Segunda dimisión de peso no PP de Ourense en menos dun mes, cunha xénese e unha historia dispar pero cun destino que semella o mesmo: Ciudadanos. Poucas semanas despois de que o que era concelleiro clave e voceiro do único goberno dos populares nas cidades galegas, José Araújo, dimitise de todos os seus cargos como paso previo ao seu ingreso no partido de Albert Rivera, a voceira do goberno de José Manuel Baltar na Deputación ourensá, Montserrat Lama, vén de facer un anuncio case idéntico.
"Marcho cansa e farta", afirma Lama, cuxa dimisión se produce pouco despois de que o PP de Xinzo elixise como candidato á alcaldía ao avalado por Baltar e mais por Antonio Pérez, o ex-rexedor condenado a oito anos e medio de inhabilitación
Lama, ata agora responsable da área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación e tamén titular de Comunicación e Relacións Institucionais no goberno do PP en Xinzo de Limia ratificou este mércores a súa dimisión de todos os cargos institucionais e mais a súa baixa no partido. Tanto Baltar como o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, confirmou, foron xa informados dunha decisión que, afirma, levaba meses a "meditar". "Marcho cansa e farta", asegurou porque, afirma, traballou "para que esta situación non tivese que suceder", pero "o PP e mais eu deixamos de compartir principios e valores".
A marcha de Lama de todos os seus cargos chega pouco despois de que a Xunta Local do PP de Xinzo elixise como candidato do partido á alcaldía a Antonio Fernández Veiga, que xa fora concelleiro, co aberto aval de Baltar e mais do ex-rexedor Antonio Pérez, condenado en marzo do pasado ano a oito anos e medio de inhabilitación por un delito continuado de prevaricación administrativa en contratos de persoal municipal entre 2011 e 2013.
Naquel procedemento Montse Lama acudiu a declarar como testemuña e, segundo transcendeu, cargos do partido consideran a súa declaración como clave na condena. "En moitos momentos sentinme completamente soa, completamente desamparada polo partido", afirmou no anuncio da súa dimisión. Estivo a vivir, acusa, "circunstancias moi desagradables, nalgunhas ocasións deshumanizadas". Mesmo "incomprensibles para calquera persoa con dous dedos de fronte", dixo quen aspiraba á candidatura á alcaldía polo PP de Xinzo.
"Sentinme completamente soa e desamparada polo partido", afirma Lama, quen admite ofertas de Ciudadanos
Lama, vestindo unha camisola co lema no me rindo, advertiu no propio momento da súa dimisión de que "isto non é un paso atrás", senón "á fronte" porque "non me rendo, son moi valente e moi traballadora". Neste sentido, ao ser cuestionada ao respecto a xa ex-militante popular admite da existencia de ofertas de Ciudadanos que, previsiblemente, poderían pasar polo cartel electoral que o PP lle negou na vila limiá.
Baltar, clave na elección do novo candidato en Xinzo, evitou as críticas á deputada e concelleira dimisionaria. Segundo recolle La Región, o presidente da Deputación limítase a "agradecer" o traballo de Lama e a "respectar a súa decisión" dentro da "liberdade de elección". O PP, pola súa banda, di, seguirá "gobernando" ata "unhas eleccións nas que volveremos obter a maioría absoluta" no ente provincial, augurou.