A vaga expansiva do duro devalo electoral sufrido polo PP nas eleccións xerais do 28A estendeuse a Galicia non só coa forma da perda de apoio cidadán -os populares non foron a forza máis votada en Galicia por primeira vez na súa historia- e a consecuente redución de escanos no Congreso e no Senado. Tamén contaminando as súas posicións políticas cara ás transcendentais eleccións municipais do 26 de maio.
Na recta final da carreira ás urnas do 28 de abril o líder do PP, Pablo Casado, amosouse abertamente partidario de gobernar en coalición co partido de extrema dereita Vox. Mesmo ofrecéndolle ter o peso que "quixese" nun eventual Goberno das dereitas con independencia da súa representación parlamentaria. Tras a derrota electoral Casado leva días tentando facer ver unha nova viaxe do partido ao "centro", só ou na compaña de Alberto Núñez Feijóo, pero as mensaxes das xerais deixaron un pouso que agora tentan esquivar tanto candidatos municipais como outros dirixentes do partido.
As mensaxes de Casado antes das xerais, ofrecendo a Vox un goberno conxunto, deixaron un pouso que os populares galegos tentan esquivar antes das municipais do 26M
Así, tras a primeira visita de Casado a Galicia posterior ás xerais, o pasado sábado nunha romaría-mitin no Pino, varios membros da cúpula do PP foron cuestionados sobre as súas preferencias ante eventuais pactos con Vox despois das municipais. Especialmente na Galicia urbana, onde algúns inquéritos outorgaron ao partido de extrema dereita nos últimos meses posibilidades de obteren edís que, eventualmente, poderían desequilibrar cara á dereita o xogo de maiorías.
Paula Prado e Agustín Hernández din preferir agardar aos resultados das urnas nos concellos antes de pronunciárense sobre os eventuais pactos
Unha das cuestionadas foi este luns Paula Prado, vicevoceira parlamentaria do PPdeG. Diante de eventuais inquéritos que puidesen outorgar a chave do goberno dalgunha cidade galega a Vox, Prado dixo preferir "esperar" o resultado que "saia dar urnas o día 26 de maio". "Esperaremos a que se produza o resultado para valorar esa situación" de eventuais pactos coa extrema dereita, agregou Prado en declaracións que recolle a Cadena SER.
Nun sentido semellante, esquivando a cuestión sen negarse abertamente a eses posibles pactos, pronunciábase tamén este luns o candidato do PP á alcaldía de Santiago, Agustín Hernández. El tamén di considerar lóxico esperar aos resultados do 26M para avaliar os "apoios recibidos". Nese momento corresponderá considerar se son dabondo para "gañar e gobernar", que é para o que o partido "sae" o 26M, mantén.
Lara Méndez: "Xa abriron a porta a Vox nas xerais; non é novo, pero é preocupante e traballaremos para que non sexa así"
Mentres o PPdeG evita a negativa a posibles pactos e reitera, non obstante, que o voto a Vox implica "dividir" á dereita, polo que é máis "útil" optar polos candidatos populares, nas filas do PSdeG esas posturas mornas son interpretadas como unha resposta afirmativa a pactar coa extrema dereita. Así o interpretaba o pasado domingo o secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, e nun sentido semellante o facía este luns a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, cabeza de lista do PSdeG lucense o 26M.
Despois de que o candidato do PP lucense, Ramón Caballo, se amosase disposto a aceptar o apoio de Vox para formar unha maioría de goberno na cidade e ante as apelacións doutras forzas, como Ciudadanos, a desaloxala da alcaldía tras o 26M, a dirixente socialista di temer unha alianza das "tres dereitas" se a aritmética na corporación así o permite. "Xa lle abriron a porta a Vox nas xerais", daquela "cun bloque contra Pedro Sánchez" ea gora, "cun bloque de tres partidos de dereitas contra Lara Méndez, para atacar á miña persoa". "Non é novo, pero é preocupante" e por iso "traballaremos para que non sexa así", afirma.