"Somos candidaturas irmás, que compartimos códigos e experiencias". Xulio Ferreiro, candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, quixo resumir así o "adn común" das plataformas cidadás que este mércores compareceron xuntas na rolda de prensa de presentación do acto público que á tarde reune seis das principais candidaturas municipalistas do Estado en Madrid. Os cabezas de lista da iniciativa coruñesa, de Barcelona en Comú, Ahora Madrid, Málaga Ahora, Terrassa en Comú e Zaragoza en Común reivindicaron o "protagonismo da xente" de cara ás vindeiras eleccións municipais, que agardan que sexan "como moitos anos atrás, a punta de lanza dunha revolución democrática" que cofían tamén en que "vaia moito máis aló destes comicios locais", tal e como dixo Ada Colau.
"Agardamos que as municipais sexan a punta de lanza dunha revolución democrática", di Ada Colau
"Queremos gañar e necesitamos gañar", asegurou a líder da plataforma barcelonesa, que advirte que estas seis candidaturas -xunto a outras moitas máis semellantes e con orixe parecida- representan xa "algo inimaxinable hai un ano, cando se dicía que non había alternativa". "Si que a hai e lográmola organizando moita xente e demostrando que si se pode facer política doutra maneira, con transparencia, primarias e programas participativos". "Dalgún xeito, xa estamos gañando", engadiu.
Ante numerosos medios de todo o Estado, cada un dos candidatos quixo resumir tanto o percorrer e especificidades das súas plataformas como os vasos comunicantes que as unen. Xulio Ferreiro destacou que a Marea Atlántica "cabalga sobre unha marea de rebelión democrática que vén de movementos populares como Nunca Máis, o 15M ou a PAH". "Somos a xente común, temos a ilusión do noso lado e imos facer isto coas nosas propias mans", insistiu o cabeza de lista, que destacou o "apoio xeneroso da xente", así como a "ilusión e a alegría"de quen fai as cousas "coas súas propias mans, sen hipotecas nin préstamos e sen o apoio de ningún poder fáctico".
"A Marea Atlántica cabalga sobre unha marea de rebelión democrática que vén do Nunca Máis, do 15M ou da PAH", di Xulio Ferreiro
Ferreiro quixo destacar tamén o feito de teren conseguido "un proceso de confluencia moi amplo", que inclúe "sete partidos, algúns nacionalistas e outros non". "E foi grazas á xenerosidade e á altura de miras de partidos que decidiron non presentarse e apoiaron un proceso serio, responsable e de participación", dixo. "Somos xente corrente facendo cousas extraordinarias", insistiu
No mesmo acto, Ada Colau afirmou que as candidaturas municipalistas "irmás" son xa "unha alternativa" e cre que a cidadanía agora "poderá escoller entre o modelo de Gürtel, Bárcenas, sobres, Pujol, arrogancia, prepotencia e corrupción ou o modelo da cidadanía, a pluralidade e a transparencia". "Seguro que nos equivocaremos porque non somos mellores que ninguén, pero traballamos de maneira colectiva, con toda a xente que se queira sumar e iso permitiranos detectar as nosas eivas, melloralas e corrixilas", continuou.
"Chegou o momento de que a política municipal a fagan os cidadán", reivindica Manuela Carmena
Para Manuel Carmena, candidata de Ahora Madrid, "chegou o momento de que a política municipal a fagan os cidadáns". "Trátase de cambiar os protagonistas; todos nós formarmos parte desa cultura común na que a participación ten que tomar un papel especial, na que a colaboración é clave", manifestou, tras aclarar que todas as candidaturas cidadás representadas forman parte "de movementos", polo que seguirán "movéndose nesa idea e non na de estruturas pechadas". "Cada vez que nos xuntamos e falamos saen novas ideas das que nos contaxiamos; así é e así debe ser", continuou, no mesmo sentido que Xulio Ferreiro, que de cara a unha futura colaboración dos espazos, advirte que "non se pode ver desde unha estrutura clásica": "Traballamos en rede e seguiremos facéndoo porque compartimos cousas e uns nos nutrimos dos outros".
"As elites están nerviosas; a Marea inundará o Concello e desaloxará os mordomos do 1%", asegura Ferreiro
"As elites están nerviosas"
En canto á situación particular de cada urbe, Ferreiro destacou que A Coruña "foi o patio traseiro de caro señores que foron sempre apoiados polo PP e o PSOE". "Chegamos para ser a alternativa aos que pensan que a cidade é súa e queremos devolvela á xente común; as elites están nerviosas porque somos alternativa á corrupción", tras advertir de que, "se todo vai ben, o 24 de maio a Marea inundará o Concello e desaloxará os mordomos do 1% para poñelo ao servizo dos veciños". En canto aos posibles pactos post-electorais, incidiu en que a súa formación pactará "en base a políticas, métodos e códigos éticos e co referendo das persoas que participaron nas primarias". "Vai haber dous bandos: o do PP da corrupción e o da Marea e os demais terán que escoller", dixo nun acto ao que tamén asistiu unha representación de Ourense en Común.
Ademais, Ada Colau insistiu no obxectivo de "gañar" para "recuperar as institucións e poñelas ao servizo do ben común" e destacou o feito de que, tanto no caso de Barcelona en Comú como doutras candidaturas, estas sexan vistas xa como "alternativa, malia que aínda hai moita xente que non coñece o nome da candidatura". "O noso mandato nas vindeiras semanas é ir a todos os barrios, moverse e dar a coñecer o noso proxecto", insistiu quen, preguntada polo dereito a decidir e a posición da súa plataforma, foi clara: "A nosa aposta é clara porque forma parte do noso adn; é un principio irrenunciable que a cidadanía poida decidir e sobre moitas cousas".