O pasado marzo Alberto Núñez Feijóo protagonizaba en Ferrol un dos primeiros actos da precampaña do seu partido. Alí, xunto aos eloxios ao seu candidato, o presidente da Xunta e do PPdeG lanzou unha advertencia: ou os conservadores seguían á fronte da alcaldía ou un "caos liderado por Podemos" e mais "os comunistas" faríase co poder. Case dous meses despois e a coreita e oito horas do inicio da campaña do 24-M o xefe do Goberno galego volve botar man dun clásico que semella inmorredoiro: a axitación do medo ao comunismo en período electoral.
Desta volta o escenario non foi un mitin, senón a sesión de control do Parlamento de Galicia. A vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz, cuestionaba o presidente a respecto dos datos do paro e instábao a aclarar se vai tomar algunha medida para que Galicia deixe de ser "a primeira comunidade, segundo a EPA, en nivel de destrución e emprego". "Non faga o ridículo falando do paro rexistrado" e aborde os datos da enquisa de poboación activa, retou Díaz, a cuxo xuízo "a EPA é a única enquisa" que os populares "non poden manipular".
Tras esgrimir, efectivamente, os recentes datos de paro rexistrado, "o mellor mes de abril dende que hai serie histórica", o presidente tamén se referiu á EPA, "esa que lle vale a vostede", para gabarse de que "seguimos con dous puntos menos" de desemprego "que a media de España, e mire que España vai ben". Nesta conxuntura, Feijóo reta a Díaz a dicir "cal é a súa proposta, cales son as súas polítícas". Eis onde entra a cuestión comunista ou, máis concretamente, soviética. "Hai moi pouco tempo caeu o Muro de Berlín e os que pasabn eran os alemáns do leste á Alemaña do Oeste". "Vostedes -en referencia a AGE ou a EU- estaban en Alemaña do Leste e de aí xa fuxiron todos". "O Muro de Berlín en España non existe dende hai moito tempo, por iso gañamos os que practicamos política democrática", abondou.
Feijóo respondeu á pregunta sobre a EPA instando a AGE a aclarar se prefire "o plan quinquenal das economías comunistas ou a misión bolivariana das economías caribeñas"
Ante os argumentos presidenciais a deputada de Alternativa reiterou as cifras da EPA e censurou o que, di, son "mentiras" de Feijóo a respecto do mercado laboral en Galicia, que "non é a Alemaña do Leste". Para Díaz resulta unha "frivolidade" a argumentación de Feijóo que, non obstante, regresou ao bloque soviético na sú segunda quenda. "Señoría, non son culpable de que vostede non tivese en conta que o paro do mes de abril ía baixar de forma contundente" e "tampouco de que os alemáns do leste quixesen ir ao oeste", retomou.
"Eses réximes en Europa xa non existen", celebra o presidente da Xunta que, ante uns datos do paro que considera "boas noticias para Galicia", insta a vicevoceira de AGE a detallar "cal é a súa proposta: o plan quinquenal das economías comunistas ou a misión bolivariana das economías caribeñas". "Hai dúas misións bolivarianas que coñece moi ben, a misión Che Guevara" para "formar nos valores socialistas" e "a misión 13 de abril", seguiu debullando o presidente cando xa rematara o seu tempo. O peche do micrófono dende a presidencia impediu escoitar o remate do relato.