-
O escrutinio estatal supera xa o 66,33%. O PSOE é a primeira forza con amplitude, co 29,25% dos votos e 123 escanos. O devalo do PP deixaríao en 65 escanos, só un chisco por riba de Ciudadanos, que tería 57. A eventual alianza das dereitas seguiría sen acadar os 150 escanos. En Galicia mantense o PSdeG como primeira forza co 75% do escrutinio xa rematado.
-
Traspásase o 50% do escrutinio no conxunto do Estado. O PSOE mantense á fronte do novo Congreso con 126 escanos. Mentres, a suma das tres formacións da dereita non chegan aos 150 escanos
-
Co 51,34% dos votos escrutados, o PSdeG mantense como primeira forza en Galicia en votos e tamén en escanos
-
Co peche dos colexios electorais en Canarias comeza a ser público o reconto. Pódese seguir ao vivo nesta ligazón para o total estatal e nestoutra, para Galicia.
-
A enquisa de Sociométrica para El Español sitúa tamén o PSOE como primeira forza política no novo Congreso e coincide coa de GAD3 en estimar que a alianza das dereitas non lograría a maioría absoluta. En Galicia, segundo esta enquisa, o PSOE tería entre 8 e 9 escanos, o PP entre 7 e 9, En Común-Unidas Podemos lograría 3, Ciudadanos entre 2 e 3 e Vox, 1.
-
A sondaxe divulgada pola COPE tras o peche dos colexios electorais sitúa tamén o PSOE como primeira forza política, pero augura que, na súa estimación máis alta, PP, Ciudadanos e Vox poderían sumar maioría absoluta no vindeiro Congreso.
-
A enquisa de GAD3 para as televisións públicas sitúa o PSdeG como primeira forza en Galicia con entre 9 e 10 escanos, o de que confirmarse sería unha situación inédita. O PP sería segunda forza seguido por En Común-Unidas Podemos, Ciudadanos e Vox, que segundo este inquérito lograría un escano pola Coruña. Nin En Marea nin BNG lograrían representación.
-
A enquisa de GAD3 para RTVE e as televisións autonómicas pública augura que o PSOE será a primeira forza nestas eleccións xerais e que os partidos de dereita non poderían sumar maioría de Goberno. Os socialistas poderían lograr ata 121 escanos, mentres que o PP sufriría un devalo que pos podería deixar entre 69 e 73 escanos. Ciudadanos e Podemos competirían pola terceira posición en escanos e a formación de extrema dereita Vox irrompería no Congreso con entre 36 e 38 escanos.
-
Por cidades, ás seis da tarde Vigo seguía a ser a que rexistraba maior participación, cun crecemento superior aos 8 puntos con relación ás eleccións xerais de 2016. Onde máis medra a participación ata esa hora é na cidade de Ourense.
-
A participación acada en Galicia o 58,93% ás seis da tarde. Son 7,25 puntos máis que en 2016, se ben elévase apenas catro décimas por riba da acadada á mesma hora nas eleccións xerais de 2015. A provincia que máis participou ata esa hora foi Pontevedra, co 60,28%, e a que máis medra é Ourense, con 8,23 puntos máis que nas anteriores eleccións xerais. Na media estatal o avance é de 9,55 puntos con relación ás xerais de 2016 e de 2,39 comparando con 2015.
-
Atendendo aos datos de participación na Galicia urbana xorde a pregunta sobre o sentido do voto nas sete cidades nas anteriores eleccións xerais. Nesta peza interactiva podes explorar, barrio a barrio, como votaron as cidades galegas nas eleccións xerais de 2016 a través de mapas coma este, co voto de Vigo.
-
Por cidades galegas, a diferenza de participación con relación a 2016 oscila entre os máis de 5 puntos de Ourense e os 1,19 puntos de Pontevedra.
-
Co 100% das mesas escrutadas o incremento da participación en Galicia atas 14h é de 2,9 puntos con relación ás xerais de 2016 e de 3,55 a respecto das de 2015. Por provincias, o maior incremento en Galicia é o de Lugo, con 4 puntos máis que en 2016.
-
A participación nestas eleccións xerais chega ata o 36,96% en Galicia ata as dúas da tarde. Son 2,9 puntos máis que en 2016 e 3,55 puntos máis que nas eleccións xerais de 2015 á mesma hora. A participación media en todo o Estado elévase ata o 41,49%, unha suba de 4,62 puntos con relación ás anteriores xerais e de 4,48 puntos comparado con 2015.
-
Marina Ortega, cabeza de lista do PSdeG por Ourense, votou este mediodía no auditorio do Carballiño. Ortega di esperar un "nivel de participación moi alto" para poder lograr "avance e progreso" tras este 28A.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, votou esta mañá no colexio Neno Xesús de Praga, en Vigo. O tamén líder do PPdeG expresou o seu desexo de que o resultado deste 28A dea lugar a unha formación rápida de Goberno “a partir de mañá”. “Temos que tomar moitas decisións, temos moitas cousas pendentes” e por iso cómpre que o resultado sexa “claro”, insistiu ante a prensa.
-
Ana Prieto, cabeza de lista do PSdeG por Lugo, votou no Colexio Rosalía de Castro da capital lucense acompañada pola número dous da candidatura socialista na provincia, Sonsoles López. Prieto apela a participar de xeito "masivo" xunto ao secretario xeral do partido na provincia, Álvaro Santos, que tamén pediu "saír a votar" e "expresarse" nas urnas.
-
O número 1 do BNG pola provincia da Coruña, Néstor Rego, votou esta mañá no Centro Sociocultural de Figueiras, en Santiago. "Quero animar a todo mundo a participar sabendo que o voto de cada unha das persoas pode ser decisivo, que cada papeleta pode contribuír a construír un futuro mellor para o noso país", subliñou Rego.
-
Pilar Cancela, número un da candidatura do PSdeG-PSOE pola provincia da Coruña, votou xa en Santiago e tamén animou a participar nas eleccións. "Que ninguén quede na casa", pediu.
-
Vanessa Somoza, que encabeza a candidatura de En Común-Unidas Podemos por Lugo, votou no colexio electoral da sede da Xunta na capital lucense. Anima a votar "ás pensionistas, a desempregados, ás mozas e mozos, traballadores, feministas" porque "nos xogamos o futuro", afirma.
-
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, votou na casa do Concello de Vigo facendo unha chamada á participación nas eleccións xerais e a votar con "responsabilidade" para "decidir o país que queremos”.
-
Yolanda Díaz, número un de En Común-Unidas Podemos pola circunscrición de Pontevedra, vén de votar en Ferrol acompañada polo alcalde da cidade, Jorge Suárez, e outros membros da súa formación. Díaz anima á participación no que, ao seu xuízo, pode ser un "día histórico".
-
A cabeza de lista do PP en Ourense, Ana Vázquez Blanco, animou tras votar en Bande a "que todos os ourensáns participen" porque "nos xogamos o futuro" nunhas "eleccións totalmente distintas a outros procesos electorais".
-
A número un do BNG por Lugo ao Congreso, Maite Ferreiro, exerceu o seu dereito ao voto no edificio sindical da cidade. "Agardo que haxa moitísima participación, porque os galegos e galegas debemos decidir co noso voto en que sociedade queremos vivir e que país queremos", dixo.
-
Ledicia Piñeiro, cabeza de lista de En Común-Unidas Podemos en Ourense, tamén votou xa nestas eleccións xerais. Fíxoo na Casa Parroquial Santiago Das Caldas, na cidade de Ourense.
-
O voceiro de En Marea, Luís Villares, vén de votar en Lugo acompañado pola cabeza de lista da formación nesa provincia, Cristina Pérez Herraiz. Villares apelou a "exercer os dereitos cidadáns" ao voto porque "están en xogo as liberdades, os dereitos, a xustiza social e a defensa de Galicia", dixo.
-
Iris Malvido, cabeza de lista de En Marea por Pontevedra, xa exerceu tamén o seu dereito ao voto. Na imaxe, co tamén candidato Manuel G. Moreira no pavillón vigués das Travesas.
-
A portavoz nacional do BNG votou xa no colexio electoral do CGAC de Santiago. "Quero animar a todo o mundo a participar e a votar con liberdade" nun "momento excepcional", resaltou Ana Pontón acompañada polo cabeza de lista do Bloque pola Coruña, Néstor Rego.
-
As candidatas e candidatos das forzas políticas que concorren este 28A en Galicia comezan a exercer o seu dereito ao voto. Antón Gómez-Reino, número un de En Común-Unidas Podemos pola Coruña, vén de votar no Centro Cívico da Cidade Vella da Coruña
-
A Delegación do Goberno central en Galicia confirma que quedaron constituídas sen incidencias as 3.956 mesas electorais galegas.
-
Contra as nove e vinte o Ministerio do Interior confirmaba que quedaran constituídas o 3.954 das 3.956 mesas electorais das catro circunscricións galegas, nas que en total hai preparadas 7.912 urnas. Para Galicia imprimíronse 27 millóns de papeletas para o Congreso e 2,4 millóns para o Senado.
-
Case 35 millóns de persoas, 2,2 delas en Galicia, están chamadas dende as 9 da mañá deste domingo a renovar a composición das Cortes Xerais. As circunscricións galegas elixen 23 membros do Congreso e 16 do Senado en 3.956 mesas electorais no contexto político xeral máis incerto e decisivo en, cando menos, a última década e coa sensación xeral de estar en xogo algo máis que a maioría parlamentaria na que se asentará o próximo Goberno de España. Esta foi a distribución de escanos en Galicia en todas as xerais celebradas ata agora.
- Política Ao vivo