Que pasou o 26X? Así foi a cousa concello a concello

Voto do PP, por concellos CC-BY-SA Praza Pública

Nos dous últimos días viñemos ofrecendo en Praza algunhas claves e análises sobre os resultados das eleccións do 26X e o comportamento das distintas candidaturas. Os titulares están claros: o PP foi quen de mobilizar o seu electorado e creceu 34 mil votos e máis de 4 puntos; En Marea, en cambio, sufriu as maiores perdas, deixando polo camiños un total de 65 mil apoios; no medio, o PSdeG-PSOE mantivo os seus sufraxios (só perdeu uns 5 mil) pero isto permitiulle mellorar as súas porcentaxes, nun contexto de maior abstención. Onde gaña o PP? Onde perde En Marea? Ten o PSOE un comportamento uniforme? Mirémolo analizando os resultados concello a concello.

Os populares soben en todas as provincias, pero máis nas orientais (4.9 puntos en Lugo, 4.7 en Ourense, 4.5 na Coruña, 3.8 en Pontevedra), beneficiado polos incrementos de participación que se rexistraron en moitos concellos rurais. Os posibles transvases de voto de Ciudadanos, se os houber, non varían demasiado dunhas zonas a outras, aínda que poden ser maiores en Ourense (o partido laranxa perde alí oito décimas) e algo inferiores nas provincias occidentais (en Pontevedra os de Rivera só caen unha décima).

O PP acada excelentes resultados en Bergantiños e Costa da Morte, Deza, Ortegal, A Mariña Oriental e o centro da provincia de Lugo (en azul escuro no mapa), con subas por riba da media

O PP crece algo máis nos concellos pequenos que nas cidades, pero as diferenzas son moi pequenas; de feito, os populares soben nas urbes entre 4 e 5 puntos, na liña dos seus resultados globais. Si chaman a atención os seus excelentes resultados en Bergantiños e Costa da Morte, Deza, Ortegal, A Mariña Oriental e o centro da provincia de Lugo (en azul escuro no mapa), con subas por riba da media. Aínda que os populares case non teñen resultados negativos, podemos localizar no Baixo Miño e na área metropolitana de Vigo as comarcas nas que experimentou menores ascensos.

As variacións de voto dos socialistas funcionan de xeito inverso ás variacións de voto do PP (coeficiente de correlación: -0.4734). É dicir: o PSdeG-PSOE crece máis onde menos crece o PP, e á inversa

No caso do PSdeG-PSOE, a estabilidade dos seus datos, con variacións moi homoxéneas en todo o país, dificulta tirar grandes conclusións. Obtén as súas maiores ascensos (en porcentaxe) na Coruña e Pontevedra (1.4 e 1 puntos, respectivamente), mentres que en Ourense (+0.2) e Lugo (-0.2) se mantén estable, aínda que perdendo votos (uns cinco mil entre as dúas provincias). A súa mellora nas provincias atlánticas aséntase nun crecemento urbano, superior aos dous puntos en Ferrol, A Coruña, Compostela, Pontevedra e Vigo. Tamén nas provincias orientais crece máis nas urbes que no conxunto dos concellos rurais.

As variacións de voto dos socialistas funcionan de xeito inverso ás variacións de voto do PP (coeficiente de correlación: -0.4734). É dicir: o PSdeG-PSOE crece máis onde menos crece o PP, e á inversa. A relación co comportamento electoral de En Marea e Ciudadanos tamén é inversa, pero menos pronunciada (-0,1945) e (-0,1181).

E que pasou con En Marea? Moi probablemente unha desmobilización dunha parte do seu electorado de decembro, se temos en conta que a participación caeu máis nas zonas urbanas e nos concellos cunha menor media de idade. Tranvases á marxe (puido recoller nalgúns concellos parte do voto que perdeu o BNG e perder sufraxios en dirección ao PSdeG-PSOE) podemos pensar que unha parte importante dos 80 mil novos e novas abstencionistas votaran a En Marea no 20D.

As perdas de En Marea foron maiores nas cidades e en concellos das súas áreas metropolitanas: Carral, Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo, Narón ou Ames

En Marea perde entre dous e tres puntos en todas as provincias (A Coruña 3.2, Pontevedra 2.7, Lugo 2.3, Ourense 2.2). Caídas en xeral homoxéneas que foron maiores nas cidades (4.5 puntos na Coruña, 3.9 en Compostela, 3.6 en Lugo, 3.5 en Vigo, 3.5 en Pontevedra, 3.2 en Ourense, 3.1 en Ferrol) e en grandes vilas e concellos das áreas metropolitanas das sete urbes: Carral, Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo, Narón ou Ames roldan ou superan os catro puntos de caída. Á inversa, hai unha vintena de localidades nas que a candidatura mesmo creceu en porcentaxe e son maioritariamente rurais. En varios deles este ascenso é produto dun transvase de voto de Nós (Vilar de Santos, Moeche, Muras, San Sadurniño, Vimianzo...). De feito, os datos globais amosan que En Marea tivo unha evolución mellor (ou menos negativa) naqueles concellos con medias de idade máis elevadas (coeficiente de correlación = 0,0682 entre variación por concello e media de idade do concello).

Nunha vintena de localidades, maioritariamente rurais, En Marea creceu en porcentaxe. En varios deles este ascenso é produto dun transvase de voto de Nós

Xa vimos antes como as variacións de voto de En Marea funcionaban de xeito inverso ás variacións de voto do PSOE (coeficiente de correlación: -0.1945). Esta relación case non existe en relación co PP, ao achegarse o coeficiente a cero (-0.0445). No caso da relación cos datos de Nós/BNG, os números son significativos: a correlación existe de forma clara e é inversa (0,5645), é dicir, onde máis baixa o BNG é onde mellor evoluciona En Marea (por transvase de voto). 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.