Un improbable pacto do PP coa esquerda, única fórmula para que triunfe a censura no Concello de Lugo

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, durante un pleno recente © Concello de Lugo

As eleccións municipais de maio de 2015 deixaron no Concello de Lugo a corporación municipal máis plural no que vai de século e, tras unha intensa negociación, situaron na alcaldía á socialista Lara Méndez cos votos a prol do seu grupo e mais de Lugonovo e do BNG, que esixiran como condición para apoiar o PSdeG a marcha do histórico Xosé López Orozco, quen gobernara a cidade da Muralla dende 1999. Os tres edís de Lugonovo e a abstención do resto da esquerda da corporación permitiran ao goberno local sacar adiante os orzamentos de 2016, pero en 2017 as negociacións fracasaron e, cara aos de 2018, a rexedora premeu o botón nuclear da cuestión de confianza que, como era previsible, saíu rexeitada polo pleno e abriu a posibilidade legal dunha improbable moción de censura que, de non chegar, permitirá a Méndez sacar adiante as súas segundas contas do mandato.

Como avanzara, o goberno lucense someteu ao pleno o seu proxecto orzamentario para 2018 o pasado día 21, unhas contas de 95,4 millóns de euros -un 5% máis a respecto das anteriores aprobadas- e, segundo o previsto, a oposición tombounos e a alcaldesa activou automaticamente o mecanismo da cuestión de confianza, debatida este 27 de decembro. "Non ten sentido", argumentou, que o pleno aprobe sistematicamenate propostas en diversos eidos se despois o goberno carece de crédito económico para poñelas en marcha. Fronte a ela o voceiro do PP, Antonio Ameijide, esixiu a dimisión inmediata da rexedora -"váiase, señora Méndez"- a quen culpa de sumir a cidade no "caos" e erixiu os 8 escanos conservadores en eventual piar dun pacto multipartito practicamente imposible para mudar o goberno.

Un eventual goberno alternativo pasaría polo pacto do PP con Ciudadanos e, cando menos, tamén con Lugonovo, ou BNG e ACE

As ofertas e chamados cruzados a posibles pactos lanzados durante o pleno da cuestión de confianza cristalizaron no anuncio, por parte dos populares, dunha rolda de contactos á que tamén se amosou disposta a voceira de Ciudadanos, Olga Louzao. No entanto, ambas formacións suman 10 dos 25 postos da corporación, polo que para formar un goberno alternativo sería imprescindible o apoio explícito, cando menos dos 3 votos de Lugonovo ou dos dous do BNG xunto ao do único edil de Alternativa Cidadá de Esquerdas (ACE), Carlos Portomeñe. Ou, nun escenario aínda máis improbable, só do PP coas formacións da esquerda alén do PSdeG.

O imprescindible entendemento esquerda-dereita para sustentar a censura na maioría absoluta -13 edís- que esixe a lei fai que a alcaldesa non teña excesivo "temor" a que poida chegar a formarse outro goberno. "Temos unha corporación moi plural, con seis forzar, e a aritmética é a que é", evidencia Méndez, quen sinala que, ao contar con "8 concelleiros de 25", para o PSdeG a posibilidade de que outros grupos tenten desbancalo "está aí como estaba en 2015 e 2016". 

"Lugo non pode estar sen orzamento", defende a alcaldesa, quen di non ter excesivo "temor" a que a censura triunfe

"O que me toca é traballar con responsabilidade e seguirémolo facendo ata maio de 2019", confía a alcaldesa lucense tras "poñer o cárgo á disposición" do pleno porque "Lugo non pode estar sen orzamentos". "Sempre pido á oposición que actúe con responsabilidade e non só a solicitamos, senón que a exercemos". O proxecto de contas do goberno local, asegura, é o "máis social" e "investidor" dos últimos anos e "se non as temos, reséntese a cidade", algo que "no imos permitir". Se, como todo semella indicar, PP, Ciudadanos, Lugonovo, BNG e ACE non dan pactado unha moción de censura, dentro dun mes os orzamentos ficarían aprobados inicialmente.

Vigo e Pontevedra xa aprobaron os seus orzamentos e A Coruña e Santiago prevén sacalos adiante nas vindeiras semanas

A fórmula da cuestión de confianza non é inédita no actual mandato nas cidades galegas. Foi o recurso empregado o pasado ano polo goberno da Marea Atlántica na Coruña, que cara a 2018 se atopa a piques de sacar adiante as novas contas co apoio do PSdeG. Neste contexto, na Galicia urbana entrarán en 2018 cos orzamentos aprobados os gobernos de Vigo e Pontevedra; mentres, A Coruña e Santiago prevén sacalos adiante nas vindeiras semanas en pleno. Lugo, pola súa banda, terá que agardar pola fin do proceso da cuestión de confianza, recurso que en Ferrol o alcalde, Jorge Suárez, valora empregar para lograr aprobar as primeiras contas do mandato. Mentres, en Ourense, única cidade gobernada polo PP, o goberno de Jesús Vázquez volveu renunciar en 2017 a tentar aprobar as contas e asegura estar en condicións de presentar un novo proxecto orzamentario a comezos de 2018, se ben polo momento continúa coa prórroga das contas de 2014.

Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, durante un pleno recente © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.