En xullo de 2015, cando o goberno do PP en Ourense levaba en marcha pouco máis dun mes, o gabinete encabezado polo ex-conselleiro Jesús Vázquez tivo que enfrontarse á súa primeira remodelación. Un ultimato do presidente da Deputación e líder do partido na provincia, José Manuel Baltar, obrigou a dimitir ao primeiro tenente da Alcaldía e voceiro do goberno municipal, Francisco González, para poder seguir desempeñando o seu labor como alto funcionario da propia Deputación. Aquel imprevisto tornou definitivamente en peza clave do único goberno do PP na Galicia urbana a José Araújo, concelleiro que este martes dimitiu de todos os seus cargos e anunciou ao mesmo tempo a súa marcha das filas populares sen pechar a porta a outros partidos.
Araújo, veterano edil, era o voceiro do goberno do ex-conselleiro Jesús Vázquez, tiña ao cargo unha ampla área de xestión e dábase por seguro que recuncaría na candidatura do PP
Araújo, terceiro tenente da alcaldía e voceiro do goberno, xestionou ata agora unha macroárea con amplas competencias que ían dende as infraestruturas ao medio rural pasando polo medio ambiente, o servizos eléctricos ou o transporte público. Veu sendo tamén unha das caras máis recoñecibles e consideradas do PP na cidade. Entre outros aspectos, por acumular máis dunha década na corporación, primeiro como responsable de Cultura (2003-2007) e despois, na oposición (2007-2011).
Esa dilatada experiencia e os prognósticos que daban por segura a súa presenza destacada na candidatura de Jesús Vázquez para as vindeiras municipais de maio pairou sobre as razóns que Araújo esgrimiu para explicar a súa dimisión tras llela comunicar a Vázquez e a Baltar. Levaba moito tempo a "meditar" a decisión, di e mesmo valorou quedar como concelleiro non adscrito, pero "non podo ser refén do meu partido nin o meu partido, refén meu".
O concelleiro dimisionario cre que nin o goberno do PP nin a corporación no seu conxunto "cumpren as expectativas" nunha cidade que "non avanza" e, lembra, carece de orzamentos dende 2014
Cre que nin o goberno do que foi parte nin a corporación no seu conxunto "cumpren as expectativas" dunha cidade que "non avanza". "Levo moito tempo reflexionando e non me vexo nunha futura corporación ao mesmo ritmo que a actual", afirma, con exemplos concretos como a ausencia de novos Orzamentos dende 2014 ou de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), anulado xudicialmente en 2008.
Araújo marcha entre mensaxes claramente dirixidas aos seus ata agora compañeiros. Tamén ao resto de grupos da convulsa corporación, marcada dende 2015 pola fragmentación tras o descenso dos partidos tradicionais da cidade -O PP pasou de 11 a 10 edís, o PSOE de 11 a 6 e o BNG, de 2 a ningún- mentres a formación local Democracia Ourensá se disparaba -de 2 a 8- e Ourense en Común, a 'marea' local, quedaba en só 3. "Esta cidade non se vai poder gobernar a base de selfies", dixo Araújo en referencia implícita ao alcalde "nin a base de insultos", afirmou nun comentario interpretado como alusión a Gonzalo Pérez Jácome, líder de DO.
Araújo admite que xa tivo "propostas" de Ciudadanos e disponse a "reflexionar" tras deixar o único goberno urbano do PP, que Feijóo erixiu en exemplo de "estabilidade"
E agora, que? Araújo di que se dispón a "reflexionar" sobre o seu "futuro político". Tras 27 anos de militancia no PP di ter claro que "dende dentro" xa non é posible "facer nada" e non oculta que xa lle chegaron "propostas doutras formacións políticas" que teñen "intención de acudir ás municipais". Unha delas, admite, foi Ciudadanos. El, afirma, intúe que tras o "experimento" deste mandato a veciñanza de Ourense vai optar por "unha fórmula diferente" nun contexto no que, nas eleccións municipais, o electorado vota "máis por afinidade ás persoas que por ideoloxía".
Tras coñecer a dimisión, o alcalde de Ourense e candidato polo PP á reelección dixo estar "sorprendido" porque "non había nada que levase a pensar isto". A apenas catro días da presentación das candidaturas municipais do PP galego, Vázquez admite que Araújo é "unha persoa moi afín a min", coa que traballou ata agora "man con man". Baltar, pola súa banda, dixo "respectar" a decisión e "valorar o seu traballo político" e os grupos da oposición ourensá interpretaron a dimisión como unha mostra das tensións internas do PP local e do esgotamento do seu goberno, que Feijóo veu presentando durante os últimos catro anos como modelo de "estabilidade".