A UE lembra que a Xunta debe avaliar o impacto ambiental de novas granxas na xa contaminada Limia

Xurros na Limia, onde a contaminación por nitratos afecta ás augas © Auga Limpa Xa!

A Comisión Europea, preguntada pola recente sentenza que condena a inacción de Xunta e Estado, lembra que tamén está pendente de que o Estado aplique a directiva que obriga a designar zonas vulnerables á contaminación por nitratos

En xullo Xunta e Estado foron condenados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola súa inactividade ante a contaminación do encoro das Conchas, que a sentenza ligou expresamente coas numerosas granxas de gran tamaño existentes na Limia. Preguntada por esa sentenza polo eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares, a Comisión Europea responde agora que é coñecedora dela e lembra que as autoridades deben avaliar o impacto ambiental de novas graxas, competencia da Xunta. Tamén sinala que segue pendente de como o Estado está a aplicar a directiva europea que obriga a designar zonas vulnerables á contaminación por nitratos, aínda sen ningunha así declarada en Galicia. 

O encoro das Conchas, tinguido de verde © Amigas da Terra

Antes da recente sentenza do TSXG pola inacción na contaminación do encoro das Conchas, a Xunta xa foi condenada en 2022 por non avaliar correctamente o impacto ambiental da ampliación dunha granxa en Rairiz de Veiga para pasar de 23.000 a 48.000 pitos. Dous anos despois, en 2024, a Xunta admitiu, ao autorizar outra granxa de 614 xatos, a "importante saturación" dese tipo de explotacións gandeiras, "que poden afectar á calidade das augas". Aínda así validouna. 

Agora, na súa resposta, a Comisión Europea lembra que a directiva comunitaria sobre impacto ambiental establece que as instalacións de gandaría intensiva deben ser avaliadas ambientalmente, trámite competencia da Xunta.

A resposta da Comisión tamén sinala que está en conversas con España sobre a aplicación doutra directiva, a que obriga a designar zonas vulnerables á contaminación por nitratos. Neste caso o Ministerio de Transición Ecolóxica ten identificados puntos de augas contaminadas por nitratos en toda Galicia, tamén na Limia, pero aínda non designou ningunha zona vulnerable. 

A demora en facelo en todo o Estado levou á Comisión Europea a denunciar a España ante o Tribunal de Xustiza da UE, pero este, nunha sentenza de marzo de 2024, resolveu que o Goberno central non probara adecuadamente que a contaminación por nitratos en Galicia sexa de orixe agraria ou relevante.

Fragmentos da sentenza sobre a contaminación das augas da Limia referidos á responsabilidade da Xunta e do Estado CC-BY-NC-SA Praza.gal

En todo caso, tras a recente sentenza do TSXG sobre o encoro das Conchas, que liga directamente a súa contaminación coas explotacións agrarias, a Comisión Europea fai ver que segue pedindo a España máis actuacións na materia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.