Os peritos confirman ante o TSXG a contaminación "extremadamente perigosa" do encoro das Conchas

O encoro das Conchas, tinguido de verde © Amigas da Terra

Expertos periciais declararon ante o tribunal que as mostras que tomaron e estudaron corroboran "altos niveis de contaminación por nitratos e subliñaron que a cantidade de cianobacterias na auga é "extremadamente perigosa"

O pasado mes de marzo a Asociación de veciños das Conchas a Federación de consumidores e usuarios CECU presentaron unha denuncia por vulneración de dereitos fundamentais ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) pola "inviable" situación que viven desde hai máis de quince anos coa contaminación no encoro das Conchas, derivada da cría intensiva de gando porcino e aviar. As entidades acusan a Xunta de autorizar explotacións de gandaría intensiva "de forma permisiva" e sen avaliar o impacto que producen no territorio. 

Este venres o TSXG comezou a xulgar o caso e na primera sesión da vista expertos periciais declararon ante o tribunal que as mostras que tomaron e estudaron corroboran "altos niveis de contaminación por nitratos" no encoro e na conca do río Limia, o que pode atribuírse a residuos orgánicos, é dicir provenientes de fontes gandeiras. 

Así mesmo, sinalaron que os nitratos na superficie da auga son entre 500 e 1.000 veces 
superiores aos esperados en encoros como o das Conchas. Finalmente, subliñaron que a cantidade de cianobacterias na auga, que poden causar problemas respiratorios, gastrointestinales e hepáticos, é "extremadamente perigosa".

A contaminación por cianobacterias do encoro das Conchas © Amigas da Terra

O venres que vén representantes das autoridades demandadas -Xunta, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e cinco concellos: Bande, Lobeira, Trasmiras, Os Blancos e Muiños- declararán na segunda e derradeira sesión do xuízo

Os peritos que achegaron a súa visión experta no xuízo, pertencencias á Universidade Complutense de Madrid ou ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), destacaron o elevado número de cabezas de gando na zona, a ausencia de depuración das augas e a elevada incidencia do cancro nesta comarca

O venres que vén representantes e peritos das autoridades demandadas -Xunta, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e cinco concellos: Bande, Lobeira, Trasmiras, Os Blancos e Muiños- declararán na segunda e derradeira sesión do xuízo. Espérase que ratifiquen a súa posición inicial, na que negan que a contaminación do encoro e do río Limia sexa da súa competencia. Así mesmo, varios deles sosteñan que a contaminación non é tan grave como alegan os demandantes. 

Amigas da Terra destaca que se a demanda chega a estimarse "as autoridades públicas implicadas poderían verse obrigadas a tomar medidas fronte á contaminación"

Outras administracións si recoñeceron a contaminación, pero sosteñen que, aínda existindo, non é o bastante grave como para que se lles acuse de vulnerar os dereitos humanos dos residentes na zona. Tras esta segunda sesión seguirá o trámite de conclusións e despois quedará visto para sentenza. Agárdase unha sentenza en primeira instancia nun prazo aproximado de dous meses.

A demanda, que conta co apoio de ClientEarth e Amigas da Terra, é a primeira na que un tribunal en Europa xulga o impacto sobre os dereitos humanos fundamentais das explotacións gandeiras intensivas e a contaminación que provocan na auga, destaca Amigas da Terra. A entidade ecoloxista destaca que se a demanda chega a estimarse "as autoridades públicas implicadas poderían verse obrigadas a tomar medidas fronte á contaminación que afecta á zona desde hai máis dunha década". "Isto sentaría un precedente xurídico que podería axudar a outras comunidades de todo o continente á hora de enfrontarse a ameazas similares", din.

O encoro das Conchas, en xuño de 2025 © Amigas da Terra

Amigas da Terra denuncia que os episodios recorrentes de contaminación por cianobacterias "non se solucionan se non se atalla a problemática da xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións da comarca da Limia e Baixa Limia"

Amigas da Terra denuncia que os episodios recorrentes de contaminación por cianobacterias, que son favorecidas polas altas temperaturas, "non se solucionan se non se atalla a problemática da xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións da comarca da Limia e Baixa Limia", como se indica nun informe realizado polo Ministerio de Transición Ecolóxica, lembra, que tamén alerta do risco de contaminación por nitratos que existe nas aguas dos ríos en varios puntos da comarca da Limia. 

De feito, o pasado 2 de xuño o encoro das Conchas apareceu de novo tinguido de verde, amosando unha clara contaminación por cianobacterias

A Fiscalía considera que a proliferación de macrogranxas son a orixe do problema e que a Xunta “non só non exerceu ningún control sobre as explotacións xa autorizadas senón que continuou autorizando outras novas instalacións”

Ata o momento, a Fiscalía apoiou os argumentos presentados no caso pola parte demandante e solicitou que se estime a demanda ante os tribunais. Tras a presentación desta demanda, a Fiscalía solicitou que se estimase a demanda por vulneración de dereitos fundamentais debido á grave contaminación do encoro das Conchas e entendía que a contaminación do río e o encoro se debe á inacción das administracións públicas, sinalando que “a contaminación á que estiveron expostos supón unha infracción constante á súa dignidade”. 

Así mesmo, a Fiscalía considera que a proliferación de macrogranxas son a orixe do problema e que a Xunta “non só non exerceu ningún control sobre as explotacións xa autorizadas senón que continuou autorizando outras novas instalacións”.

Outra imaxe do encoro da Conchas © Amigas da Terra

O mes pasado a plataforma veciñal Auga Limpa Xa!, que hai cinco anos comezou a denunciar a contaminación xerada polas explotacións gandeiras, retomou a súa actividade en apoio á demanda presentada. A entidade denuncia que as augas contaminadas "constitúen un risco para a saúde humana, mais as Administracións levan décadas mirando para outro lado, agochando os datos, mentres a poboación toda da Limia estivo e está exposta aos efectos desta contaminación sobre a saúde".

Auga Limpa Xa! considera que a denuncia e o xuízo servirán "para aclarar moitas cuestións". "A primeira, as causas degradación augas da Limia; segunda, o tipo de contaminación que estamos a padecer e a cantidade de masas augas afectadas; e, en terceiro lugar, levará a cargos públicos autonómicos e locais a ter que responder por que non fixeron nada durante todos estes anos de alertas continuadas", sinalan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.