O PP advirte de que "un caos liderado por Podemos" e "os comunistas" ameaza Ferrol

Feijóo e Rey Varela, no mitin do auditorio ferrolán © PP Ferrol

Ameaza literal de "caos". O PP comezou este venres en Ferrol os actos de lanzamento oficial dos seus candidatos ás cidades e fíxoo multiplicando a sementeira de temor coa que os conservadores adoitan definir as alternativas aos seus propios gobernos. Onde antes había risco de bipartitos agora haino directamente dunha situación caótica que o presidente da Xunta e do partido, Alberto Núñez Feijóo, retratou dende o atril do auditorio ferrolán, onde actuou como mestre de cerimonias e aval dunha das súas grandes apostas, a reedición da maioría absoluta de José Manuel Rey na cidade na que ningún alcalde foi quen de recuncar.

Nun mitin monolingüe en castelán e amenizado con melodías de U2 ou Coldplay Feijóo clamou pola necesidade de que a cidade "siga a confiar" na mestura de "estabilidade e inconformismo" que encarna Rey Varela. Ferrol, sinala, precisa que o Concello continúe rexido por un "partido unido". Outros, asegura "non poden dicir o mesmo" que "un PP de Ferrol que lle devolveu a estabilidade á cidade". Neste contexto o líder da dereita sentencia que ante a cita coas urnas só hai dúas "opcións": "A estabilidade de José Manuel Rey ou o caos liderado por Podemos, integrado polos comunistas, polas mareas, polo BNG e polo PSOE".

Feijóo proclama de que a alternativa á "estabilidade" do PP é "un caos liderado por Podemos" e "integrado polos comunistas, polas mareas, polo BNG e polo PSOE"

Na mesma xornada en que os sindicatos do naval anunciaban novas mobilizacións por que "o PP mente cos contratos" e contra o uso "político" do sector durante a campaña Feijóo mantén que a cidade "non só non languidece", senón que grazas ao seu partido "está a rexurdir". O electorado ferrolán ten que "desconfiar" das "mensaxes baseadas no vitimismo" e depositar o voto en que "ten intacto o reto de seguir abrindo oportunidades económicas para Ferrol como sei fai dende a Xunta, primando todos os investimentos que chegan a esta comarca ou loitando para que, por fin, despois de oito anos sen un só pedido, Ferrol fixese barcos de novo".

Candidato cun "corazón que non lle cabe no peito"

Rey Varela promete empregos para "todos os ferroláns" no porto exterior

O naval tamén foi un dos eixos do discurso do candidato á reelección, un alcalde que segundo Carlos Negreira, aspirante na Coruña e presidente provincial do PP, ten un "corazón que non lle cabe no peito", ademais de ser un "home moderno" fronte a "políticos miopes que non se ven nin os zapatos". Como informa Ferrol 360 Rey Varela asegura que os estaleiros da ría están comezando a "recuperar o pulso", aínda que "non tan rápido como nos gustaría". Ademais, asegura, a terminal de contedores do novo porto exterior vai xerar emprego "este ano" para "todos os ferroláns".

Ante os seus lemas de precampaña, Ferrol quiere Ferrol tiene ganas, Rey Varela pediu apoio para "rematar" o seu proxecto "plural e colectivo" para unha cidade que "antes de Semana Santa" xa vai poder "locer un novo aspecto". Promesas de obras, dun campus da saúde no hospital Novoa Santos ou de bandeiras azuis nas praias de Caranza e A Graña culminaron a intervención dun alcaldable que di ter "máis ilusión" que "o primeiro día". "A rúa -augura- pon a todos no noso sitio".

Discurso de Rey Varela © PP Ferrol

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.