"Non imos só chorar pola Lagoa de Antela, senón que temos que reivindicar con orgullo o que foi"

Traballos de desecación da Lagoa de Antela © Museo da Limia

O 8 de setembro de 1958 comezaban as obras da desecación da Lagoa da Antela. Un par de anos antes o Goberno franquista aprobara o decreto de 27 de decembro de 1956 sobre saneamiento y colonización de la Laguna de Antela co obxectivo de facer desaparecer o segundo espazo lacustre máis importante da Península, prometendo unha mellora dos rendementos económicos dos cultivos agrarios que nunca se fixo realidade. O desecamento foi un desastre ecolóxico, desaparecendo unha parte moi importante da rica diversidade animal e vexetal do humidal, pero tamén foi un certo fracaso nos seus obxectivos de desenvolvemento agrario, pois tivo efectos moi negativos sobre a a calidade dos solos, que ademais comezaron a sufrir dunha paradoxal ausencia de auga, e tivo que ser implementado un complexo sistema de rega. A lagoa axudaba mesmo a regular a climatoloxía comarcal, facendo menos duros os invernos e máis frescos os veráns. Algo que tamén desapareceu.

Este sábado o Museo da Limia de Vilar de Santos organiza unha xornada de debate coincidindo co 60 aniversario do inicio dos traballos de desecación co obxectivo de "impulsar unha reflexión colectiva sobre as consecuencias daquela decisión dos gobernantes franquistas" que "afectou dun xeito determinante ao devir da nosa comarca". Os impulsores da desecación "semellaban descoñecer o secular aproveitamento que os moradores facían destas ubérrimas terras: ora daban leito ao gado, ora pasto, ora caza, ora pesca", destacan dende o Museo.

O Museo busca "impulsar unha reflexión colectiva sobre as consecuencias daquela decisión dos gobernantes franquistas"

A xornada componse de dúas mesas redondas que miran, sobre todo ao presente e ao futuro. A primeira, baixo o título "Agrogandeiría e biodiversidade na Limia", reunirá a Serafín González (presidente da SGHN, investigador do CSIC e coautor do libro Aves da Limia dende a lagoa de Antela aos nosos días), Servando Álvarez Pousa (director do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro -INORDE), José Manuel Nieto Rodríguez (socio de Procevisa) e Amador Díaz Penín (agricultor, presidente da Asociación de Produtores de Patacas da Limia).

A segunda, titulada "Exemplos de experiencias de aproveitamento sostíbel na Limia", estará composta por Eva González Pérez (socia de Carabuñas, empresa dedicada ao aproveitamento do sabugueiro para marmelada, licor e cervexa, en Vilar de Santos), Roberto Nieto Limia (produtor de millo de forraxeiro na zona da Pedra Alta), Samuel Formoso Salgado (que posúe unha explotación de gandeiría extensiva en Vilar de Gomareite), Iván Gil Rodríguez (cunha explotación de gandeiría extensiva de vacas limiás en Covelas) e María Ferreiro Enríquez (titular dunha explotación de vimbio en Pidre).

Ademais das dúas mesas redondas, o Museo da Limia acolle (dende o pasado 3 de agosto e ata o vindeiro 7 de outubro) a exposición fotográfica A memoria asolagada, coas imaxes que compuñan o libroAntela, a memoria asolagada, Xosé Luis Martínez Carneiro, publicado por Xerais en 1997. A mostra pretende dar conta "do acontecido no antigo humidal da Antela, do antes e despois dun espazo que forma parte da memoria colectiva dos limiaos". 

Fotografía aérea da Lagoa de Antela, publicada por X.L. Martínez Carneiro en 'Antela, a memoria asolagada' (Xerais) Dominio Público Praza Pública

60 anos do inicio da desaparición da lagoa

"Pomos moito interese nas actividades que se realizan nestes momentos na comarca. Iniciativas sustentables nun territorio tan maltratado coma este"

O humidal ocupaba unas catro mil hectáreas de terreo (máis un espazo de enchente, en función das chuvias) na intersección dos actuais concellos de Sandiás, Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio, Sarreaus e Xinzo de Limia. A lagoa variaba a súa forma e dimensión, de forma estacional, chegando a medir sete por seis quilómetros no inverno, cunha profundidade que ía dende o medio metro ata os dous metros nalgunhas zonas. En 1958 comezaron as obras, que moi rapidamente fixeron desaparecer a lagoa, pero que despois tardaron aínda moitos anos en acondicionar o espazo gañado ás augas, buscando o seu aproveitamento agrícola a través dun proceso de concentración parcelaria.

"Na comarca da Limia o peso do sector agrario sempre foi moi importante, sempre se vendeu a moto de que actuacións coma o saneamento da lagoa ían ser moi útiles. O que pasou foi que os resultados desta actuación quedaron moi lonxe do esperado e a realidade é que os peores rendementos agrarios por hectárea de toda a comarca danse precisamente no espazo que ocupaba a lagoa. A desfeita medioambiental non se veu compensada nunha mellora na produción agropecuaria", explica o historiador André Taboada Casteleiro, vicepresidente do Padroado do Museo da Limia.

"A desecación veu acompañada, a partir dos anos sesenta, de actuacións de parcelamento moi agresivas, nas que se botaron abaixo masas moi grandes de carballeiras. Estamos falando do segundo espazo lacustre de toda a Península, despois de Doñana. Era unha enorme masa de auga que axudaba a regular o clima da Limia: tiñamos veráns menos quentes e invernos menos duros", engade. "Foi un desastre. O máximo demográfico da comarca acadouse na década dos 50, xusto antes da desecación, con 50.000 persoas. É certo que nese momento tamén se producira un proceso de reruralización posterior á guerra, pero a realidade é que agora estamos en 20.000, polo que o obxectivo de fixar poboación foi un absoluto fracaso", di.

A Lagoa de Antela na 'Carta Xeométrica de Galicia' de Domingo Fontán Dominio Público Praza Pública

"A desfeita medioambiental non se veu compensada nunha mellora na produción agropecuaria"

"O franquismo levou a cabo unha política de terra queimada e de desmobilización da poboación, e na Limia aconteceu así tamén. Con respecto á lagoa houbo unha especie de amnesia colectiva, a idea de que o tema non se podía tocar. O que pasa é que nós consideramos que xa pasou o tempo suficiente e que é hora de reivindicar o que merece ser reivindicado. Isto foi unha desfeita medioambiental, pero non nos imos dedicar só a chorar senón que temos que reivindicar con orgullo o que a lagoa foi", subliña.

"Con respecto á lagoa houbo unha especie de amnesia colectiva, a idea de que o tema non se podía tocar"

André Taboada destaca que o obxectivo do Museo é analizar a situación presente e tamén ollara cara ao futuro. Salienta, por exemplo, a actividade de Carabuñas, proxecto de desenvolvemento rural sustentado no aproveitamento do sabugueiro, que recibiu o Premio Agader 2018 na categoría de Sector agrogandeiro. Ou os proxectos de aproveitamentos de gandaría extensiva, algúns deles con vacas de raza limiá. "Nós somos un museo etnográfico, pero a etnografía ou é presente ou se non é arqueoloxía. Pomos moito interese nas actividades que se realizan nestes momentos na comarca. Iniciativas sustentables nun territorio tan maltratado coma este", sinala. "De cara ao futuro temos que revernos, asumíndonos como o que somos, aprendendo dos erros e aplicándonos unhas pequenas doses de autoestima. Dende o Museo imos ollar sempre cara ao futuro, apoiando todas as iniciativas que lle queiran á comarca", conclúe.

Vilar de Santos acolle ata o 7 de outubro unha exposición fotográfica sobre a lagoa e a súa desaparición © Museo da Limia
Traballos da SGHN na Veiga de Gomareite (Vilar de Barrio) © SGHN
Carabuñas obtivo o Premio AGADER 2018 na categoría de Sector Agrogandeiro © Carabuñas
Vaca limiá © Magrama

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.