As eleccións de 2015 deron lugar a un panorama marcado pola viraxe de diversos gobernos municipais cara á esquerda e tamén pola ausencia de maiorías absolutas como tónica xeral. Ambas circunstancias manifestáronse nas sete principais cidades galegas cunha soa maioría absoluta, en Vigo, e unha soa alcaldía do PP, en Ourense, e reflectíronse tamén á hora de sacar adiante cada ano un dos proxectos clave para todo goberno, os seus orzamentos. Agás no caso vigués -por motivos obvios- os gobernos urbanos atravesaron numerosos atrancos para aprobar as sucesivas contas e dous deles, o ourensán e o ferrolán, levan todo o mandato a xestionar con orzamentos prorrogados de cadanseus antecesores -2014 e 2015, respectivamente-. No entanto, o pacto orzamentario dos grupos da esquerda do pleno de Ferrol vai deixar Ourense como única cidade con contas herdadas do mandato anterior.
Tras un trienio marcado polos desencontros que mesmo deron lugar á ruptura do pacto de coalición entre Ferrol en Común e PSdeG, este xoves o pleno municipal da cidade aprobaba inicialmente as contas de 2018, as primeiras do mandato. Fíxoo cos 12 votos a prol de Ferrol en Común, PSdeG e BNG e outros tantos en contra de PP e Ciudadanos, mentres que a concelleira non adscrita, Esther Leira -ex-FeC- optou pola abstención. O voto de calidade do alcalde, Jorge Suárez, decantou a votación favorable a un proxecto de 69,2 millóns de euros -uns 15 máis que os últimos do PP, os prorrogados de 2015-. Segundo o rexedor, "á fin logramos demostrar á cidadanía que cando hai diálogo e se negocia coa vista posta na rúa podemos chagar a acordos".
O goberno de Ferrol en Común logrou a aprobación inicial dos orzamentos de 2018 cos apoios de PSdeG e BNG e o voto de calidade do alcalde
O documento orzamentario, que será elevado a definitivo de xeito automático se non existen reclamacións no prazo de exposición pública, incorporou durante o pleno emendas de PSdeG e BNG referidas a, entre outros proxectos, investimentos no mercado de Caranza, a "humanización" de varias rúas, o aparcadoiro gratuíto do compleox hospitalario ou o parque infantil no Inferniño. "É un día de orgullo para Ferrol; estes non son os orzamentos de Ferrol en Común, nin do PSOE nin de ningún grupo político; son para Ferrol, para a veciñanza, e neste ano haberá investimentos importantísimos que suporán un salto cualitativo", asegura o rexedor, cuxo gabinete destaca ademais que na cidade impactarán nos vindeiros meses investimentos como os dos fondos europeos EDUSI que comparte con Narón dentro do proxecto Espazo Atlántico.
O resto das cidades
Alcaldes e alcaldesa de Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago e Lugo, que sacaron adiante os orzamentos nos primeiros meses de 2018
Vigo e Pontevedra aprobaron as contas a finais de 2017, Santiago e A Coruña no inicio de 2018 e Lugo, en abril tras unha cuestión de confianza
Ferrol pon así camiño a ser a sexta das cidades galegas que dá luz verde definitiva aos orzamentos de 2018. As primeiras foron Vigo e Pontevedra cos apoios do goberno maioritario do socialista Abel Caballero, por unha banda, e cos votos a prol do BNG e as abstencións de Marea Pontevedra e do PSdeG, pola outra. No inicio do ano sacaron adiante as súas contas A Coruña -con apoios de Marea Atlántica e PSdeG- e mais Santiago -sustentados nos votos de Compostela Aberta e as abstencións de PSdeG e BNG-. No caso de Lugo a aprobación definitiva do orzamento chegou en abril e foi ligada á cuestión de confianza formulada pola alcaldesa, a socialista Lara Méndez, recurso que tamén empregou o coruñés Xulio Ferreiro en 2017; en ningún dos dous casos o PP deu fiado un goberno alternativo, aínda que nas dúas cidades amagou con tentalo.
Con este pano de fondo o goberno de Ourense segue a xestionar coas contas prorrogadas dende 2014, xa que o anterior goberno socialista en minoría xa non dera aprobado as de 2015, se ben o equipo do popular Jesús Vázquez ten sobre a mesa dende finais do pasado abril o primeiro proxecto de orzamentos do mandato, unhas contas de 101 millóns de euros -un montante total un chisco inferior ao de 2014, cando foran 103,9-. Esta presentación foi ligada polo goberno municipal á campaña Ourensanamente, ao abeiro da cal Vázquez chama á "responsabilidade" dos grupos da oposición para o que define como "os orzamentos máis sociais da historia de Ourense".
O goberno do PP en Ourense presentou en abril o primeiro proxecto orzamentario do mandato, pero os tres grupos da oposición advirten de que non prevén apoialo
Así e todo, non semella doado que o goberno do PP en minoría -10 de 27 edís- poida lograr os apoios que reclama. O grupo maioritario da oposición, Democracia Ourensana (8 concelleiros), xa advertiu de que non os vai apoiar e critica con dureza a presentación sobre os orzamentos organizada por Vázquez este xoves ante colectivos veciñais. "Os orzamentos non teñen informes de intervención e a oposición non os vai aprobar e ao tipiño, o alcalde, non se lle ocorre outra cousa que facer un acto de folclore", dixo o partido que encabeza Gonzalo Pérez Jácome. O PSdeG (6 edís), pola súa banda, tamén se desmarca tras a presentación dun centenar de emendas e Ourense en Común (3 representantes) formulou unha emenda á totalidade, e ambas formacións sinalan tamén que o proxecto non conta co aval da intervención municipal.