As seis principais formacións políticas en Galicia escolleron as provincias atlánticas para os seus actos de inicio de campaña, que terán lugar esta noite, pouco antes da medianoite, momento no que poderán comezar a pedir o voto.
PP e Ciudadanos optan pola Coruña para os seus actos iniciais, que terán lugar a escasos metros de distancia, no Hotel Atlántico e na Mariña da cidade herculina, fronte ao teatro Rosalía de Castro, respectivamente. Alí estarán Alberto Núñez Feijóo polos populares e Marta Rivera de la Cruz pola formación laranxa.
Os actos principais das seis formacións terán lugar nas provincias atlánticas
Mentres, Unidas Podemos abre a súa campaña no centro de Vigo, na Porta do Sol, onde intervirán Antón Gómez Reino e Yolanda Díaz, cabezas de lista pola Coruña e Pontevedra.
Finalmente, PSdeG-PSOE, En Marea e BNG realizarán o principal pegado de carteis en Compostela. O Bloque faino na Praza de Praterías, nun acto no que intervirán Ana Pontón e Néstor Rego, cabeza de lista pola Coruña. A cita do PSdeG-PSOE será na rúa Montero Ríos, onde estará o secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero. En Marea escolleu realizar o seu primeiro acto de campaña fronte ao Salón Teatro, na rúa Nova, coa presenza de Luís Villares e de Ana Seijas, entre outros.
Non son os únicos actos programados para este xoves. Todos os partidos teñen outras citas nas distintas cidades galegas, nas que realizarán o pegado de carteis os diferentes candidatos e candidatas en cada circunscrición.
O PSdeG-PSOE, por exemplo, ten convocatorias en Pontevedra, Vigo (rúa Urzaiz), Vilagarcía de Arousa (Parque Miguel Hernández) ou Redondela (Praza do Concello). O BNG realizará unha pegada na Coruña (Rúa Damas), o mesmo que Unidas Podemos (Campo da Leña).
Ciudadanos estará tamén en Lugo (Praza da Constitución), Ourense (Parque de San Lázaro) e Vigo (Praza de Compostela). E En Marea farao igualmente en Lugo (Praza Maior), Ourense (Parque de San Lázaro) e Vigo (Porta do Sol).