A dirección do PPdeG 'premia' a Baltar co congreso autonómico en Ourense

Feijóo e Baltar, no Congreso do PP de Ourense © PP Ourense

A elección das sedes dos congresos do PPdeG adoitou, cando menos nas súas últimas edicións, ter interpretación política. Así, o conclave de 2009, no que Alberto Núñez Feijóo foi aclamado menos dun mes despois de acceder á Presidencia da Xunta, celebrouse na Coruña, provincia na que se aglutinaba boa parte do núcleo de poder do presidente e na que o partido aspiraba a medrar notablemente nas seguintes eleccións municipais, algo que sucedeu. O de 2013 organizouse en Lugo como mostra de "recoñecemento expreso" ao partido "na provincia e na cidade" e estivo dirixido por Jaime Castiñeira, voceiro local. Desta volta, e malia á forte polémica e o procedemento xudicial que arrodea a José Manuel Baltar polo presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo, a cita está fixada en Ourense.

O Comité de Dirección dos populares galegos ratificou este venres o que xa avanzara o propio Feijóo no congreso provincial ourensán. Alí, tras ser reelixido por máis do 95% dos votos, Baltar revelou dende o atril que lle pedira a Feijóo celebrar o plenario congresual galego nalgún punto da provincia de Ourense. "Como aquí estamos a celebrar o mellor congreso político de Galicia", en "ningún sitio mellor que en Ourense" se podería celebrar a cita autonómica.

O barón ourensán "solicitou" que o congreso se celebrase en Ourense tras ser reelixido líder provincial

No seu discurso de parabéns a Baltar o presidente da Xunta afirmou que atendería o ofrecemento, e a dirección do PPdeG vén de ratificalo. O comité do partido vén de fixar para o 2 de abril a reunión da súa Xunta Directiva, órgano coa competencia para convocar o congreso. "Desa reunión -informa o partido- sairá a data concreta do conclave, que en todo caso se celebrará na cidade de Ourense", confirmaron. O Congreso, evidencian, servirá para a aprobación dunha "nova estrutura orgánica e, por suposto" a elección "da persoa que encabezará a lista dos populares cara ás próximas eleccións autonómicas".

O celeiro de votos ourensán preséntase como fundamental, se cadra mesmo máis do habitual

Así as cousas, será en territorio baltarista onde Feijóo escenifique que accede a concorrer como cabeza de cartel do PPdeG á Xunta por terceira vez malia considerar durante anos que o axeitado eran só dúas lexislaturas, ou ben onde dará paso a quen o substitúa para tentar reter a maioría absoluta. Sexa Feijóo ou non, a persoa que opte á Presidencia pola banda do PP precisará, se cadra máis que nunca nos últimos anos, do celeiro de votos de Ourense. E isto sucederá con independencia de que, cando chegue a campaña, siga ou non aberta a causa xudicial por supostos delitos de suborno e tráfico de influencias sen desbotar o acoso sexual, polos que Baltar declarou esta semana ante a xuíza Eva Armesto.

AGE recomenda "limpar" a Baltar

Antón Sánchez ve "cínico" que os populares reclamasen a marcha de Besteiro mentres manteñen no cargo a Baltar

O aval de Feijóo a Baltar foi este sábado obxecto de novas críticas dende a banda da actual oposición parlamentaria. Despois de que, durante a sesión de control do pasado mércores, tanto o socialista Méndez Romeu como o vicevoceiro de AGE, Antón Sánchez, reprochasen os "abrazos" do presidente co barón ourensán no canto de esixirlle o seu cesamento, o propio Sánchez recupera a crítica ao fío da dimisión de José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral do PSdeG.

Preguntado pola decisión do socialista e a reacción dos populares ao respecto Sánchez sinalou, nun receso da Coordinadora Nacional de Anova, que o feito de que o PP viñese reclamando a marcha de Bestiero supuña un "enorme exercicio de cinismo". Alén de considerar que Besteiro "acertou" decidindo marchar, o coordinador de Anova fai un "chamamento ao PP" para que "comece a limpar a súa casa", e "o primeiro desa lista debera ser o señor Baltar" polo que considera un comportamento "impresentable". "Se o que se quere é rexenerar a política, ao PP tócalle facer limpeza", conclúe.

Feijóo, con Baltar e o resto de presidentes provinciais © PP Ourense

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.