O ata agora alcalde Jesús Vázquez, único rexedor popular das sete cidades, baixa de 10 a 7 edís, mesmos concelleiros que gañan os socialistas, con Democracia Ourensana de novo como árbitro da estabilidade
A inestabilidade política chegou a Ourense para quedarse da man de Democracia Ourensana. Se no anterior mandato a formación de Gonzalo Pérez Jácome foi quen de condicionar cos seus 8 concelleiros a alcaldía que ostentou o popular Jesús Vázquez con 10 edís, desta volta todo apunta a que fará o mesmo co socialista Rafael Rodríguez Villarino, que con 9 concelleiros é a lista máis votada e como tal levará a alcaldía a non ser que se produza un pacto entre PP e Democracia Ourensana.
A inestabilidade dos últimos catro anos custoulle ao ata agora rexedor, o popular Jesús Vázquez, a perda de tres concelleiros, pasando de 10 a 7, mesma contía que veñen de gañar os socialistas, que pasan de 6 a 9. Democracia Ourensana perde un escano, baixando de 8 a 7, pero segue a manter un considerable 21,5% dos votos que lle permiten ser chave en posibles pacto. As seguintes formacións, Ciudadanos e BNG, que entran na corporación por Ourense en Común, obtiveron dous edís cada unha, contía insuficiente para poder influír en ningunha posible alianza.
Se non hai ningún acordo, o alcalde será directamente o candidato da lista máis votada, o socialista. No caso de haber pactos, estes terían que sumar maioría absoluta, o que se conseguiría só sumando os edís de PP e DO, ou de DO e o PP. Este mesmo domingo, como hai catro anos, Jácome xa dixo que quere ser alcalde. Non semella que nin Jesús Vázquez llo vaia facilitar a Jácome, nin Jácome a Jesús Vázquez tras catro anos de duros enfrontamentos. Pero todo podería cambiar se Democracia Ourensana pode xogar algún papel tamén para decidir quen queda coa Deputación e se produce algún tipo de intercambio de apoios.