Rematou o baltarismo. Ou, cando menos, o baltarismo na súa modalidade coñecida ata agora, baseada no férreo control da Deputación de Ourense apoiado en folgadas maiorías absolutas que se repetiron ininterrompidamente dende finais dos anos 80 do século pasado. O reconto definitivo das eleccións municipais do pasado domingo, celebrado este martes na Xunta Electoral de Zona, certifica que o PP perdeu dous deputados provinciais polo partido xudicial de Ourense, segundo puido confirmar Praza.gal. Isto deixa o cómputo total en 12, un menos dos que precisaba para reter a absoluta na Deputación provincial.
A revisión do escrutinio ratifica a perda do décimo terceiro deputado que daría ao PP unha nova maioría absoluta na Deputación
Os populares ourensáns non dependen por primeira vez de si mesmos para reteren o poder dunha institución sen a que sería incomprensible o seu dominio na provincia nas últimas tres décadas baixo o mesmo apelido, primeiro con José Luis Baltar e dende 2012, co seu fillo, José Manuel Baltar. Os poucos centos votos que lles impediron acadar o escano número trece provocan que queden nas mans de Ciudadanos, que se estrea na corporación cun deputado.
Os responsables do partido de Albert Rivera en Galicia aseguran polo momento que non desbotan "nada". Tampouco, daquela, soster no poder o herdeiro dunha saga sinalada en innumerables ocasións por caciquismo e cuxo fundador, o autodenominado "cacique bo", foi condenado en 2014 por enchufar 104 persoas ligadas ao PP na Deputación en vésperas do congreso provincial do partido en 2010 no que o seu fillo logrou impoñerse en votos ao que era o candidato de Feijóo. Resta saber se a cúpula da formación dará en conciliar a súa mensaxe de "rexeneración" con dar soporte ao baltarismo.
Os responsables do partido de Albert Rivera en Galicia aseguran que non desbotan "nada" e unha maioría alternativa precisaría dun complexo pacto a catro bandas
O xogo de pactos para unha maioría alternativa non é doada. A segunda forza da corporación é o PSdeG, que apela directamente ao cambio, pero unha eventual investidura de cor socialista precisaría do apoio do partido local Democracia Ourensana (2 escanos), do BNG (1) e mais de Cs. Esa foi a opción suxerida por DO, que tampouco desbota calquera outro escenario tras unha campaña na que, non obstante, fixo da loita contra o "caciquismo" dos Baltar unha das súas bandeiras. A priori, non semella que os laranxas poidan estar dispostos a votar no mesmo sentido que os socialistas nunha alianza que inclúa o Bloque.
Caballero pide que Rivera aclare se sosterá a Baltar
Tras a confirmación da perda da maioría absoluta do PP na Deputación o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou dende Ourense claridade a respecto do seu voto. "Albert Rivera ten que dicir se cre que pactar coa dereita caciquil de Baltar é a fórmula para rexenerar a vida política" tal e como prometeu, retou. O líder socialista pide que "cadaquén estea á altura das circunstancias" e advirte que se, finalmente, o barón do PP ourensán segue na presidencia da Deputación grazas a Ciudadanos, a "credibilidade" dos de Rivera quedará "finiquitada".
"Albert Rivera ten que dicir se cre que pactar coa dereita caciquil é a fórmula para rexenerar a vida política"
A aposta do PSdeG, avanza Caballero, será a dun "goberno provincial de progreso" en cuxa votación "cadaquén se vai retratar". "Se outros queren ser bastón da dereita caciquil, terán que responder en Ourense e en España da súa posición", advirte en referencia a Ciudadanos. Pola banda socialista, afirma, a aposta será a dun pacto para que a Deputación "se incorpore á modernidade e deixe de vivir nas prórrogas do caciquismo do século pasado".
Tamén o candidato socialista á alcaldía ourensá, Rafael Rodríguez Villarino, apela a un acordo para desbancar aos Baltar. Quen a priori parte con máis posibilidades de ser o novo alcalde ourensán a partir do vindeiro 15 de xuño, dada a súa condición de líder da forza máis votada, augura que "por fin vai entrar a democracia" na Deputación. "Temos -agrega- a responsabilidade de sacar o atranco" que o baltarismo "foi para o desenvolvemento da provincia", conclúe.