Armando Castosa é alcalde de Cospeito, na Terra Chá, dende 1991. Ademais, dende as eleccións xerais de 2011 é senador do PP pola provincia de Lugo. Dende a súa incorporación Castosa podería ser empregado como paradigma das críticas que, dende diferentes ámbitos, se dirixen á Cámara Alta pola súa escasa utilidade práctica, xa que as máis das veces serve para reproducir mecanicamente as decisións do Congreso dos Deputados. Así e todo, mentres senadores e senadoras aproveitan a súa presenza para presentar iniciativas de impulso do goberno ou obter información da actividade gobernamental, o popular ostenta a dubidosa honra de ser o senador galego que menos traballa e, cando restan pouco máis de doce meses de lexislatura, apenas realizou dúas actividades parlamentarias ao ano.
Despois de presentar a súa primeira iniciativa na primavera de 2012, sobre a execución orzamentaria na provincia lucense, Armando Castosa pasou un ano sen facer literalmente nada, cando menos no que á presentación de iniciativas se refire. Entre 2013 e 2014 reactivou moi levemente a súa actividade e deu en presentar catro preguntas o 19 de febreiro deste ano. Estas cuestións, sumadas á súa participación na tramitación dunha lei e á iniciativa de 12 dan lugar ao discretísimo balance de 7 accións parlamentarias, que serían 8 tendo en conta a imprescindible toma de posesión.
Castosa, alcalde de Cospeito, realizou 8 actividades parlamentarias dende 2011, a metade o pasado 19 de febreiro
O escaso traballo parlamentario de Armando Castosa destaca ao ser comparado con outros moitos senadores e senadoras, pero é máis ou menos equiparable ao de varios dos seus compañeiros da delegación galega do PP. Así, por exemplo, o ex edil en Monforte Dámaso López acumula 9 actividades nestes tres anos e o alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, realizou 11 na súa condición de senador por designación do Parlamento de Galicia. Nunha banda semellante está o lucense José Manuel Barreiro, que como voceiro de todo o PP no Senado executou 16 actividades ata o momento. Tamén realizaron menos de 20 José Manuel Rivera e María Jesús Sáinz, agora tamén concelleira non electa en Santiago.
Neste contexto, a senadora do PPdeG máis traballadora é Elvira Larriba, que chega ás 60. Os seguintes con máis actividade son Dolores Pan, con 32, e o ex conselleiro Enrique López Veiga, que chega ás 31, as mesmas que Carmen Leyte e poucas máis que o ex alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer (27) ou o antigo rexedor ferrolán, Juan Juncal (27). Con 22 queda ata agora Francisco José Fernández e con 20, Miguel Ángel Pérez de Juan. Así as cousas, o traballo medio dos senadores e senadoras do PP galego é de 24,5 actividades anuais.
Os socialistas achéganse ás 18.000 actividades
Os máis activos son os socialistas Ricardo Varela e Miguel Fidalgo, con máis de 3.500 actividades cada un
Como adoito, para atopar unha actividade parlamentaria máis prolífica hai que buscar nas filas da oposición, que no caso da representación galega no Senado está composta unicamente polo PSdeG. Nestas bancadas o máis activo segue sendo o ex conselleiro de Traballo Ricardo Varela, con 5.894 actividades parlamentarias, a maioría preguntas ao Goberno. O segundo senador galego con máis traballo na Cámara é o ourensán Miguel Fidalgo, que xa supera as 3.700 actividades, unhas cifras semellantes ás de Ángeles Marra (3.333) ou ás do ex alcalde da Coruña, Javier Losada (3.075). Pola súa banda, a ex alcaldesa de Silleda e senadora por designación autonómica, Paula Fernández, chega xa ás 1.548 actividades aínda que se incorporou ao Senado a finais de xuño de 2013.
Con estes rexistros, no inicio da recta final da lexislatura os senadores e senadoras socialistas achéganse xa ás 18.000 actividades e o seu traballo anual supera as 3.500 por cada membro da delegación galega. Mentres todo isto sucede, segue pendente a eterna aposta por reformar o Senado e tornalo nunha Cámara de representación territorial con máis utilidade práctica.