Ex membros do PP e de UPyD copan os carteis electorais de Ciudadanos en Galicia

Xuntanza de coordinadores locais de Ciudadanos en Galicia © C's Ferrol

Ciudadanos presentarase finalmente en 19 concellos galegos ás eleccións municipais. Malia os vetos iniciais que a dirección estatal impuxera a varias listas urbanas e a pesar da polémica pola inclusión de ex militantes de UPyD nas candidaturas, a formación de Albert Rivera cumprirá cos obxectivos que se marcara hai meses. Sen case implantación en Galicia, preséntase co discurso da "rexeneración" e da "nova política", aínda que a maioría dos seus aspirantes a alcalde e moitos dos seus integrantes das listas proveñen doutros partidos. Moitos son ex militantes de UPyD que abandonaron o barco da formación maxenta para enrolarse en C's, outros ex candidatos do PP ou ex figuras relevantes de partidos independentes xurdidos de escisións dos populares. E mesmo do PSOE, aínda que a dereita é o seu principal caladoiro. 

Ex candidatos de UPyD, PP e de partidos independentes xurdidos dos populares nutren as listas de Ciudadanos en Galicia

Foi na Coruña e a súa área metropolitana onde a estreita relación entre as bases de Ciudadanos e o PP local foron máis evidentes.  Lola Prieto, que se postulaba para número un, recomendara ao PP a inclusión dunha ex militante do seu partido nas listas populares, tal e como desvelara Público, que tamén adiantara que o coordinador do partido na cidade, Antonio García-Plata, xa integrara a candidatura popular en Cambre en 2011. O conflito resolveuse desde a dirección estatal prescindindo de Prieto e colocando de candidato a Santiago Folla-Cisneros, antigo líder e candidato na Coruña de UPyD, que copa a metade da lista electoral de C's. 

Ocorre algo semellante nos concellos limítrofes. María José García Hidalgo será a número un en Cambre; Domingo Álvarez Alvedro, en Culleredo; Daniel Turrado Vázquez, en Arteixo e Augusto López, en Sada. Todos eles son ex cabezas de lista ou membros de candidaturas de UPyD en anteriores comicios. Ocorre o mesmo en Narón, onde Hugo Rodríguez, que xa fora aspirante a rexedor polo partido de Rosa Díez, será o número un. 

Os números un na Coruña e a súa área proveñen de UPyD; os aspirantes á alcaldía en Compostela, Burela ou Boiro militaron no PP

Porque son PP e UPyD as principais canteiras de onde se nutre Ciudadanos en Galicia. En Compostela, o elixido para liderar a lista foi Javier Sánchez-Agustino, destacado militante popular local ata hai unhas poucas semanas e concelleiro ata 2011, cando ficou fóra da lista de Gerardo Conde Roa despois de acompañalo no seu fallido asalto á alcaldía en 2007. Coñecida é nel a súa afinidade co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que define como "compañeiro" e impulsor "unha nova liña ideolóxica e xeracional moi clara" coa que decía sentirse "plenamente identificado".

 

Noriega "sospeita" dunha estratexia pactada entre PP e Ciudadanos

Martiño Noriega, candidato a alcalde por Compostela Aberta, non dubidou en manifestar as súas "sospeitas" de que o desembarco a última hora de afíns ao PP en Ciudadanos, tanto en Santiago como na Coruña, poida deberse a unha "estratexia" dos populares para frear o auxe das mareas cidadás e recoller así os votos perdidos da dereita. 

Na Mariña, onde Ciudadanos presenta dúas candidaturas, o proceso foi semellante. O seu candidato en Burela é Manuel Vicente González, coñecido empresario e ex concelleiro polo PP no concello veciño de Cervo. En Ribadeo, a formación laranxa xorde na súa maioría da UPRI (Unión do Pobo Ribadense), partido fundado por Francisco Rivas, que tamén fora concelleiro polo Partido Popular. 

En Boiro e Ribadeo, a agrupación de Ciudadanos xorde de formacións independentes xurdidas de antigos militantes populares

En Boiro, onde Ciudadanos tamén presenta lista, o seu candidato é Javier Chouza, o coordinador en Galicia da formación. En 2007 foi concelleiro do PP e catro anos despois entrou como edil coa Unión Popular de Boiro (UPB), que fundou e que acabou disolvéndose para conformar tamén esta agrupación laranxa no Barbanza. Na mesma comarca, en Ribeira, o candidato será Asier Casais, vinculado anteriorme ás Novas Xeracións. 

De partidos independentes chega a Ciudadanos tamén Plácido García en Cee, un histórico da política da Costa da Morte que foi concelleiro por Independentes por Cee, formación que abandonou hai dous anos para pasar a formar parte do grupo mixto. Pola contra, en A Lama, outro dos concellos onde Ciudadanos terá papeleta o 24M, o candidato a alcalde será Andrés Cal Malleiro, membro da corporación municipal como edil non adscrito tras presentarse aos anteriores comicios na lista do PSOE. Dos socialistas, aínda que como ex militante, chega tamén María Rey, que será a cabeza de lista de Ciudadanos en Pontevedra. 

UPyD conseguiu rearmar as súas listas na Coruña e Ferrol malia a fuxida dos seus militantes

En Vigo, pola contra, o candidato é un recentemente chegado á política. Jorge Portela sumouse en 2014 a Ciudadanos e agora aspira a obter representación na corporación municipal. En Ames, o candidato será Javier López; en Negreira, outra localidade con representación laranxa nas municipais, será José Manuel López Lago, médico e coordinador local da formación, mentres que en Ferrol a cabeza de lista será Ana Rodríguez Masafret e en Lugo, Olga Louzao. 

Ciudadanos, UPyD e PP coincidiron hai seis anos na polémica manifestación de Galicia Bilingüe

Moitos destes candidatos en Galicia chegan ás listas de Ciudadanos grazas a unha excepción que se inclúe nos seus estatutos. Neles asegúrase que para participar como candidato nunhas primarias do partido, deberase levar afiliado un mínimo de seis meses, aínda que o comité executivo "poderá autorizar a presentación de candidatos que non cumpran cos requisitos mediante acordo expreso e motivado". 

Autorizouse expresamente para moitos ex afiliados a UPyD en Galicia, que malia a fuxida masiva de militantes anunciou que concorrerá finalmente ás eleccións na Coruña e Ferrol, cidades nas que conseguiu rearmar as súas listas. Únense así ás candidaturas xa confirmadas con anterioridade de Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Pero as expectativas para os de Rosa Díez non son boas ante o auxe de Ciudadanos, que malia carecer de bases e implantación en Galicia, xa é visto con bos ollos por Núñez Feijóo e o PPdeG. Unha das súas escasas aparicións nos últimos anos no panorama político galego foi o seu apoio á polémica manifestación de Galicia Bilingüe de hai seis anos e onde coincidiron populares, UPyD e membros da formación de Albert Rivera. 

Presentación da candidatura de Ciudadanos en Ribadeo © Ciudadanos Ribadeo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.