O pasado 29 de xaneiro José Araújo, edil clave do goberno local de Ourense e unha das referencias do PP local durante lustros, anunciaba a dimisión de todos os seus postos no consistorio e tamén a militancia no partido. Araújo deixaba de ser o voceiro e o titular dunha das principais áreas do goberno de Jesús Vázquez, o único dos populares nunha cidade galega porque "non se pode gobernar a base de selfies ou de insultos" nunha cidade que "non avanza", xustificou, ademais de anunciar un período de reflexión sobre o seu futuro político.
Todo apunta a que Araújo, edil clave do único goberno do PP nas cidades galegas, será o aspirante do partido de Albert Rivera á alcaldía ourensá
Ese período de reflexión foi breve, como avanzara. E, na liña do xa insinuado por el mesmo na comparecencia na que anunciou a súa dimisión, vén de concluír coa súa incorporación a Ciudadanos. Acompañado polo secretario de organización do partido de Albert Rivera en Galicia, Laureano Bermejo, Araújo anunciou que xa é militante desta formación co ánimo de ser "coherente" e a intención de "buscar unha nova fórmula para sacar adiante esta cidade".
Como no anuncio da súa dimisión, o ex-concelleiro do PP non aforrou críticas ao goberno do que formou parte ata hai apenas dúas semanas, nin tampouco ao resto de grupos. El, di, non é partidario de "estar todo o día bromeando, facendo vídeos de coña, ninguneando o goberno municipal ou ninguneando á oposición". Esa, ao seu xuízo, é a "forma de traballar" na actualidade, que "non está achegando nada en positivo a esta cidade", conclúe.
Jesús Vázquez reprocha que o que fora un dos seus edís de confianza "poña os seus intereses por riba dos de Ourense" e o coordinador de Ciudadanos na cidade dimite por ver este movemento como propio "da vella política"
Aínda que a súa candidatura á alcaldía aínda non é oficial -decidirase dentro dun mes, segundo o partido, esa é a posibilidade que cobra máis forza e tamén a que xa está a traer consigo as primeiras consecuencias. Así, case ao mesmo tempo que Araújo anunciaba o seu paso a Ciudadanos, o ata agora agora coordinador do partido na cidade, Alberto Rodríguez, anunciaba a súa dimisión porque, segundo recolle La Región, ve esta operación como propia "da vella política". Tamén porque Ciudadanos, asegura, criticou en numerosas ocasións o "total abandono da cidade" por parte das concellerías que dirixía Araújo no goberno do PP.
Tampouco aforrou críticas a este movemento o alcalde da cidade e candidato á reelección polo PP. Araújo, a quen recoñecía como un dos edís da súa máxima "confianza", está a "pór os seus intereses por riba dos de Ourense", censura Jesús Vázquez, mentres que el mesmo, asegura, "vai poñer sempre a cidade por riba dos intereses persoais e do partido". Do seu punto de vista, o feito de que Ciudadanos "se dedique a ir fichando en base a intereses e sen un programa" é a mostra de que "non hai alternativa ao grupo de goberno do PP".
Esta non é, así e todo, a primeira ocasión en que Ciudadanos conforma parte dos seus cadros municipais con ex-membros do PP e doutras forzas. Así, por exemplo nas eleccións de 2015 os de Rivera ficharan, entre outros, a un ex-concelleiro do PP de Santiago na etapa de Gerardo Conde Roa como candidato á alcaldía da capital galega