Nas eleccións de xuño de 2016 o PSdeG-PSOE foi a forza máis votada en 10 concellos e En Marea-Unidas Podemos en 2. Nos restantes 300 concellos de Galicia o PP foi o gañador, unha mostra da profundidade do dominio electoral dos populares no noso país. Ata este domingo.
O PSdeG-PSOE gañou as eleccións en Galicia por primeira vez e aínda que esta vitoria se asentou máis nas zonas urbanas, a histórica caída do PP e a división do voto da dereita fixo que os populares deixasen de ser a forza máis votada nunha parte importante de Galicia. En concreto en 116 concellos, nos que os socialistas foron a candidatura con máis apoios. O PP segue a dominar en 195, case dous de cada tres, pero a súa hexemonía, mesmo nas zonas rurais, está en cuestión.
Os socialistas acadan a maior parte dos seus triunfos nas cidades e áreas metropolitanas: as localidades que rodean Ferrol, A Coruña, Compostela e Vigo píntanse hoxe de vermello. Tamén gañan na Costa da Morte, o Baixo Miño, a Mariña Lucense e a montaña de Lugo e conseguen a vitoria igualmente en varios concellos do Morrazo, do Barbanza ou do Salnés. O PP segue a ser a primeira forza na maior parte das zonas rurais, nomeadamente nas provincias de Lugo e Ourense e no interior das de Pontevedra e A Coruña
O PSdeG acada o seu mellor resultado en Carballeda de Avia, Entrimo, Pedrafita do Cebreiro, Riós e Calvos de Randín, feudos tradicionais onde supera o 50%. No extremo contrario aparecen Avión ou Beariz, roldando o 10%. Cómpre salientar que exceptuando estas dúas localidades ourensás, nos restantes concellos o PSOE non baixa do 17%.
O PP, pola súa banda, mantén boa parte das súas prazas fortes en Ourense e algunhas zonas de Lugo e do interior de Pontevedra. Obtén o seu mellor resultado, precisamente, en Beariz e Avión, ademais de Quintela de Leirado. Nun total de 45 concellos os populares superan o 50% dos votos. Na parte baixa, destacan os seus cativos resultados en importantes vilas, como Ames, Narón, Cangas, Arteixo, Fene, Cambre, As Pontes ou Culleredo, concellos todos nos que baixa do 20%, o mesmo que en Vigo. O seu peor dato acádao en Culleredo, con pouco máis do 15%.
En Común Unidas Podemos foi quen de reter o 68% dos votos obtidos en 2016 por En Marea, pero tivo perdas en todos os concellos. Se no 2016 obtivo a vitoria en dúas localidades (Cangas e O Grove), este domingo non foi quen de repetir estes triunfos, aínda que estivo preto en Cangas do Morrazo. Precisamente na área de Vigo, Baixo Miño e O Morrazo onde a coalición obtivo os seus mellores datos, superando o 20% en Cangas, Moaña, O Porriño, Redondela, Ponteareas e Vigo, o mesmo que no Grove e Fene. Quedou preto dese nivel na Pobra do Caramiñal, Mugardos, Mos, Salceda de Caselas, Arteixo e Bueu e nalgunhas localidades da Mariña lucense. Pola contra, nas zonas máis rurais, a candidatura obtivo cifras moi pequenas, baixando do 5% en medio cento de concellos.
Ciudadanos mellorou os seus resultados en toda Galicia, aínda que seguen as ser as zonas urbanas o seu caladoiro máis destacado e, máis que as propias cidades, os concellos da súa contorna: en Oleiros, Sada, Barbadás, Culleredo, Ames e Cambre rolda o 15%. Chaman a atención, igualmente, os bos datos acadados nalgunhas zonas de Ourense (provincia na que a formación foi a terceira máis votada), como Xunqueira de Espadanedo, Taboadela, O Barco, Vilar de Barrio ou a propia cidade de Ourense. Pola contra, hai 43 concellos nos que fica por debaixo do 5%.
VOX obtivo un resultado relativamente uniforme en toda Galicia. Nas sete cidades roldou o 5%, unha porcentaxe semellante á que acadou no conxunto do país. Si houbo, no entanto, algunhas localidades nas que a formación de ultradereita tivo uns datos especialmente bos, especialmente en Beade, cun 8,42%. Este concello ourensán foi coñecido nos últimos anos polas declaracións do seu alcalde, Senén Pousa (PP), en favor de Franco e davditadura. Tamén en Abadín (7,99%) e en Sada (7,88%), onde se sitúa o Pazo de Meirás. VOX tamén superou o 7% en Mondariz-Balneario, Bergondo, Carballeda de Valdeorras, Sarria, Castro de Rei, Ribeira, Oleiros, Rábade e Poio.
Finalmente, o BNG recuperou unha parte do voto perdido nos últimos anos, duplicando os seus resultados de 2016, aínda que ficando lonxe dos escanos. Os nacionalistas manteñen algunhas prazas especialmente fortes, como Moeche (onde son a segunda forza), Allariz ou San Sadurniño, pero tamén Soutomaior, Vilasantar, Corcubión ou Barro, onde roldan o 15%. Porén, só superan o 10% noutras 15 localidades e fican por debaixo do 5% en máis da metade dos concellos, entre eles Vigo, Ferrol, Lugo ou Ourense.
En Marea, pola súa banda, obtén resultados cativos en toda Galicia, aínda que hai algúns lugares nos que amosa certa fortaleza, como Vilar de Santos, onde foi a segunda lista con máis apoios, a só catro votos do PP. Ou tamén Manzaneda, Vilariño de Conso ou Laza, todos en Ourense e por riba do 5%. Porén, hai case 200 concellos nos que non chegou ao 1% dos votos.