Serafín González: "Hai unha involución na lexislación a través da simplificación nos trámites e os controis"

Serafín González, presidente da SGHN e investigador do CSIC © Alba García Moledo

O 31 de agosto de 1973 o Goberno Civil da Coruña legalizaba a inscrición do Grupo Ornitolóxico Galego (G.O.G.), xermolo do que hoxe é a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), nome que adoptou a partir de 1976. A vindeira semana esta entidade celebra polo tanto o seu 45 aniversario, un tempo longo para calquera entidade, pero moito máis para unha asociación de defensa ambiental. A SGHN é, de feito, a entidade ambientalista máis antiga de Galicia e unha das máis antigas do Estado Español. Coincidindo coa efeméride, a sociedade renovará a súa web e tamén relanzará as súas contas nas redes sociais.

Aquel GOG inicial xa contaba entre os seus obxectivos a "difusión" do coñecemento sobre a biodiversidade e a "protección da natureza", conceptos que non estaban demasiado estendidos a comezos da década dos setenta. Mundo García, Pepe Esteller, Sergio Devesa, Carlos Pedreira, Manuel Rodríguez Solórzano, Xosé Manuel Penas Patiño, Xan Rodríguez Silvar, Augusto de Castro Lorenzo, Xosé Manuel Romarís Pais ou José Guitián Rivera eran algúns dos integrantes daquel Grupo fundado hai agora 45 anos. En 1977 comezou a editar a revista Braña, a máis antiga publicación científica en galego en activo, que a partir da súa edición 2013 se pode consultar online. Na web da entidade pódense ver ademais algúns dos seus primeiros números, dixitalizados.

A SGHN segue a realizar un importante traballo de investigación e de divulgación (censos, estudos, denuncias, monografías...) co obxectivo de protexer a natureza en Galicia. Entre outras cousas, persóase nos trámites de información pública e de Avaliación de Impacto Ambiental dos proxectos, públicos ou privados, con incidencia medioambiental, coa intención de vixiar o estrito cumprimento das normas ambientais. Ademais, leva a cabo numerosas actuacións de recuperación sobre o terreo, coma a que dende hai anos realiza na Lagoa de Antela. Falamos co seu presidente, o biólogo e investigador do CSIC Serafín González

45 anos son moitos para calquera entidade, pero máis aínda para unha asociación ecoloxista, a maior parte moito máis recentes...

45 anos non se cumpren todos os días, sobre todo nunha asociación de defensa ambiental, si. A SGHN é a máis antiga asociación de defensa ambiental de Galicia, unha das máis antigas de España e xurdiu 25 anos antes de que se crearan o Ministerio de Medio Ambiente (1996) e a Consellería de Medio Ambiente (1997). Era unha asociación adiantada ao seu tempo.

"Se algo non se coñece non é posible protexelo e tampouco se sabe onde actuar"

Como era a actividade da SGHN neses anos 70? Había sensibilidade ambiental na poboación?

Unha das cousas que daquela se pedían, por exemplo, era que se prohibise a caza da pita do monte, porque se consideraba que podía desaparecer; lamentablemente, a súa caza durante tanto tempo levou a que a pita do monte agora estea extinguida en Galicia. Iso non se conseguiu, pero si se conseguiron outras cousas. Por exemplo, a Sociedade participou na campaña a prol da prohibición da caza da balea a finais dos anos 70; nese momento o voto de España na Comisión Baleeira Internacional era decisivo, pois facía falta un voto máis para conseguir a moratoria. Ou tamén a prohibición dos vertidos de residuos radioactivos na Foxa Atlántica, outra das vitorias do movemento. Tamén se conseguiu evitar a ameaza de que se construíse unha central nuclear en Xove. Foi tamén moi importante todo o traballo que se fixo para catalogar e difundir información sobre a riqueza natural de Galicia: os censos de aves acuáticas invernantes, documentación sobre fungos, investigación sobre toda a nosa biodiversidade..., para ter argumentos cos que defender o que temos.

Ese traballo de información e de difusión é un dos piares da actividade da SGHN, non si? Sen ese traballo previo de coñecemento un movemento de reivindicación pode quedar orfo?

Queda orfo ou queda sen argumentos para conseguir o seu obxectivo. Para nós é moi importante, por iso é o noso lema 'estudar e divulgar para protexer e conservar'. Se algo non se coñece non é posible protexelo e tampouco se sabe onde actuar. Creo que é un dos nosos sinais de identidade, tentamos manter sempre ese rigor, que a longo prazo é sempre a mellor das estratexias.

"45 anos é moito tempo, e á vez non son nada, sobre todo se temos en conta todo o traballo que hai que facer"

Ides celebrar este 45 aniversario dalgún xeito?

Estamos aproveitando o aniversario para remodelar a web, que vai cambiar a un sistema máis moderno, unha mellor ferramenta tecnolóxica, pero mantendo o que nós entendemos que é máis importante: presentar a información seria, rigorosa e contrastada do que está a acontecer no medio natural galego. Imos mellorar tamén o uso que facemos das redes sociais, unindo todos os nosos perfís de Facebook nun só, e abríndonos a Instagram e Youtube, para facilitar a interacción en tempo real con persoas socias e simpatizantes, o que en ocasións é moi útil para poder frear unha desfeita ambiental. Publicaremos tamén algún novo artigo na revista Braña, que é e segue a ser a primeira revista científica en galego. Esas van ser todas as celebracións, simplemente para lembrar que 45 anos é moito tempo, e á vez non son nada, sobre todo se temos en conta todo o traballo que hai que facer.

Cantas persoas formades parte da estrutura da SGHN?

A estrutura da Sociedade sempre foi complexa porque dende o primeiro momento sempre foi unha asociación descentralizada, con delegacións en Ferrol, Pontevedra, Ourense, As Mariñas..., e tamén segmentada en seccións especializadas en distintos ámbitos. Aínda que a crise nos afectou, como a todas as entidades, a Sociedade segue manténdose ao redor dos 500 socios e socias efectivas, que pagan as súas cotas, ademais de moitos máis simpatizantes.

Que lle pediriades ás distintas administracións para poder levar a cabo o voso traballo da mellor maneira posible?

O que sempre lle pedimos á Administración é que cumpra e que faga cumprir a lei. Só con iso xa nos dariamos por satisfeitos. O que non ten sentido é que se lle dean vantaxes ou beneficios a determinados tipos de asociacións que teñen un interese estritamente particular: por exemplo os coutos de caza, que só traballan para os seus asociados. En cambio, as asociacións de defensa ambiental traballamon a prol do medio ambiente, que é de todos. O Museo de Historia Natural de Ferrol evidentemente non se pode manter aberto se non hai un convenio co Concello, sería insostible. O Museo está aberto a todo o mundo; se a administración considera que é de interese xeral, ten que apoialo, o mesmo que cando se fan traballos de custodia do territorio e de restauración de hábitats, como estamos a facer nas Gándaras de Budiño ou na Lagoa de Antela. Hai un elemento da SGHN que creo que é fundamental: a nosa total independencia en todo momento. Iso líbranos dos vaivéns políticos e das presións dos grandes poderes económicos.

"As nosas administracións non mudan as súas políticas neste senso, pero tampouco hai toda a presión da sociedade que sería desexable"

Nestes 45 anos incrementouse a sensibilidade medioambiental da sociedade galega e a súa concienciación?

A sensibilidade sen dúbida é maior hoxe que no ano 1973, cando menos sobre o papel. É suficiente? Non, nin moito menos. As palabras 'ecoloxía', 'verde' ou 'sostibilidade' incorporáronse moi rápido ao discurso político, ao discurso pero non aos feitos. Tamén na opinión pública a xente afirma estar preocupada polo medio ambiente, pero na práctica esta preocupación non é tan grande. Vémolo na intensidade dos incendios forestais ou no feito de que Galicia segue tendo unha cantidade ridícula de espazo protexido. As nosas administracións non mudan as súas políticas neste senso, pero tampouco hai toda a presión da sociedade que sería desexable.

En canto á Administración, hai un problema de falta de aplicación da lei. Percibides tamén intentos de relaxar esas mesmas leis medioambientais, de facelas máis laxas con argumentos como a procura do desenvolvemento económico ou a creación de emprego?

Si, por unha banda hai unha deixadez da Administración para cumprir as súas obrigas que nos irrita particularmente. En moitas ocasións as administracións compórtanse dun xeito covarde, deixando que as asociacións ou a cidadanía sexan quen presenten queixas por uns incumprimentos flagrantes en cuestións nas que eles deberían ter actuado. E despois, si, hai unha involución na lexislación ou intentos de involución sobre todo a través da simplificación nos trámites e os controis, o que facilita as desfeitas. Vémolo en Galicia, pero mesmo houbo intentos a nivel da UE para relaxar as directivas ambientais. O que tampouco pode ser é que aquí sexamos esixentes cos controis ambientais e que despois se merquen produtos fabricados noutros países en condicións ambientais e sociolaborais impresentables.

"Se alguén soña só nunca deixará de ser un soño, pero se soñamos xuntos podemos convertelo en realidade"

Podemos ser optimistas? A loita medioambiental consegue os seus obxectivos?

En temas ambientais sería moi sinxelo caer no pesimismo. Aínda que as cousas non van todo o rápido que nós queremos, hai que dicirlle á xente que si se poden cambiar as cousas. Hai unha frase moi bonita, que nós repetiamos durante os nosos traballos na zona da Limia, que é 'se alguén soña só nunca deixará de ser un soño, pero se soñamos xuntos podemos convertelo en realidade'. É unha chamada para que a xente participe, colabore e se asocie, e entre todos poidamos conseguir que o futuro sexa mellor. Aos que pensan que non se pode conseguir nada, hai que lembrarlles que se conseguiu prohibir a caza da balea, conseguiuse deter os vertidos radioactivos, conseguiuse o Parque Natural da Serra de Enciña da Lastra, conseguiuse ampliar o Parque Nacional das Illas Atlánticas, mantense aberto o Museo de Historia Natural, conseguiuse a veda de especies en perigo de extinción (como a charrela, a avefría...), creouse a Rede Natura 2000, vanse conseguindo cousas. Non é abondo, pero debemos mirar cara atrás e ver o que si se conseguiu e inspirarnos para facelo mellor máis adiante.

 

Museo de Historia Natural, en Ferrol © SGHN
Esquelete de balea no Museo de Historia Natural de Ferrol. A acción da SGHN e doutras entidades foi fundamental para avanzar na prohibición de cazar este animal © jose antonio garcia lopez
Membros do Grupo Ornitolóxico Galego en 1973 na súa primeira visita ao Courel © SGHN
Traballos da SGHN na Veiga de Gomareite (Vilar de Barrio) © SGHN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.