O presidente carga contra En Marea e BNG por seren aliados do PSOE e estende esta condición a Vox. A voceira nacionalista lémbralle que o goberno que apoia a formación de extrema dereita é o do PP en Andalucía
O centro é a posición política que el mesmo ocupa e as críticas que lle chegan tanto pola esquerda como pola dereita, cuxo contido é cuestión menor, son a mellor proba. Esa foi a actitude amosada este mércores polo presidente Feijóo na sesión de control ao seu Goberno no Parlamento de Galicia. Alí, con independencia de que En Marea, PSdeG e BNG o interrogasen sobre emprego, despoboamento ou lingua, a resposta de Feijóo foi que eses partidos están escorados lonxe da súa centralidade, no caso do BNG mesmo a similar distancia que Vox pola extrema dereita. Todos eles, veu dicir, contribúen a que goberne o PSOE.
A primeira pregunta a Feijóo na sesión de control deste mércores chegou do portavoz de En Marea, Luís Villares, que o inquiriu polos 120 millóns de euros non executados en 2018 en políticas de emprego. Villares empregou un ton moito máis comedido que o habitual nel, o que non impediu que Feijóo lle replicase tan duramente como noutros debates previos. Os dous enleáronse en presentar diversos indicadores sobre o emprego do xeito máis favorable aos seus respectivos intereses e Feijóo botoulle en cara ao líder de En Marea unha suposta colaboración do seu partido con gobernos do PSOE noutras comunidades. Feijóo mesmo afeou a Villares que lle pedise explicacións polo paro en Galicia: “Como se vostede non tiveran ningunha responsabilidade, levan gobernando as políticas de paro nove meses en España”, dixo, reprochando o apoio de En Marea a Pedro Sánchez.
“Nunha sesión de control ao presidente da Xunta o presidente da Xunta se mostra indignado coa política do PSOE”, ironizou Leiceaga
A pregunta do portavoz do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, xirou arredor das políticas da Xunta para frear o despoboamento do rural e dotalo de servizos. A resposta de Feijóo centrouse en afear ao Goberno central que suba impostos, ata o punto de que o socialista verbalizou ese cambio de tornas: “Nunha sesión de control ao presidente da Xunta o presidente da Xunta se mostra indignado coa política do PSOE”.
Desde o BNG a súa portavoz, Ana Pontón, afeou a Feijóo que a Xunta non estea a cumprir coa súa obriga, recollida no Estatuto de Autonomía, de promover o uso do galego. O presidente respondeu criticando ao BNG que esa formación acate o estatuto por imperativo legal e non o defenda como do PP e comparou esa situación coa proposta de Vox de eliminar as autonomías. “Vostedes non queren o estatuto e eles non queren as autonomías”, dixo, para engadir que o BNG ten “moito en común con Vox”, empezando por “os mesmos votos”, en referencia aos resultados similares que obtiveron nas eleccións xerais. “Non imos pedir permiso nin a Vox, nin a Ciudadanos, nin ao BNG para falar español e para falar galego”, dixo Feijóo, sentenciando que “Galicia é bilingüe e non imos renunciar a ningunha lingua”.
E como fixera con En Marea, á que fixo responsable de que goberne Sánchez, Feijóo tamén atribuíu ao BNG, que non ten deputados no Congreso nin na pasada nin na nova lexislatura, a presidencia de Sánchez. Vox e os nacionalistas galegos, dixo, insistindo nunha idea xa expresada a semana pasada, son “aliados do PSOE” que impiden que goberne o PP. Pontón lembroulle que o goberno que apoia a formación de extrema dereita é o dos populares en Andalucía.