O PSOE arrebata ás dereitas tamén o Senado, co que querían volver aplicar o 155

Vista do pleno do Senado en febreiro de 2019 © Senado

Os socialistas obteñen 121 dos 208 senadores que se elixían nas xerais, pero nestes comicios tamén se renovan os seis valencianos tras as súas autonómicas e os tres designados pola cámara galega

O que durante os dez últimos meses foi un dos principais pesadelos do Goberno de Pedro Sánchez, a maioría absoluta coa que contaba o PP no Senado, vén de saltar tamén polos aires grazas ao sistema de elección da Cámara Alta, que prima á forza máis votada. Así, o PSOE vén de obter (co 99% escrutado) 121 dos 208 escanos en xogo no Senado, cámara clave para aplicar o artigo 155 da Constitución e intervir novamente a autonomía de Catalunya, como propuxeron durante a campaña os partidos da dereita, tamén Feijóo desde Galicia.

Dos 266 escanos do Senado, nestas eleccións xerais renováronse directamente co voto dos electores 208 (os 58 restantes son designados polos parlamentos autonómicos en función do reparto de forzas en cada cámara). Na pasada lexislatura o PP controlaba o Senado con 149 dos 266 senadores totais (130 dos 208 elixidos nas urnas) e agora vén de baixar nas urnas a só 56, mentres que o PSOE só contaba con 62, 44 dos elixidos nas urnas, e agora estes últimos suben aos anteditos 122.

En Galicia as eleccións deron un empate a 8 senadores entre PSdeG e PP, fronte aos 12 que tiña o PP, 3 o PSdeG e 1 En Marea

En Galicia fronte aos 12 senadores cos que contaba ata agora o PP, 3 o PSdeG e 1 En Marea, os comicios deste domingo deron un empate a 8 senadores entre o PSdeG e o PP, de xeito que o sistema de voto á Cámara Alta, que prima ao partido maioritario en cada circunscrición, deulle a vitoria aos socialistas na Coruña e Pontevedra e aos populares en Lugo e Ourense.

Os malos resultados do PP deixan sen escano no Senado a Pilar Rojo, ex-presidenta do Parlamento de Galicia, e a Juan Juncal, ex-alcalde de Ferrol con escano en Madrid desde hai unha década

Os malos resultados para o PP deixan fóra do Senado á ex-presidenta do Parlamento de Galicia Pilar Rojo, que na anterior lexislatura era deputada pero que foi recolocada nas listas á Cámara Alta por Pontevedra, nas que non conseguiu ser elixida, adiantada polos tres candidatos do PSOE e o seu compañeiro popular Miguel Fidalgo, concelleiro en Vigo. En Pontevedra tamén quedou fóra a ata agora senadora de En Marea e candidata por En Común Unidas Podemos Vanessa Angustia. Na Coruña o que queda tamén fóra do Senado é o ex-alcalde de Ferrol Juan Juncal, que desde 2016 era deputado pero que antes, ocupara escano na Cámara Alta desde 2008. Si seguirá sendo senador por Lugo José Manuel Barreiro, que foi portavoz dos populares durante os gobernos de Rajoy.

Senadores do PP galego, con Feijóo ante o busto de Fraga na Cámara Alta © PP

Senadores electos

A Coruña

  • Antonio Vázquez Lorenzo (PSdeG)
  • Obdulia Taboadela (PSdeG)
  • Julio Barros (PSdeG)
  • Miguel Lorenzo (PP)

 

Lugo

  • José Manuel Barreiro (PP)
  • Rosa María Arza (PP)
  • Manuel Lorenzo (PP)
  • César Alejandro Mogo (PSdeG)

 

Ourense

  • Miguel Ángel Viso (PP)
  • Carmen Leyte (PP)
  • Francisco José Fernández Pérez (PP)
  • Juan Carlos Francisco Rivera (PSdeG)

 

Pontevedra

  • Modesto Pose (PSdeG)
  • Margarita Adrio (PSdeG)
  • Daniel Chenlo (PSdeG)
  • Miguel Fidalgo (PP)

Senadores por designación autonómica

Ademais dos senadores electos nas urnas, en breve van cambiar tamén os de designación autonómica, dos que Galicia é a única comunidade que os cambia  coincidindo coas eleccións xerais

Pero o Senado seguirá a cambiar a súa composición nas próximas semanas. Ademais dos 208 senadores elixidos este domingo, hai outros 58 senadores nomeados por designación dos parlamentos autonómicos en función do peso das forzas políticas en cada cámara. Actualmente o PP controla 19 deses senadores por designación fronte a 18 do PSOE, pero dentro dun mes, coas eleccións municipais do 26 de maio, haberá autonómicas na maioría das comunidades, o que mudará boa parte deses escanos. Pero antes, os primeiros en cambiar deses 58 senadores por designación autonómica serán os seis da Comunidade Valenciana, onde este mesmo domingo as eleccións autonómicas a vitoria ao PSOE, e os tres senadores de Galicia, única comunidade que elixe os seus senadores por designación autonómica coincidindo con cada lexislatura das Cortes Xerais e non con cada cambio do parlamento autonómico. 

Tras as xerais de 2016 o reparto deses tres senadores galegos por designación foi de dous do PP (Juan Manuel Jiménez Morán e Fernando Carlos Rodríguez) e un do PSdeG (Modesto Pose, que agora obtén escano como senador elixido nas urnas). Daquela os socialistas eran a segunda forza na Cámara galega tras os populares, pero no actual Parlamento de Galicia a segunda forza é En Marea, empatada a escanos co PSOE, o que augura debates sobre que forza obterá ese terceiro senador por designación autonómica que acompañe aos dous que ten asegurados o PP.

Juan Manuel Jiménez Morán (PP), Fernando Carlos Rodríguez (PP) e Modesto Pose (PSOE), actuais senadores por designación do Parlamento de Galicia Dominio Público Senado

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.