Unha xornada de debate e denuncia sobre a situación organizada polo Movemento Ecoloxista da Limia volve evidenciar a proliferación de verteduras por toda a comarca
Boa parte da comarca da Limia está protexida por distintos tipos de figuras ambientais. Porén, segundo constatou en 2014 un informe do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) é das zonas máis contaminadas do mundo por nitratos, orixinados por toneladas de xurros sen tratar que de xeito recorrente aparecen espalladas ou amoreadas en distintos puntos da comarca, contaminando os acuíferos dunha zona no pasado caracterizada pola súa xa desaparecida lagoa de Antela. Malia que non sempre se poidan identificar os autores desas verteduras, a proliferación na comarca de grandes granxas intensivas de porcos e aves é para os ecoloxistas a causa orixinaria da súa degradación ambiental. Agora o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) volve á carga contra ese problema.
Este venres o MEL organizou un encontro baixo o lema “Máis purín na Limia non” co obxectivo de reactivar as actuacións sociais, políticas e xurídicas contra a contaminación por xurros na comarca e que contou coa asistencia do biólogo e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) Serafín González, a eurodeputada de AGE Lidia Senra e o deputado de En Marea no Parlamento de Galicia David Rodríguez. A xornada comezou cun percorrido por distintos “puntos críticos” como lugares de vertedura de xurros ou novas graxas intensivas en construción ou en ampliación, pero tamén contou con visitas a explotacións gandeiras tradicionais.
“Coren subministra ao granxeiro a tecnoloxía máis moderna para instalar a súa industria, pero deixa nas súas mans a enorme responsabilidade de eliminar os residuos que produce a granxa”, din desde o Movemento Ecoloxista da Limia
No percorrido o MEL quixo amosar aos asistentes a situación que vén detectando desde hai anos e que xa foi denunciada en numerosas ocasións por esa e outras organizacións ecoloxistas ante a Xunta sen obter resposta. Montículos de excrementos ou xurros espallados en leiras ou regatos por camións cisterna son unha paisaxe habitual na comarca.
"A industria de produción intensiva que Coren ten espallada por toda a provincia de Ourense falla estrepitosamente ao non ser capaz de resolver o grave problema dos perigosos residuos que xera", din desde o MEL, explicando que "Coren subministra ao granxeiro a tecnoloxía máis moderna para instalar a súa industria, instalacións con sistemas automáticos de alimentación, medicamentos, suplementos de engorde, pensos transxénicos, dispón ademais de modernos matadoiros onde dar saída a toda esa produción; sen embargo deixa en mans dos granxeiros a enorme responsabilidade de eliminar os residuos que produce a granxa". "Coren conta con técnicos e tecnoloxía suficiente para solucionar o tema dos purins, só falta ter vontade de facelo", sentenzan desde o MEL.
Os residuos da Limia equivalerían aos dunha cidade de dous millóns de habitantes, por iso reclaman unha moratoria na instalación de novas granxas intensivas
Segundo as cifras que barallan os ecoloxistas, os residuos producidos na Limia equivalerían aos dunha cidade de dous millóns de habitantes que vertese as súas augas residuais sen ningún tipo de depuración. Por iso, reclaman ás administracións, entre outras cousas, unha moratoria na instalación de novas granxas intensivas que non teñan un plan de tratamento dos seus residuos, excluír ese tipo de explotacións das axudas comunitarias ou facilitar a recuperación da gandaría extensiva, que en vez de agredir á súa contorna contribúe a mantela.