Todo o que Xunta e Estado non fixeron contra a contaminación da auga da Limia malia coñecérena

Refugallos de explotacións gandeiras intensivas na Limia e fragmentos da sentenza do TSXG sobre a contaminación das augas CC-BY-NC-SA Foto: Movemento Ecoloxista da Limia | Montaxe: Praza.gal

A histórica sentenza é un relatorio de incumprimentos ante unha situación que, resalta o TSXG, ambos gobernos coñecían, pero sen admitir "responsabilidade propia"

A histórica e contundente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza que vén de dar a razón a entidades veciñais e ecoloxistas na súa loita contra a contaminación das augas nas Limia provocada polas macrogranxas é, sobre todo, un retrato de incumprimentos das dúas Administracións condenadas pola súa "inactividade" ao respecto, a Xunta e o Goberno de España. Para asentar o seu ditame, a sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo da TSXG realiza todo un relatorio do que os dous gobernos deberon facer e non fixeron para combater unha contaminación que, resalta, coñecían pero sen admitir "responsabilidade propia" sobre ela.

O tribunal partiu da análise dunha "situación complexa" na que conflúen "catro factores",  o primeiro a "existencia de múltiples macrogranxas" na Limia, "máis de 300", que "producen unha cantidade inxente de refugallos animais" polos excrementos de pitas, porcos e vacas. Nesas explotacións realízase, subliña, unha "xestión de residuos aplicada ao campo" de "forma non controlada" ao non analizar, por exemplo, o seu contido de "medicamentos" ou "hormonas", "en desenvolvemento dunha agricultura extensiva".

Residuos da gandaría intensiva na Limia Dominio Público Movemento Ecoloxista da Limia

Estas causas dan lugar a dúas consecuencias. Unha, a filtración deses excrementos e os seus compoñentes "ás augas subterráneas, provocando a contaminación por nitratos. Derivado disto, "as augas subterráneas contaminadas chegan ao río" e este, ao encoro das Conchas, "onde aparece de forma regular" o denominado "bloom de cianobacterias", isto é, as recorrentes crises de contaminación que son obvias polo cheiro e polas augas tinguidas de verde.

O Goberno galego, di o tribunal, infrinxiu a normativa ao "permitir un incremento excesivo de macrogranxas" sen "trasladar o risco ambiental" ás empresas por prácticas como as "masas inxentes de esterco acumuladas sobre o terreo" que acababan nas augas subterráneas e de aí, ao río e ao encoro das Conchas

A sentenza deixa claro que "existen dous responsables" desta situación. Un, a Xunta "a través da Consellería correspondente" por "infrinxir" os preceptos do Estatuto de Autonomía que encomendan ao Goberno galego a "salvagarda da calidade das augas subterráneas", a "protección do medio ambiente" e a política sanitaria. Ese incumprimento produciuse ao "permitir un incremento excesivo de macrogranxas" na Limia "sen trasladar o risco medioambiental á empresa e/ou empresas destinatarias do beneficio".

Os incumprimentos ambientais do Goberno galego na Limia, advirte, "acrecéntanse" pola "ineficaz xestión dos residuos que terminaban en lugares non controlados" e sen supervisión da "presenza de antibióticos" ou "químicos derivados de medicamentos" ata "provocar unha saturación do medio que o terreo era incapaz de asumir". De aí "o prexuízo ao medio ambiente a existencia de bacterias resistentes" nunha zona que, censura, chegou a vivir a "paralización dunha planta de tratamento" destes refugallos.

Fragmentos da sentenza sobre a contaminación das augas da Limia referidos á responsabilidade da Xunta e do Estado CC-BY-NC-SA Praza.gal

"Esta situación está presente dende o ano 2011" e "trasládase sen descanso do terreo ata o presente", o cal provoca "un estado da masa de auga subterránea moi deficiente e contaminada por exceso de nitratos". Abonda, di a sentenza, con "revisar o nivel de nitratos nos pozos" ou revisar fotografías como as achegadas pola Sociedade Galega de Historia Natural ao proceso xudicial, con "masas inxentes de esterco acumuladas sobre o terreo".

A Confederación Hidrográfica incorreu en "inacción" por non actuar contra a "proliferación das autorizacións das macrogranxas" malia ser as súas medicións da calidade das augas un elemento imprescindible nos permisos ambientais ás empresas, resalta o tribunal

Pero a Xunta, que xa anunciou que vai recorre a sentenza, non é a única culpable para o TSXG, que tamén atopa "responsabilidade na Confederación Hidrográfica Miño-Sil", entidade dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica", "pola súa obriga derivada do control da calidade das augas". No seu caso, ve clara a "inacción" ante o "constatable empeoramento da calidade das augas dende o ano 2011", ante o cal "debeu realizar as actuacións pertinentes" contra "a proliferación das autorizacións das macrogranxas".

A Confederación, especifica o tribunal, podía frear estas explotacións porque ten que informar a prol ou en contra "das declaracións ambientais"  das mesmas xustamente "en relación á calidade da auga". E "era evidente o deterioro paulatino e crónico" e a súa "orixe". "Aínda que non se recoñecese expresamente", que as granxas son as que contaminan as augas da Limia resulta "palmario" porque "a poboación é escasa" e a "cabana gandeira é asimilable á dunha gran cidade en canto ao nivel dos residuos".

Membros da plataforma Auga Limpa Xa, ante o encoro das Conchas tras coñeceren a sentenza do TSXG, o pasado 11 de xullo CC-BY-NC-SA Auga Limpa Xa

A entidade estatal, reiteran os maxistrados, "era coñecedora" desta situación porque "intervén nos procesos de autorización" de proxectos de granxas que "advirten de toneladas de residuos e o seu posterior uso". A Xunta escúdase precisamente nestas responsabilidade do Goberno de España para tentar restar relevancia á súa propia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.