Así mudou o mapa electoral en Galicia: esborralle do PP, con fugas cara a Vox, Ciudadanos e PSOE

© Sol Álvarez

O PP sufriu este domingo a derrota máis importante da súa historia en Galicia, obtendo o peor resultado dende os tempos de Alianza Popular. A formación liderada por Alberto Núñez Feijóo perdeu case 200.000 votos, unha caída que se engade á gran caída que xa rexistrara en 2015 (-254 mil votos), levemente recuperada en 2016 (+50 mil votos). 

Porén, pode que o esborralle popular deste 28A sexa o máis grave de todos, polo incremento da competencia no campo da dereita, con perdas en dirección a VOX (+85 mil votos en Galicia) e Ciudadanos (+50 mil votos). Os outros 78 mil votos que perde o PP divídense entre os que probablemente foron para ao PSdeG-PSOE e os que corresponden a votantes que faleceron, tendo en conta que o Partido Popular é a formación cun electorado de maior idade, segundo todos os estudos.

A análise da evolución do voto concello por concello amosa que os populares perden apoio en todo o país, tanto nas cidades, como nas vilas e nas localidades máis pequenas e rurais. Porén, as perdas son maiores nos concellos máis poboados (cidades e grandes vilas) e o PP resiste un chisco mellor nos concellos máis pequenos e envellecidos. Hai excepcións, pero esa é a tendencia xeral: canto máis idade media ten o concello, menos perde o PP.

De feito, aínda que os concellos nos que o PP perdeu unha maior porcentaxe de voto son pequenas localidades ourensás nas que Ciudadanos experimentou importantes avances (Pontedeva, Taboadela, Xinzo de Limia e Vilar de Barrio), todas con caídas duns 20 puntos para o Partido Popular, destacan os retrocesos populares en cidades como A Coruña ou Ourense (15-16 puntos) e en vilas como Lalín, Ribeira, Sada, Baiona, O Barco, Verín ou Oleiros (17-18 puntos).

Mentres que o PP perde máis votos canto máis grande é o concello, PSdeG-PSOE, Ciudadanos e VOX rexistran a tendencia contraria. Estas tres forzas soben en todo o país, pero sobre todo nas grandes vilas e nas zonas urbanas e en menor medida nas localidades menos poboadas, maioritariamente rurais.

O PSOE experimentou subas en toda Galicia, tanto nas cidades e grandes vilas, onde se impuxo con claridade, como nas zonas rurais. Ademais de Vigo e Ourense (+12 e +11), destacan os ascensos en localidades como Cedeira (+13), Narón, Nigrán ou Moaña (+12), O Porriño, Ribadeo, Fene, Monforte e O Grove (+11). O PSdeG-PSOE gaña votos procedentes do PP, pero sobre todo de En Común, como se pode ver neste gráfico: os concellos nos que En Común retén menos votos dos que En Marea acadou en 2016 coinciden con aqueles nos que o PSOE crece máis.

Nos datos de Ciudadanos chama a atención que canda ás importantes subas que a formación rexistra en vilas como Verín, Xinzo de Limia, Noia, A Guarda, Ribeira, Sada, Monforte, O Barco, Oleiros ou Burela, hai un gran número de concellos ourensáns de pequeno tamaño onde o partido laranxa experimentou os seus maiores crecementos porcentuais, como Xunqueira de Espadanedo, Vilar de Barrio, Taboadela ou Pontedeva, con melloras superiores aos sete puntos. De feito, 18 dos 19 concellos onde Ciudadanos mellorou máis os seus resultados están en Ourense. Pódese observar neste mapa.

Estes datos constatan a evidente fuga de votos do PP en dirección a Ciudadanos, como se pode ver neste gráfico: os concellos nos que máis baixa o PP son aqueles nos que máis sobe Ciudadanos. O mesmo fenómeno dáse ao relacionar a evolución do voto ao PP e o voto a VOX: os concellos nos que VOX obtivo un mellor resultado foron aqueles nos que o PP perdeu máis apoios, como se apreza igualmente nestoutro gráfico.

Á esquerda do PSdeG-PSOE

Que pasou na esquerda? Como se recompuxo o mapa electoral neste campo? O PSdeG-PSOE gaña 180 mil votos con respecto ao ano 2016, dos que unha parte importante proceden da antiga En Marea. En Común retén o 68% dos apoios que aquela candidatura tivera hai tres anos, pero perde 110.000 votos. Unha gran parte é probable que marcharan ao BNG (sobe 49 mil votos) e outros 15.000 optaron pola candidatura de En Marea, liderada por Luís Villares. O resto pódese interpretar que foron parar ás candidaturas socialistas. Hai que ter en conta, ademais, que nestas eleccións houbo uns 85 mil votantes máis ca no 2016, antigos abstencionistas que nesta ocasión optaron por algunha das opcións electorais.

En Común perde máis votos nos concellos máis poboados e nas áreas de poboación máis nova, precisamente aquelas que no pasado lles deran os seus mellores resultados ás candidaturas de Unidas Podemos. Canto menos é a idade media dun concello, maior é a perda porcentual experimentada por En Común-2019 con respecto a En Marea-2016. Con todo, neste outro gráfico pódese observar como seguen sendo estes concellos os lugares nos que a candidatura obtén os seus mellores resultados.

No campo nacionalista, o BNG duplicou os seus resultados, crecendo case 50 mil votos. Moeche, Mondariz-Balneario, Barro, Cedeira, Carnota ou Rianxo foron os lugares onde máis medrou o Bloque, máis de seis puntos en todos eles. Trátase de pequenas vilas e concellos medianos, pois como se podía ver no segundo gráfico desta noticia, o BNG mellorou máis os seus datos neste tipo de localidades que nas cidades ou nos concellos máis pequenos.

Este gráfico permite ver, ademais, que o BNG creceu máis en concellos nos que En Común perdeu máis votos en relación aos obtidos por En Marea en 2016, o que amosaría un trasvase de voto en dirección ao Bloque.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.