Lara Méndez convértese na primeira alcaldesa da historia de Lugo

Toma de posesión de Lara Méndez en Lugo © Concello de Lugo

Este sábado fálase, con xustiza, do carácter "histórico" das investiduras dos rexedores das candidaturas cidadás na Coruña, Santiago e Ferrol, pero a chegada de Lara Méndez (PSdeG-PSOE) á alcaldía de Lugo ten igualmente unha gran significación. En primeiro lugar, trátase da primeira alcaldesa da cidade en toda a súa historia. Ademais, substitúe no cargo o tamén socialista José López Orozco, que ocupara ese cargo durante os últimos 16 anos.

Esta mañá Méndez fíxose co bastón de mando grazas aos votos dos oito edís do seu grupo, os tres de Lugonovo e os dous do BNG. Nas últimas semanas estas dúas formación negáranse a apoiar a López Orozco, imputado, esixindo que o PSdeG-PSOE presentase un novo candidato para apoiar a súa investidura. O alcalde saínte fíxose a un lado, facilitando o proceso. Lara Méndez tivo palabras para o seu predecesor ("foi o mellor alcalde de Lugo e un dos mellores de Galicia") e salientou que ser alcaldesa "é a maior honra que pode ter un cidadán desta cidade". A nova rexedora situou a "transparencia e participación cidadá" como metas do seu goberno. Méndez adiantou a súa intención de aprobar nos vindeiros meses unha nova ordenanza de participación cidadá, un consello parroquial e de impulsar a realización de orzamentos participativos.

A nova rexedora situou a "transparencia e participación cidadá" como metas do seu goberno

No seu discurso Lara Méndez sinalou outras prioridades do seu goberno, coma o emprego, o benestar, as parroquias rurais, o ocio ou as dotacións sanitarias do HULA. "Os retos que temos por diante son moitos e apaixonantes. Pero tamén, debo dicir, que as posibilidades que temos como cidade son infinitas", engadiu.

Aínda non está claro se o goberno será exercido en solitario polos socialistas ou se Lugonovo e BNG entrarán nel, unha opción aínda non descartada completamente. Tanto PP coma ACE votaron polos seus propios candidatos.

 

Sen sorpresas en Ourense

Rematan oito anos de gobernos do PSdeG-PSOE e Ourense convértese na única cidade galega liderada polo PP

Había interese, igualmente, por confirmar o resultado en Ourense, onde finalmente -como se prevía- o popular Jesús Vázquez se converteu en alcalde, ao votar polos seus propios candidatos DO e PSdeG-PSOE. Non houbo polo tanto sorpresas. Rematan oito anos de gobernos do PSdeG-PSOE e Ourense convértese na única cidade galega liderada polo PP.

Jesús Vázquez ofreceu "diálogo, transparencia e man tendida" e demandoulle á oposición "firmeza" pero tamén "responsabilidade nos grandes temas", entre eles o PXOM, o AVE ou as infraestruturas termais. O socialista Vázquez Barquero reiterou a súa negativa a chegar a un pacto con Democracia Ourensana porque "Ourense non pode asumir máis esquizofrenias".

Toma de posesión de Lara Méndez © Concello de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.