Xinzo 2015. Vítima e cómplice dos mesmos de sempre

Salmos 48:14. “Porque este é Deus, o noso Deus por sempre xamais; El guiaranos ata á morte.”

Xinzo da Limia leva sendo gobernado de xeito case ininterrompido polo enramado galego da dereita española máis reaccionaria

Xinzo da Limia leva sendo gobernado de xeito case ininterrompido polo enramado galego da dereita española máis reaccionaria, a lexítima herdeira dos estertores do tardo franquismo, desde a propia inauguración da democracia contemporánea.

A meirande parte de todo o que sucede en Xinzo leva gravado no ADN o código do xugo e as frechas nas que abrollou o PP, agás na lexislatura de 1999 á 2003 cando tras unha condena por prevaricación ergueuse unha alternativa de coalicións da esquerda que con todo ficou laminada nos últimos anos desa lexislatura por mor dun rechiado pacto de poder ad hoc para investir alcalde a mesma raizame de novo, hoxe mandatario popular do Concello de Baltar.

A pesar desta brevidade fíxose xa sistémica nas sesións plenarias a vergoñenta recorrencia a este excepcional período como berce de todos os males que devastan a capital de A Limia. O novo alcalde, membro da Xunta Local de Goberno do PP desde 2007, non deixa de ser a pesar dos esforzos de desmarque unha penumbra máis desta longa noite de sombras inaugurada xa fai corenta anos por Isaac Vila, ámbolos dous negras sombras nunha cova onde xa fai tempo que, citando a xornalista e escritora Mar Gil, se extinguiron os políticos perseguidores de utopías como o ben común, a redistribución da riqueza, a igualdade de oportunidade ou o amor polo propio como a maior das potencialidades produtivas que posúe un territorio.

O novo alcalde, membro da Xunta Local de Goberno do PP desde 2007, non deixa de ser a pesar dos esforzos de desmarque unha penumbra máis desta longa noite de sombras inaugurada xa fai corenta anos por Isaac Vila

Esta hijuela que nos testamos os limiaos agocha tamén un escuro legado tanto na práctica política como nos comportamentos socio electorais asociados, todos aínda fortemente contaminados polos peores vicios do antigo réxime como son a corrupción, o trampeo, a propaganda da mentira, o chanchullo, o trato de favor, o caciqueo, o atraso, o tráfico de influencias, e polo que ata o de agora nos din tanto a Avogacía do Estado como o Xulgado Contencioso de Ourense, “a groseira e sistemática desviación do poder”. E sobre todo, o medo á non andar de ben cos do PP, sempre co adobío dunha impecable pátina de cordialidade, normalidade e cunha cobertura institucional de case de total impunidade, pase o que pase.

O caso é que en Xinzo a cousa inzou a tal fondura e rizoma que semella imposible de reverter. Un corpo institucional san sería incapaz de metabolizar tal morea de xurro e corrupción, canto máis coas constantes vitais colapsadas fai tempo. Así que, sen máis saída e sempre en permanente fuxida cara ás profundidades, a propia institución local hai décadas que optou por erixirse no antimodelo incumprindo e pasándose polo forro do escudo municipal todo o ordenamento establecido se así o esixe o guión. E para mostra, o pequeno botón do recente escándalo urbanístico do hipermercado Gadis levantado fóra do ordenamento na principal avenida da vila e a pesar das advertencias tanto da oposición como dos requirimentos da propia Xunta de Galiza.

A agrogandeiría cun potencial económico vital para a nosa comarca hoxe en mans dun colectivo presidido pola correa de transmisión popular da insostenibilidade, a contaminación e a precariedade

Un concello con esta bagaxe de ouro ás costas e cun goberno que aínda non aprobou as súas principais normas subsidiarias como son o rigor e a lealdade institucional, e sen un proxecto político nítido e definido, simplemente é unha improvisada e desleixada conta de gastos e ingresos, un rexistro armo de entradas e saídas, condenado á ficar na mediocridade e no déficit suicida esmagado pola especulación. Un concello gobernado na teima de perpetuarse no poder, sen xestión nin planificación nin unha perspectiva global espazo temporal tanto para o seu territorio como para os seus principais resortes económicos, é un macro velorio. Cando ademais taxas e impostos desorbitados son estragados sen pudor mentres se deixa esmorecer sectores clave como o comercio local abandonado a súa sorte e desgraza, ou como a agrogandeiría cun potencial económico vital para a nosa comarca hoxe en mans dun colectivo presidido pola correa de transmisión popular da insostenibilidade, a contaminación e a precariedade, sen unha industria transformadora derivada, sen políticas específicas orientadas cara a dinamización económica e laboral, sen garantía de futuro, sómente por irresponsabilidade e imprudencia a cousa xa é bastante máis que grave ou dolosa.

Todo un Museo Galego do Entroido segue fechado despois dunha inversión total de máis de dun millón de euros aínda sen ter definido un índice mínimo de contidos

Se ademais a meirande parte do patrimonio cultural e natural fica soterrado baixo silvas e esmorgas do Esquecemento e do Entroido, sen ningún mínimo programa coordinado de recuperación de inmóbeis ou espazos de valor arqueolóxico, etnográfico ou patrimonial, sen contidos previsibles ou creativa posta en valor e sen un plan especial no casco vello onde no canto de procurar unha transformación integral a través da rehabilitación derívase acotío na estéril declaración de ruína, caso do Bar Arcos, entón xa é desolador. E cando todo un Museo Galego do Entroido segue fechado despois dunha inversión total de máis de dun millón de euros aínda sen ter definido un índice mínimo de contidos e sen outra idea nin estratexia transversal co turismo que a dun calaceiro hóspede que parasita a fervenza cidadá que empuxa todo o ciclo do Entroido cara o abismo da masificación e do botellón, cando todo isto ocorre, sendo ademais algo asumido e reincidente, xa é delito.

E cando todo elo ven dado de xeito sistemático, simultáneo, consciente e co agravante dunha forzada práctica administrativa, celofán de normalidade funcionarial, non se debe a unha maldición ou praga bíblica senón que é o infame resultado da infame obra dun grupo de infames persoas que fronte a lealdade institucional optaron por seren o antimodelo, espello de delincuentes.

Facer política é conducir a vida, dende o compromiso cunhas ideas e cunha sociedade

Parafraseando a Mar Gil co gallo da presentación da súa recente e clarificadora obra Allariz. A construción dun País. (1989-2014) 25 anos de acción transformadora, compre subliñar que facer política é conducir a vida, dende o compromiso cunhas ideas e cunha sociedade, o demais é outra cousa; no mellor dos casos, goberno, xestión, dirección empresarial ou no peor, nefasta conta de resultados que fará que en 2015 Xinzo siga a ser vítima e cómplice dos mesmos de sempre.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.