A plataforma vén reclamando unha moratoria na instalación de novas explotacións gandeiras intensivas e a correcta xestión dos residuos gandeiros
Nos últimos tres anos a concentración de nitratos nas masas de auga subterráneas da chaira da Limia aumentou un 39%. O nivel máximo permitido pola Unión Europea sitúase nos 50 miligramos de nitratos por litro, un límite que se supera con frecuencia en moitos puntos da comarca, convertendo a auga en non potable e provocando tamén que o baño non sexa aconsellable en lugares coma o Encoro das Conchas, con elevados niveis de nitróxeno, fósforo e cianobacterias.
O problema está nos residuos gandeiros -xurros e esterco- xerados polo gran número de granxas de produción intensiva de animais existentes na comarca. Na Limia hai ao redor de 400 macro granxas, cunha produción de 75.000 UGM (unidade gandeira maior) que supón unha carga de residuos equivalente á que provocarían 1.400.000 habitantes. Os xurros, ademais, déitanse en moitos casos sen control por montes e leiras, provocando unha contaminación crecente que afecta tamén ás comarcas de Monterrei, Celanova e a Baixa Limia.
Hai uns meses naceu a plataforma veciñal Auga limpa xa!, formada por cidadáns de diversos sectores, entre eles agricultores e gandeiros en extensivo. A plataforma vén reclamando unha moratoria na instalación de novas explotacións gandeiras intensivas e a correcta xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións que xa están en funcionamento, co obxectivo de garantir unha correcta calidade da auga nestas comarcas. A entidade defende "unha gandaría vinculada á terra produtiva e aos coidados do territorio, baseada en criterios de sostibilidade para xerar alto valor engadido e ter prezos xustos para as produtoras e produtores destas comarcas".
A pasada semana un grupo de cen veciños obrigou a marchar de Xinzo aos integrantes da Plataforma, que instalaran unha mesa informativa
"Queremos permanecer nun territorio saudable e traballamos por un rural vivo, rico e con futuro. A gran industria cárnica non se pode enriquecer a costa dos que, literal, cheiramos e bebemos a súa merda", engaden, subliñando que "en moitos concellos desta comarca, especialmente no de Xinzo, case ninguén se atreve a beber auga da billa, nin para cociñar, e menos dos pozos, a inmensa maioría superan os 50 miligramos de nitratos, que é o límite permitido pola Unión Europea".
A pasada semana a plataforma instalou unha mesa de información na feira de Xinzo de Limia para informar sobre a contaminación das augas polos residuos da industria cárnica e recoller sinaturas pedindo unha correcta xestión e a prohibición da apertura de novas macrogranxas. Porén, nun momento dado un grupo de cen persoas achegáronse a eles "con insultos, ameazas e coaccións, acurralándonos contra a parede a cobadazos e obrigándonos a recoller todo e a marchar", sinala a entidade.
"Non é compatible un modelo de produción industrial contaminante que só enriquece á industria, a uns poucos, cunha comarca con futuro para todas e todos"
"Soamente somos veciñas e veciños das comarcas da Limia, Baixa Limia e Celanova preocupadas pola nosa saúde e pola das nosas fillas e fillos que temos dereito a expresarnos e informar", sinala a plataforma, que acusa á Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal) de "alentar" a protesta .
Dende a Plataforma lembran que non están en contra da actividade gandeira e tampouco das granxas, senón que simplemente reclaman unha xestión axeitada dos seus residuos que asegure a dispoñibilidade de auga potable. Neste senso, demandan "uns prezos xustos para a produción cárnica e que os custos da obrigada xestión dos xurros sexan cubertos como custos de produción". "O que non é compatible é un modelo de produción industrial contaminante que só enriquece á industria, a uns poucos, cunha comarca con futuro para todas e todos", conclúen.
O Estado Español ten aberto un expediente europeo por falta de control sobre os restos de fertilizantes e residuos animais que se filtran ata as masas de auga subterránea
Unha comarca contaminada
Dende hai unha década entidades como a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) veñen denunciando a contaminación nas augas da comarca da Limia, provocada pola actividade das macrogranxas, que dependen en gran parte de COREN. Nos últimos dez anos a SGHN dirixiu un total de 33 escritos á Consellería de Medio Ambiente, a algúns concellos e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil alertando desta situación e esixindo a adopción de medidas.
Os datos oficiais reflicten esta contaminación crecente e certificando quen en moitos puntos é habitual que se superen os límites máximos fixados pola OMS e a Unión Europea. De feito o Estado Español ten aberto un expediente europeo por falta de control sobre os restos de fertilizantes e residuos animais que se filtran ata as masas de auga subterránea. En consecuencia, o mes pasado un informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica incluíu o Encoro das Conchas e catro puntos subterráneos de Xinzo de Limia, Trasmiras e Sandiás no listado de “augas continentais afectadas pola contaminación, ou en risco de estalo, pola achega de nitratos de orixe agraria”. O listado do ministerio debe servir para que as comunidades autónomas apliquen un plan ás zonas sinaladas e reduzan o uso de nitratos, mellorando a xestión dos residuos.
A SGHN denuncia que en ningún momento se tiveron en conta "os efectos sinérxicos e acumulativos da concentración de industrias gandeiras na chaira limiá"
A SGHN denuncia que en ningún momento se tiveron en conta "os efectos sinérxicos e acumulativos da concentración de industrias gandeiras na chaira limiá, área moi sensible dende os puntos de vista hidrolóxico, botánico e faunístico" e que non houbo unha "avaliación ambiental de conxunto".
Hai uns meses, nunha carta aberta dirixida a Alberto Núñez Feijóo, a SGHN afirmou que "o modelo agrogandeiro de COREN non é o único posible" e subliñou que "temos dereito a unha Limia limpa e ao acceso a auga potable". "Para iso, é imprescindible que as granxas cumpran a normativa legal da que vostede, como Presidente da Xunta de Galicia, debera ser o máximo garante na nosa terra" engadía a carta.