A fin anticipada da lexislatura reduciu un 40% as iniciativas da representación galega no Congreso

Representantes de PP, PSdeG e En Marea no Congreso, con membros do Parlamento galego antes do pleno que debateu o traspaso da AP-9 CC-BY-SA PP

Hai moitos xeitos de medir o traballo parlamentario. Dende o contido nas iniciativas formuladas ata o seu éxito ou fracaso á hora de seren aprobadas pasando pola oratoria que despregan os membros das Cámaras á hora de defendelas. É habitual facelo tamén de xeito numérico, atendendo ao volume total de iniciativas defendidas para cada deputado ou deputada durante unha lexislatura. 

Dende o verán de 2016 os 23 deputados e deputadas das circunscricións galegas formularon 9.680 iniciativas fronte ás máis de 15.000 da anterior lexislatura, que si durou catro anos

No período lexislativo iniciado no verán de 2016 a representación galega no Congreso dos Deputados formulou un total de 9.680 iniciativas individuais. Son un 38% menos que na anterior lexislatura, cando os 23 deputados e deputadas por Galicia chegaron a formular 15.747. Esta redución débese, en boa medida, á menor duración efectiva da lexislatura -a anterior durou practicamente catro anos e a actual, menos de tres-. Así e todo, a media mensual de iniciativas rexistradas por deputados da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra pasou dunhas 340 no anterior período unhas 300 no que vén de rematar. Este cómputo non inclúe as iniciativas formuladas en grupo.

Alén das cifras globais, as 9.150 preguntas escritas, 464 preguntas orais, 65 solicitudes de informes, e 1 solicitude de comparecencia que formularon os representantes das circunscricións galegas no Congreso tiveron un reparto desigual entre os deputados e deputadas. A que máis iniciativas rexistrou foi Yolanda Díaz, deputada de En Marea pola Coruña na lexislatura que vén de rematar, dentro do grupo de Unidos Podemos, cun total de 1.519.

A deputada máis activa foi Yolanda Díaz e o que menos iniciativas presentou foi, tras Ana Pastor, o tamén popular Tomás Fole

Tras Díaz sitúanse, por número de iniciativas, tres membros do PSdeG: Guillermo Meijón, con 1.018, Margarita Pérez Herraiz, con 722, e Rocío de Frutos, 704. A maior variación a respecto da anterior lexislatura é que desta volta si se rexistraron cifras significativas de iniciativas formuladas por membros do PP, especialmente activos tras a moción de censura que os situou na oposición a finais de maio de 2018. O máis activo entre os populares galegos foi o coruñés Miguel Lorenzo, con 592 iniciativas parlamentarias rexistradas.

Na banda contraria aos deputados e deputadas máis activos sitúanse os que menos iniciativas formularon nesta lexislatura. Despois de Ana Pastor, que dada a súa condición de presidencia do Congreso apenas participa da formulación ordinaria de preguntas e propostas -rexistrou só 11- o deputado galego menos activo foi Tomás Fole, tamén do PP, cun total de 156. Jaime de Olano (PP), Ricardo García Mira (PSdeG), Pilar Cancela (PSdeG), Antón Gómez Reino (En Marea), Joaquín García Díez (PP), Pilar Rojo (PP) e Miguel Anxo Fernán-Vello (En Marea) formularon tamén menos de 300.

Con independencia dos resultados do 28A, unha boa parte das deputadas e deputados electos polas circunscricións galegas en 2016 non regresarán ao Congreso tras as vindeiras eleccións xerais. Non en van, tanto PP como PSOE introduciron notables remudas nos primeiros postos das súas listas. Ademais, a que foi terceira forza en escanos por Galicia nesta lexislatura, En Marea -que concorreu en 2016 como coalición- concorre a estes comicios en dúas opcións electorais diferentes -En Marea por unha banda e En Común-Podemos, por outra-, todo isto nun panorama que, segundo diversos inquéritos, apunta a unha maior fragmentación que nos anteriores comicios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.