Un mandato convulso e unha inaudita fragmentación de candidaturas (15 en total) anticipan un novo escenario ingobernable na terceira cidade galega
A maior parte da cidadanía galega (a que vive no eixo da AP-9) descoñece en gran medida o que pasou nestes últimos catro anos na política municipal ourensá, porque os grandes medios deixaron pouco espazo para falar do único goberno do Partido Popular nas cidades galegas. Pero na terceira cidade galega viviuse un mandato inzado de conflitos, con orzamentos prorrogados e un goberno lastrado pola minoría. Esta corporación, ademais, ten unha variable propia que condiciona as combinacións de maiorías: todas as fórmulas pasan pola bisagra de Democracia Ourensana (DO), o partido que capitalizou a indignación en 2015 e cun candidato, o populista Gonzalo Pérez Jácome, do que o resto de forzas foxen.
A maior parte da cidadanía galega (a que vive no eixo da AP-9) descoñece en gran medida o que pasou nestes últimos catro anos na política municipal ourensá. Pero na terceira cidade galega viviuse un mandato inzado de conflitos, con orzamentos prorrogados e un goberno lastrado pola minoría
O panorama para o 26 de maio é, por tanto, impredicible. Porque ningún dos partidos con presenza na corporación se librou das leas ou as divisións internas. O grupo de goberno (PP) viu como o seu portavoz e home forte durante varios mandatos, José Araújo, deixaba o partido e se presentaba como candidato de Ciudadanos, nun momento que podería comprometer a xa feble imaxe do PP da capital despois destes anos. E Vox tamén estará presente.
Tampouco se libra das leas o PSOE, tras a perda de alcaldía e a caída de 2015: o candidato Barquero renunciou tras os cambios na lista impostos por Ferraz e acabou sendo Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial, o encargado de liderar a candidatura socialista. E xorde tamén a figura de Pachi Vázquez, ex-líder do PSdeG, que lanzou para as municipais o seu proxecto alternativo ao PSOE, Espazo Común. En Ourense liderará a lista Óscar Pérez Carral, que estaba de número 3 nas listas propostas por Barquero, polo que é posible que reciba o apoio de parte da militancia ourensá.
Á esquerda dos socialistas tampouco haberá unidade popular. Ourense en Común, que obtivo 3 concelleiros en 2015, volve presentarse co mesmo nome, máis sen confluencia: haberá lista de Ourense Mellor, vinculada á En Marea de Luís Villares, e Unidas Podemos terá tamén candidatura propia. Alén disto, o BNG busca recuperar a presenza no pleno.
Por outra banda, os resultados do 28 de abril tampouco deixan moitas pistas sobre o que poderá pasar este domingo. O bipartidismo resistiu mellor: PSOE e PP foron primeira e segunda forza en todas as seccións agás nunha do barrio de San Francisco, onde Ciudadanos adiantou aos populares. Os socialistas conquistaron nesta ocasión gran parte da cidade, mentres que os populares mantiveron o seu reduto do centro histórico.
Como votou Ourense en 2015?
A vitoria do PP como lista máis votada consolidouse, sobre todo, nas zonas rurais do municipio e no casco histórico da cidade, onde se concentran as maiores rendas. Ademais, acadou porcentaxes maiores de apoio nas zonas de maior idade. Porén, nos barrios máis novos, como O Vinteún, caeu a terceira forza, superado por Democracia Ourensana e PSOE.
A vitoria do PP como lista máis votada en 2015 consolidouse na zona rural e no casco histórico; Democracia Ourensana foi a máis votada en seccións das Lagoas, O Couto, San Francisco e o centro
O partido populista amosa precisamente unha correlación de apoios inversa á dos populares. Ademais de impoñerse no Vinteún, Democracia Ourensana é a máis votada en varias seccións das Lagoas, O Couto, San Francisco e o centro da cidade, mentres que obtén o seu peor resultado nas zonas rurais e máis envellecidas. Cabe subliñar que o voto demográfico a DO se corresponde máis co perfil das chamadas candidaturas do cambio doutras cidades ca o propio de Ourense en Común, o que subliña aínda máis o seu éxito atraendo o voto de protesta.
O PSdeG recolleu gran parte dos apoios en barrios periféricos e Ourense en Común tivo máis forza en zonas urbanas máis novas. O BNG colleitou as mellores cifras en Seixalbo e O Posío
Pola súa parte, o PSdeG recolleu gran parte dos seus apoios en barrios periféricos, de rendas máis baixas e maior idade, e en parroquias como Seixalbo, Reza ou Canedo. As súas peores cifras (mesmo sendo superados por Ourense en Común) aparecen en seccións do casco histórico, onde os socialistas chegan a caer por debaixo do 10% dos apoios.
A outra candidatura con representación na corporación municipal, Ourense en Común, xorde con máis forza nas zonas urbanas máis novas onde é patente, ao tempo, a debilidade do PSOE, como é o caso dos barrios das Lagoas, a zona universitaria e algunhas seccións do centro. Pola contra, a candidatura de confluencia foi a que amosou a súa maior fenda de resultados entre a zona rural e a urbana: apenas supera o 10% nas seccións afastadas do núcleo urbano.
En Ourense hai un escenario do que ninguén fala abertamente, pero no que todos pensan
O outro partido que estivo preto de entrar na corporación en 2015, o BNG, colleita as mellores cifras en Seixalbo e O Posío, mesmo superando a Ourense en Común. No entanto, o seu apoio cae ata menos do 1% nos barrios máis envellecidos e rurais.
Con todo, o terremoto que se produciu no seo de case todas as candidaturas sementa unha enorme incerteza sobre como se manifestará a cidadanía de Ourense o domingo 26. Ante o retroceso do bipartidismo e a perda de pulo das confluencias que non tocaron poder, hai un escenario do que ninguén fala abertamente, pero no que todos pensan: un home que celebrou con grande efusión a vitoria de Donald Trump pode acadar a alcaldía de Ourense sen que outra alternativa sume o suficiente para descabalgalo.