A representación galega no Congreso máis plural da historia no actual sistema democrático. As primeiras enquisas pública sobre as eleccións xerais do 28 de abril con desagregación provincial dos resultados debuxan un panorama de fragmentación que as diversas formacións políticas xa prevén dende hai meses con notables cambios na correlación de forzas a esquerda e dereita que outorgarían escano na Cámara Baixa a ata cinco candidaturas políticas diferentes.
As enquisas de Sondaxe e GAD3 coinciden en sinalar que o PP deixaría de ter a maioría absoluta dos 23 escanos galegos no Congreso, pero difiren na intensidade do devalo
Os dous inquéritos divulgados a pasada fin de semana e este luns, elaborados por Sondaxe e GAD3 para os xornais La Voz de Galicia e ABC, coinciden en sinalar que o PP deixaría de ter a maioría absoluta dos 23 escanos que suman as circunscricións galegas no Congreso, pero difiren na intensidade dese devalo. Así, Sondaxe indica que os populares perderían senllos escanos pola Coruña e Ourense, pasando de 12 a 10 no total de Galicia, mentres que GAD3 estima que tamén terán un menos por Lugo, quedando en 9.
Ambas empresas demoscópicas cadran en sinalar tamén que, como en 2015, habería un transvasamento de sufraxios no espectro do centro-dereita cara a Ciudadanos. O inquérito para La Voz de Galicia outorga aos de Albert Rivera dous escanos -un pola Coruña e outro por Pontevedra- mentres que o publicado por ABC indica que será só 1, na provincia da Coruña.
PSOE á alza, incerteza de En Marea e Podemos, regreso do BNG
Ambos inquéritos coinciden en prognosticar un notable ascenso do PSdeG, que volvería ser segunda forza en Galicia
Pola banda esquerda ambos inquéritos prognostican un notable ascenso do PSdeG, aínda que de intensidade dispar. Segundo Sondaxe o PSOE recuperaría con claridade a condición de segunda forza por Galicia no Congreso con 8 escanos e mesmo sería primeira forza na provincia da Coruña, onde lograría un posto máis que en 2016, ata os tres. A outra circunscrición na que os socialistas medrarían en escanos sería Ourense, con 2, di esta enquisa.
GAD 3, pola súa banda, outorga máis marxe de crecemento ás candidaturas do PSOE en Galicia. Estima que poderían sumar o terceiro escano pola Coruña e Pontevedra e un segundo por Lugo e Ourense, o que deixaría o cómputo galego total en 10. Ou, o que é o mesmo, o mellor rexistro dos socialistas en Galicia dende os tempos de Zapatero.
Estas enquisas outorgan escanos a En Marea e En Común-Podemos sen teren en conta que son candidaturas diferentes e a de GAD3 augura que o Bloque podería obter escano por Pontevedra
Boa parte do crecemento do PSdeG semella ter a súa orixe na mingua do espazo electoral ocupado en 2015 e 2016 polas candidaturas de En Marea, daquela como coalición. Ambas enquisas prognostican que estas formacións seguirán tendo representación por Galicia, pero os seus resultados son incertos porque non estimaron o impacto de que, finalmente, En Marea e En Común-Podemos sexan candidaturas diferentes. Así, Sondaxe adxudica 3 escanos a En Marea e GAD 3 estima 2 para Podemos, pero ambas con esta cautela.
Unha destas enquisas, a de GAD3, augura ademais a que, de traducirse en votos o 28A, sería unha das grandes novidades da noite electoral en Galicia, o regreso do BNG ao Congreso tras perder a súa representación en 2015 e 2016. Segundo este inquérito, o Bloque lograría un escano por Pontevedra, o que convertería en deputada a Carme da Silva.