokémon sementaban dúbidas sobre o financiamento do PP ourensán na etapa do seu pai.
Sustos xudiciais, fatiga de materiais
Pero a imaxe que o segundo Baltar quixo proxectar de si mesmo comezou a sufrir erosións non só por ser herdeiro de quen é. No ano 2015 unha muller denunciábao asegurando que lle ofrecera un posto de traballo na Deputación a cambio de sexo. A denuncia, revelada por eldiario.es, acabou en imputación xudicial de Baltar fillo pero tamén de Baltar pai por ser aínda presidente no momento dos feitos. Pero o caso ficou nun susto xudicial para ambos, xa que en 2017 a xuíza instrutora arquivouno ao non ver "suficientemente xustificado" que o acontecido fose constitutivo de delito.
O proceso xudicial contra Baltar, arquivado en 2017, devolveu ao debate pública a cara menos simpática do baltarismo, que tras a perda da maioría absoluta na Deputación ten o seu poder nas mans de Ciudadanos
Aquel proceso xudicial servira, non obstante, para devolver ao debate público a cara menos simpática do baltarismo. Para que, as máis das veces polo baixo, rexurdisen en Ourense voces que lembran que por tras do trombón, os repartos de favores e os edificios con incontables porteiros hai tamén férreo control político, mediático e social e atrancos continuos para os non afíns. Os materiais do baltarismo comezaban a amosar tras tres décadas unha fatiga que ficou plasmada nas urnas aínda que o PP volvese ser primeira forza da provincia o 26M.
José Manuel Baltar aférrase a esa condición de primeira forza para defender o seu dereito a reter o poder. Tamén ao feito de que a perda da maioría absoluta tivese boa parte da súa orixe en Ourense cidade, onde o ex-conselleiro Jesús Vázquez, colocado por Feijóo, sufriu unha forte caída tras catro anos de turbulenta alcaldía. Pero, sexa como for, o certo é que o baltarismo xa non é o que era, porque o seu poder xa non é absoluto e a propia continuidade de Baltar na presidencia da Deputación xa non depende enteiramente del senón tamén, cando menos, do que determine a dirección de Ciudadanos, a quen o PP ourensán ofrece pactar. Todo, a menos dun ano dunhas eleccións galegas nas que o celeiro ourensán volverá ser transcendental.