Na lexislatura estatal de 2011 a 2015 un senador galego destacou pola súa escasa actividade. Era Armando Castosa, tamén alcalde de Cospeito polo PP, quen rematar aquel período lexislativo con apenas 11 actividades parlamentarias, unha delas a súa propia toma de posesión. Na lexislatura iniciada en xuño de 2016, que vén de rematar, outro senador do PP por Lugo bateu aquel récord de Castosa. Trátase de Gerardo Criado, ex-alcalde de Vilalba, que nestes dous anos e medio rexistrou unicamente unha iniciativa parlamentaria na Cámara Alta.
Gerardo Criado (PP), senador dende outubro de 2016, finaliza mandato con tres actividades parlamentarias no seu cómputo: a toma de posesión, o rexistro dunha iniciativa e a defensa desta en pleno
Criado, que recunca na candidatura do PP ao Senado como suplente -xa o fora en 2016, cando se incorporou en outubro dese ano para substituír á tamén edil vilalbesa Sandra Vázquez, que se presentou ás eleccións galegas-, remata así a lexislatura como o senador galego menos activo con só 3 actividades parlamentarias, unha delas tomar posesión. As outras dúas son o rexistro dunha pregunta sobre o Consello Xacobeo en febreiro de 2018 e a súa defensa en pleno nese mesmo mes, toda vez que o Senado rexistra como actividades diferentes o rexistro dunha iniciativa e a intervención -neste caso, nun pleno- para defendela.
Sempre segundo as bases de datos do Senado, Criado sitúase no extremo oposto ao senador con maior volume de iniciativas e intervencións parlamentarias, o socialista Ángel Mato. O tamén aspirante do PSdeG á alcaldía ferrolá chegou ás 690, a maioría preguntas escritas ao Goberno.
Tras Mato, cun número moi semellante de actividades parlamentarias, o segundo senador galego máis activo foi o tamén representante do PSdeG Ricardo Varela, membro da Cámara Alta por Lugo. Tamén se achegou ás 600 actividades Luis García Mañá, senador socialista por Ourense. Tras el situouse Modesto Pose (PSdeG), senador por designación do Parlamento de Galicia dende xullo de 2017, con 512 iniciativas e intervencións, e a continuación atópase Vanessa Angustia, a única senadora de En Marea, con 348.
Aínda que é habitual que os senadores do partido que sustenta o Goberno presenten un número escaso de iniciativas, máis aínda se contan na Cámara cunha ampla maioría absoluta, como lle sucede ao PP no Senado, no caso da representación galega no Grupo Popular as cifras son dispares. Así, as 176 actividades parlamentarias rexistradas polo vigués Miguel Fidalgo ou as 94 do lalinense José Crespo -que formulou diversas preguntas sobre vías férreas en Catalunya- contrastan coas 3 de Gerardo Criado.
Os dous senadores do PP por designación do Parlamento de Galicia realizaron 39 actividades parlamentarias entre os dous durante toda a lexislatura
O lucense José Manuel Barreiro, que foi voceiro do PP no Senado ata que Mariano Rajoy perdeu o Goberno, finalizou a lexislatura con 66 actividades parlamentarias. Son máis que as que rexistraron outros membros do PP nesta Cámara como Marta Lucio (45), María Aparicio (44) ou José Luis Torres Colomer (28). No que atinxe aos dous senadores do PP por designación do Parlamento galego, Fernando Carlos Rodríguez finaliza a lexislatura estatal con 28 iniciativas e intervencións e Juan Jiménez Morán con apenas 11.
No que atinxe ás outras tres representantes do PP que abandonaron o Senado pouco despois do inicio da lexislatura estatal, a súa presenza foi anecdótica. Paula Prado, que deixou a Cámara Alta en outubro de 2016 para ser deputada do Parlamento galego, apenas presentara unha iniciativa alén de tomar posesión. A devandita Sandra Vázquez unicamente tomara posesión e Edelmira Barreira, que abandonou o escano por Ourense en xaneiro de 2017 para ser asesora de Soraya Sáenz de Santamaría, realizara unicamente sete actividades parlamentarias.