O fiscal xefe de Ourense pide xulgar a muller que acusou a Baltar de ofrecerlle emprego por sexo

José Manuel Baltar, no pleno da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

O fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, decidiu recorrer o auto polo que a xuíza Eva Armesto decretou o arquivo da investigación contra o presidente da Deputación e do PP provincial, José Manuel Baltar, por un presunto ofrecemento de emprego a cambio de sexo. Non o fixo para pedir que o político do PP siga sendo investigado, senón para reclamar que a muller que o denunciou sente no banco dos acusados como investigada por coaccións.

Segundo o recurso de apelación, datado no pasado día 1 e ao que tivo acceso Praza.gal, o Ministerio Público argumenta que a denunciante "presionou" tanto ao líder dos conservadores ourensáns como ao seu pai, José Luis Baltar -titular da Deputación no momento dos feitos- para "realizar un acto ilegal". "Aínda que -resolve- non realizaron ningunha actuación tendente á consecución do desexo da investigada.

Para sustentar a súa teoría o Ministerio Público esgrime as gravacións realizadas pola denunciante nas que reclamaba ao político do PP o cumprimento "dun suposto pacto criminal", isto é, a consecución dun posto de traballo no organismo provincial. Desde o punto de vista do fiscal as acusacións da muller non son máis nada que unha "mera especulación" baseada nunha relación sexual que "sexa real ou suposta", foi "utilizada" por ela para "presionar" de maneira "directa" a Baltar fillo e de modo "indirecto" a Baltar Pai.

O fiscal Florentino Delgado acusa a denunciante de coaccionar os Baltar para delinquiren e cumpriren un "suposto pacto criminal"

Esa vontade de que os políticos delinquisen, insiste Florentino Delgado, queda clara "nas propias conversas", nas cales "reitera a súa petición ilícita" e "utiliza como elemento de presión esa citada relación sexual inventada ou real", a cal non sería en si mesma "un ilícito penal". Os Baltar, censura, mesmo foron "abordados na vía pública" pola denunciante.

Deste xeito, o fiscal xefe ourensán pide que se confirme o arquivo da causa contra José Manuel Baltar e o seu pai, pero que sexa reaberta para abrir xuízo oral contra a súa denunciante. Delgado profunda así na súa posición de finais de 2015, cando xa arquivara a denuncia contra o barón do PP ourensán, aínda que o proceso seguiu adiante pola vía da denuncia xudicial. Neste sentido, conclúe que toda a investigación non fixo máis que "apuntalar e corroborar" a súa valoración inicial.

Delitos "non suficientemente xustificados"

O razoamento do fiscal Delgado bate co mantido pola xuíza durante toda a instrución, que mesmo no auto de arquivo da causa resalto que o feito de que o posto de traballo non se chegase a adxudicar non impide, por si mesmo, que os Baltar non delinquisen. A maxistrada Armesto ditaminou o arquivo porque, aínda que dá por certificado que o líder do PP ourensán "solicita, ou cando menos acepta un favor de natureza sexual", non ficou "suficientemente xustificado" que realizase xestións, directa ou indirectamente, para adxudicar o devandito posto.

A xuíza deu por certificado que o líder do PP ourensán "solicita, ou cando menos acepta un favor sexual", pero non foi quen de acreditar que incorrese nos tipos penais que lle imputaba

No que atinxe ao presunto delito de acoso sexual a instrutora indicaba no auto agora parcialmente recorrido pola Fiscalía que non fora quen de acreditar suficientemente a existencia "dun dos elementos" substanciais do tipo penal, a existencia dunha relación de "prestación de servizos". O proceso deixou acreditado, para a xuíza, que a denunciante realizara "labores de interventora" para o PP de Ourense en 2008 e mesmo participou na "organización" dun evento electoral, ademais de traballar "no Departamento de Enquisas" da Deputación ata 2010. O feito de que non existise unha relación laboral directa con Baltar fillo, indicaba, facía que sobre as testemuñas recompiladas non fose posible xustificar "a perpetración dos feitos punibles".

Neste contexto resta saber cal será o destino do recurso de apelación do fiscal e tamén doutro, o anunciado polo partido Democracia Ourensana, que participou no procedemento como acusación popular. A intención da formación política era que os Baltar si chegasen a ser xulgados polos delitos polos que os investigaran.

José Manuel Baltar, no pleno da Deputación de Ourense © Deputación de Ourense

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.