A operación de Pedro Sánchez sáldase con vitoria. Menos dun ano despois de chegar ao Goberno de España a través da moción de censura que desbancou o PP de Mariano Rajoy do poder, o PSOE é o claro vencedor numérico e político das eleccións xerais deste 28 de abril. Os socialistas recibiron o apoio de case o 30% do electorado e serán a primeira forza do novo Congreso con 123 escanos, o que lle permite elixir alianzas de goberno fronte a unha dereita esfarelada.
A eventual alianza da dereita queda moi lonxe da maioría por mor do forte devalo do PP malia ao ascenso de Ciudadanos e a irrupción da extrema dereita de Vox
A vitoria do PSOE chega grazas a un ascenso de seis puntos con relación ás eleccións xerais de 2016. Pero tamén fronte a un fortísimo devalo do PP, que cae máis de 16 puntos e pasa de 137 escanos a 66, menos dunha decena por riba de Ciudadanos, que medra uns dous puntos pero suma 25 escanos ata chegar aos 57. A eventual alianza da dereita, no centro dos debates da campaña, queda moi lonxe de sumar malia á irrupción do partido de extrema dereita Vox con 24 escanos e algo máis do 10% dos votos.
Cando o escrutinio se aproximaba ao 100% Pedro Sánchez saíu celebrar a vitoria coa militancia do PSOE congregada ante a sede federal do seu partido. "Gañou o futuro, perdeu o pasado", proclamou o líder socialista, que encadrou a súa vitoria na "defensa da democracia" e prometeu "acabar coa crispación, coa confrontación territorial" e "reivindicar a exemplaridade".
Os PSOE pode buscar a alianza con Unidas Podemos e pequenos partidos, con forzas soberanistas ou con C's
Neste escenario o PSOE está en condicións de elixir con quen explorar alianzas de goberno. Se quixese fiar unha maioría semellante á da moción de censura teríao máis doado malia á notable caída de Unidas Podemos, toda vez que boa parte dos apoios da formación que encabeza Pablo Iglesias foron parar, precisamente, aos socialistas. Unidas Podemos e a súa confluencia catalá suman 42 escanos.
Unha eventual agregación dos escanos de Unidas Podemos aos do PSOE e aos 6 do PNV a marxe para a maioría absoluta serían apenas 4 que os socialistas poderían buscar, por exemplo, en forzas como Compromís (1), o PRC cántabro (1), Coalición Canaria (2). Todo isto, no caso de non desexar negociar con Esquerra Republicana de Catalunya, que ascende dos 9 aos 15 escanos, como suxeriu Sánchez nalgúns treitos da campaña, e mais con JxCat (7).
A eventual alianza con Ciudadanos foi rexeitada pola militancia congregada ante a sede do PSOE: "Con Rivera, no", berraron
Outra eventual alianza de goberno sería con Ciudadanos, formación que xa rexeitou abertamente durante a campaña electoral calquera pacto co PSOE. Este posible acordo suporía ademais unha ruptura absoluta de Sánchez con Unidas Podemos, toda vez que o partido de Iglesias xa advertiu durante a campaña da necesidade de que os socialistas se afastasen dos de Rivera para evitar, na práctica, un goberno con políticas escoradas á dereita.
Este pacto foi rexeitado pola militancia socialista que na noite deste 28A celebrou a vitoria na sede federal do PSOE: "Con Rivera, no", berraron as persoas congregadas ante Sánchez, que asegurou que tenderá a man a todas as forzas que "respecten a Constitución" porque "nós non poñemos cordóns sanitarios".