Baltar pai, imputado na investigación ao seu fillo por ofrecer emprego a cambio de sexo

Baltar e Feijóo, no congreso do PP de Ourense en 2010 CC-BY-SA PPdeG

O caso Baltar chega ao patriarca da saga. José Luís Baltar, pai do actual presidente da Deputación de Ourense e do PP nesa provincia, José Manuel Baltar, terá que declarar o próximo 8 de xuño en calidade de investigado -antiga imputación- na investigación que o xulgado de instrución número 3 de Ourense desenvolve contra o seu fillo por, presuntamente, ofrecerlle a unha muller emprego na institución provincial a cambio de sexo.

O actual líder dos populares ourensáns -que revalidou o seu cargo no partido no principio do ano- foi acusado por unha muller de realizar o ofrecemento agora investigado cando a Deputación aínda era presidida polo seu pai. Esta investigación, que Baltar fillo tentou deter infructuosamente, derivou en que acabase investiado por presuntos delitos de suborno e tráfico de influencias sen que a xuíza desbote, cando menos de momento, o de acoso sexual.

Nunha providencia notificada este martes a xuíza impútalle os mesmos presuntos delitos a Baltar pai. Vinte e catro horas antes da declaración do que fose líder do PP de Ourense até 2010, condenado en 2014 por 104 enchufes na propia deputación, terán que declarar en calidade de testemuñas o asesor xurídico da entidade "no momento dos feitos que se investigan" e o "representante" do hotel no que, supostamente, realizouse o ofrecemento.

Posible "causa complexa"

Na mesma providencia na que dita estas novas citacións a xuíza Armesto diríxese tamén á Fiscalía para que, segundo confirma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, "se pronuncie" sobre a posible declaración deste proceso como "causa complexa". Esta declaración suporía, en virtude da reforma da lei de axuizamento criminal, que a maxistrada dispoña de ata 18 meses para realizar a súa instrución, no canto de ter que cinguirse a un prazo de seis meses.

A imputación prodúcese apenas dúas semanas despois da declaración no caso do xefe de persoal da Deputación

Este novo xiro na investigación prodúcese apenas tres semanas despois de que a instrutora do caso tomase declaración, tamén en calidade de investigado, ao xefe de persoal da Deputación ourensá, o tamén alcalde de Monterrei polo PP José Luis Suárez. Como informou este diario, o testemuño de Suárez xa fora determinante para a condena a Baltar pai polos enchufes realizados pouco antes de cederlle ao seu fillo o liderado do partido na provincia.

José Manuel Baltar foi reelixido o pasado marzo líder do PP ourensán

Malia á extensión do caso José Manuel Baltar veu mantendo desde o seu estourido que este é un asunto unicamente "persoal" e veu advertindo, ademais, de que emprendería "accións legais" ao respecto, se benpolo momento non se concretaron. Neste contexto Baltar fillo foi reelixido líder do PP de Ourense o pasado marzo co 95% dos votos e o apoio explícito de Alberto Núñez Feijóo e de Andrea Levy, en representación da dirección estatal do partido. A investigación xudicial foi tamén pano de fondo, a principios de maio, do congreso do PP galego na capital ourensá, no que o propio Baltar exerceu como anfitrión tras solicitarllo expresamente a Feijóo.

Baltar e Feijóo, nun congreso do PP de Ourense CC-BY-SA PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.