O presidente di que prefire ler o libro de Alfonso Guerra que o de Pedro Sánchez, ao que intenta ridiculizar
Os políticos do PP actúan polo interese xeral mentres que os doutras formacións, agás Felipe González e Alfonso Guerra, fano segundo os seus intereses particulares. Esa foi a mensaxe de fondo que deixou o presidente Feijóo este xoves ao ser preguntado tanto polas recentes saídas de cargos populares cara a Ciudadanos como por actuacións de Pedro Sánchez, ao que intentou ridiculizar.
Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, Feijóo tivo que facer fronte, unha semana máis, a unha nova marcha dun cargo do PP galego cara a Ciudadanos, novamente na provincia de Ourense que controla Manuel Baltar. Tras dar o paso o portavoz do PP no Concello de Ourense, esta semana foi a portavoz da propia Deputación de Ourense que preside Baltar e concelleira en Xinzo de Limia, Montserrat Lama, a que deixou aos populares e admitiu contactos coa formación de Albert Rivera. A Feijóo preguntóuselle se esta nova saída débese á “dereitización” do PP baixo a actual dirección de Pablo Casado, cuestión que Feijóo eludiu, atribuíndo pola contra a marcha da política ourensá a que “quería ser a candidata do PP en Xinzo”.
“Xa foi presidente, xa estivo na Moncloa, xa montou no Falcon e xa ten un libro; iso acredita que todos os seus obxectivos están colmados”, di Feijóo de Pedro Sánchez
A Feijóo tamén se lle preguntou se leu o libro de Pedro Sánchez no que este relata a súa traxectoria política ata a presidencia do Goberno central. O presidente galego, que en numerosas ocasións lembra que nos 80 el votou por Felipe González, dixo que non leu a obra de Sánchez senón que “o libro que pedín é o de Alfonso Guerra, gústame máis”. Pero non deixou pasar a pregunta sen aproveitar o libro para cargar contra Sánchez: “Xa foi presidente, xa estivo na Moncloa, xa montou no Falcon e xa ten un libro; iso acredita que todos os seus obxectivos están colmados”, dixo Feijóo.
Ao presidente galego tamén se lle preguntou polo posible pacto do PP con Ciudadanos e Vox tras as eleccións xerais, cuestión na que eludiu entrar limitándose a reiterar que os populares deben intentar obter “a maioría máis ampla posible”. “Cada voto de centro e dereitas que non é ao PP satisfai moitísimo a Pedro Sánchez”, dixo, do que criticou que pretenda configurar un goberno que “só é apoiado por algunhas partes do territorio”.