O TSXG sentenciou que o Goberno galego incumpriu as súas obrigas ambientais ao "permitir un incremento excesivo de macrogranxas" na comarca ata ser "máis de 300" sen "trasladar o risco medioambiental ás empresas destinatarias do beneficio"
A histórica sentenza coa que o Tribunal Superior vén de condenar os gobernos de Galicia e España pola súa "inactividade" ante a contaminación das augas que provocan as macrogranxas na Limia terá que pasar o filtro do Tribunal Supremo. Así sucederá porque a Xunta xa ten decidido recorrer un ditame que a fai directamente responsable das consecuencias nos "dereitos fundamentais" da veciñanza das chegada de verteduras masivas de esterco e outros residuos ao encoro das Conchas e a súa contorna.
Foi a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen este sábado confirmou á prensa durante unha visita a unha piscifactoría no Carballiño esa intención de formular recurso porque "respecta", o que "non quere dicir que esteamos de acordo" cunha sentenza na que o seu departamento é dos máis sinalados. "A Xunta a través da Consellería correspondente", di o ditame, infrinxiu "preceptos que permiten salvagardar a calidade das augas subterráneas", "normas adicionais sobre protección do medio ambiente" e tamén "en materia de sanidade".

Fíxoo, segundo a Sala do Contencioso-Administrativo do alto tribunal galego, ao "permitir un incremento excesivo nunha comarca como A Limia de macrogranxas", ata ser "máis de 300", "sen trasladar o risco medioambiental ás empresas destinatarias do beneficio". "Este feito", sinalan os maxistrados, "acrecéntase coa ineficaz xestión dos refugallos que remataban en lugares non controlados" e "sen que se controlasen quimicamente" malia a "posible presenza de antibióticos" ou outros "derivados de medicamentos" ata "provocar unha saturación do medio que o terreo era incapaz de asumir".
A conselleira Ángeles Vázquez pon o foco nas competencias da Confederación Miño-Sil, condenada na mesma sentenza, e critica que o tribunal sinale o exceso de granxas, cuxa "importante saturación" admitiu o seu propio departamento
"Esta situación -destaca a sentenza- está presente dende o ano 2011" e "trasládase sen descanso do terreo ata o presente", o que "provoca un estado da masa de auga subterránea moi deficiente e contaminada por exceso de nitratos". Esas mesmas augas "acaban no río" e "por efectos do encoro" das Conchas "aséntase, provocando os "bloom de cianobacterias", isto é, episodios críticos de contaminación.
Fronte a este catálogo de acusacións, que a sentenza formula antes de relatar as que corresponden ao Estado a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (á que reprocha, entre outros aspectos, "inacción ante o constatable empeoramento da calidade das augas" e non actuar "contra a proliferación das autorizacións das macrogranxas), Vázquez pon o foco nas tarefas pendentes do Goberno de España na zona. Porque a competencia, exemplifica, para declarar A Limia como zona vulnerable por nitratos é estatal.
A respecto da proliferación de macrogranxas e a moratoria que o Tribunal impón, a conselleira limítase a afirmar que a Xunta as autoriza se ten "todos os informes sectoriais correspondentes" e que os "relativos á auga" parten da CHMS, que "endexamais fixo un informe desfavorable". Como informou Praza.gal, a propia Consellería de Medio Ambiente admitiu en 2024 unha admitiu unha "importante saturación" de granxas na Limia "que poden afectar á calidade das augas". Fíxoo na documentación para autorizar unha nova para acoller ata 614 xatos en Trasmiras.