Os prexuízos da división do voto foron -e, en boa medida, seguen sendo- unha das advertencias máis recorrentes entre os partidos da esquerda política. Dende as súas filas veu sendo frecuente a alerta de que espallar os sufraxios beneficiaba á dereita, que durante moito tempo agrupou os seus esforzos electorais de xeito esmagador en torno ao PP. No caso das eleccións xerais como as que se van celebrar o vindeiro 28 de abril a advertencia é especialmente relevante en circunscricións nas que se reparten poucos escanos, como Lugo e Ourense. Pero desta volta a alerta non está só na esquerda. Tamén no PP.
A recorrente alerta da esquerda sobre os prexuízos da división do voto chega desta volta tamén á dereita
Os escenarios electorais que debuxan diversas enquisas prognostican un panorama de fragmentación na dereita inédito dende hai lustros e o PP asume ás claras que está a competir nun campo no que tamén captan sufraxios Ciudadanos e mais o partido de extrema dereita Vox. Esta circunstancia levou a cúpula que encabeza Pablo Casado a distribuír un argumentario entre todos os seus cargos nos que inclúe Lugo e Ourense como circunscricións nas que a división da dereita podería provocar que o PP perdese escanos o 28-A.
Baixo o título Pablo Casado o el gobierno Frankenstein, o argumentario distribuído aos cargos do PP detalla por que é posible que "o bloque de centro dereita obteña moitos menos deputados" que nas anteriores xerais, as de 2016, pola "división do voto entre tres forzas políticas" e "polas características específicas da Lei D'Hont". Refírese á regra d'Hondt, o sistema creado polo matemático Víctor d'Hondt para repartir escanos en función dos votos obtidos, que é o empregado nas eleccións en España en virtude do estipulado na lei electoral.
Baixo o título 'Pablo Casado o el gobierno Frankenstein' o PP distribuíu aos seus cargos un argumentario no que explica o funcionamento da regra d'Hondt e insta a que reclamen á cidadanía ser "responsable" e "aglutinar" os sufraxios da dereita neles
Tras explicar aos seus cargos como funciona este modelo matemático de asignación de escanos, a dirección do PP alerta dos seus eventuais efectos nun contexto de fragmentación especialmente en provincias nas que se elixen poucos escanos, onde cómpre roldar "o 15% dos votos para obter un escano, unha barreira que a día de hoxe non acada Vox e Ciudadanos bordea perigosamente". Ese "limiar mínimo" mesmo pode ser "maior" en circunscricións nas que "se reparten" menos de seis escanos, un total de 28. E entre elas cita as que só asignan catro: "Álava, Albacete, Burgos, Cáceres, Lérida, Lugo, Orense, La Rioja y Salamanca", di o documento. Ata hai dúas décadas os escanos lucenses e ourensáns eran cinco, pero perderon un pola mingua de poboación.
O argumentario instrúe a continuación os representantes populares no xeito en que deben explicar que están "preocupados" polo "risco de que poida seguir gobernando Sánchez cos separatistas" e por iso "temos que ser responsables e aglutinar o voto" en torno ao PP, moi "especialmente" nesas circunscricións de menos de seis escanos, como Lugo ou Ourense. "O problema -agrega- é que os votos obtidos por cada partido en cada provincia non son transferibles a outras provincias", resume.
Así e todo, o argumentario tamén introduce un matiz. "Están aconsellando non votar a Vox e Ciudadanos?", pregunta retoricamente. "Non. Todos os votos son útiles e todo o meu respecto a calquera votante, decida o que decida", recomendan responder. Pero o "responsable" é "aglutinar o voto" na "única opción que pode liderar un goberno alternativo: o PP e Pablo Casado", que ademais "xa demostrou que sabe pactar á esquerda e á dereita", asegura, instando a non confiar nun posible pacto tripartito de dereitas ao xeito do pechado en Andalucía.
Provincias bipartidistas durante dúas décadas
Coa alerta de fragmentación da dereita os de Pablo Casado conciben como posible un escenario inédito, tanto en Lugo como en Ourense, dende os anos 80 do século pasado. Non en van, o Partido Popular (e antes, Alianza Popular e as súas forzas coaligadas, como Centristas de Galicia) é a única forza de dereitas con representación no Congreso por Lugo e Ourense dende o afundimento da Unión de Centro Democrático (UCD).
Dende aqueles anos a aparición de forzas diferentes de PP e PSOE nos escanos lucenses e ourensáns foi toda unha excepción. Non en van, ata o ano 2015, cando obtivo un posto En Marea, no caso de Lugo había que remontarse a 1982 para atopar un escano que non fose popular ou socialista.
En Ourense isto non sucedía dende as xerais de 1986, cando Coalición Galega, de tendencia galeguista conservadora, si logrou representación. En 2015 En Marea conseguiu un escano, pero perdeuno nos comicios de 2016.
O PP tamén tentou facer ver os riscos da fragmentación da dereita facendo circular por WhatsApp un vídeo de Epi e Blas
O temor nas filas conservadoras é que, desta volta, o transvasamento de parte dos seus votantes a outras forzas como Ciudadanos ou Vox non se traduza en que estes partidos obteñan representación, pero si nun devalo que penalizase o propio PP no reparto de escanos. Esta circunstancia, reiteran, pode beneficiar o PSOE nun contexto de alza electoral para os de Pedro Sánchez. Para tentar facelo ver distribuíron o devandito argumentario entre os seus cargos, pero tamén fixeron circular por WhatsApp un vídeo protagonizado polos personaxes de Barrio Sésamo Epi e Blas.