Así traballou a representación galega nas Cortes

Rajoy, ao inicio dun pleno no Congreso © Congreso dos Deputados

O presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, lanzou definitivamente este luns a carreira para as eleccións xerais coa aprobación do decreto de convocatoria electoral, unha rolda de prensa de balance e unha entrevista en Televisión Española que inclúe doce preguntas pregravadas por "cidadáns". A chamada ás urnas, que este martes publicará o BOE, supón a disolución das Cortes Xerais, nas que dende novembro de 2011 sentou medio cento de persoas en representación das circunscricións galegas no Congreso e no Senado. Entre todos, estes membros galegos das Cámaras lexislativas do Estado tramitaron máis de 37.000 iniciativas, se ben o reparto non é, nin de lonxe, equitativo entre eles.

Congreso dos Deputados

Polos vinte e tres asentos que as circunscricións galegas teñen asignadas no Congreso dos Deputados pasaron 28 deputados e deputadas durante a décima lexislatura das Cortes, a causa das substitucións que se produciron por diversos motivos, caso por exemplo da incorporación do socialista Francisco Caamaño e do nacionalista Francisco Jorquera ás candidaturas das súas formacións para as eleccións galegas de 2012. Como adoito, os e as representantes da oposición despregaron un nivel de actividade notablemente maior que a de quen se encadraron no partido que sustentou o Goberno, neste caso o PP.

Alén do contido, dende o punto de vista meramente numérico as bases de datos do Congreso indican que a representante galega que realizou un maior número de actividades foi a ourensá Laura Seara (PSOE), con máis de 4.400 iniciativas na lexislatura. A segunda deputada galega máis activa foi a tamén socialista Paloma Rodríguez, autora de 3.800 iniciativas malia incorporarse ao Congreso en 2012 en substitución de Caamaño. A continuación sitúase Guillermo Meijón, con máis de 2.900 actividades, e o exministro e actual eurodeputado José Blanco, que formulara 873 iniciativas antes de marchar á Eurocámara en 2014.

Seara e Meijón foron os deputados galegos con máis actividade no Congreso

Por riba do medio milleiro de actividades quedou tamén a voceira do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, quen malia ás restricións de iniciativas derivadas de pertencer ao Grupo Mixto superou as 700. A actual presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, achegou máis de 500, e a deputada do BNG Rosana Pérez elaborou 527 iniciativas dende que en 2012 substituíu a Jorquera, que ata o seu paso ao Parlamento galego presentara 70.

Dúas integrantes galegas do grupo do PP rematan a lexislatura sen ningunha iniciativa

Pola banda do PP o seu deputado galego con máis iniciativas foi o ourensán Celso Delgado, que formulou 73, mentres que a maioría dos parlamentarios do PPdeG estiveron entre as 30 e as 40. Dúas deputadas do PP en representación das circunscricións galegas, a ministra Ana Pastor e mais Margarita Varela, que se incorporou ao Congreso en 2014 para substituír a Antonio Erias, rematan a lexislatura sen asinar ningunha iniciativa parlamentaria.

Senado

Senadores galegos do PP, con Feijóo e Pilar Rojo ante un busto de Fraga na Cámara Alta

O senador galego máis activo foi Ricardo Varela (PSOE)

Tamén no Senado a oposición foi moito máis activa que a bancada que que apoiou o Goberno, xa fose por elección nas urnas ou por designación do Parlamento de Galicia, papel que na presente lexislatura desenvolveron José Manuel Romay Beccaría -durante apenas seis meses-, Enrique López Veiga e Juan Manuel Jiménez Morán, todos eles do PP. No caso de Romay, a única actividade parlamentaria que desenvolveu nese medio ano foi a súa toma de posesión, mentres que López Veiga realizou 37 iniciativas e Jiménez Morán, 11.

No cómputo xeral a actividade de Ricardo Varela, senador do PSOE pola provincia de Lugo, destaca en número de iniciativas por riba das demais, achegándose ás 9.000 nestes catro anos. O ourensán Miguel Fidalgo, tamén do PSOE, superou as 4.500, e os tamén socialistas Ángeles Marra e Javier Losada realizaron 4.000 e 3.700 actividades parlamentarias, respectivamente.

O senador do PP Armando Castosa, Alcalde de Cospeito, realizou 10 iniciativas en catro anos, a metade o mesmo día

No grupo do PP a representación galega tivo unha actividade máis ben escasa. Así, as conservadoras con máis iniciativas foron Elvira Larriba, con 84, e Dolores Pan, con 44. O voceiro do grupo do PP, José Manuel Barreiro, rexistrou 25 actividades, unha cantidade semellante á da maior parte das senadoras e senadores do PP galego.

Entre os senadores galegos elixidos en 2011 que permaneceron na Cámara Baixa durante toda a lexislatura destacou pola súa escasa actividade o tamén alcalde de Cospeito, Armando Castosa, que sen contar a toma de posesión realizou 10 actividades en catro anos, a metade delas o 19 de febreiro de 2012, 

Besteiro, reunido con membros galegos dos grupos parlamentarios do PSOE CC-BY-NC-SA PSdeG
Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, do BNG, no Congreso CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.