Na comarca da Limia funcionan ao redor de 400 macrogranxas, cunha produción de 75.000 UGM (unidade gandeira maior) que supón unha carga de residuos equivalente á que provocarían 1.400.000 habitantes. Dende hai tempo a actividade desta gandaría industrial está a xerar efectos negativos na calidade das augas, que xa foron cuatificadas polas análises oficiais da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, solicitadas pola Sociedade Galega de Historia Natural.
A plataforma vén reclamando unha moratoria na instalación de novas explotacións gandeiras intensivas e a correcta xestión dos residuos que producen as que xa están en funcionamento
Nos anos 2017, 2018 e 2019 nas augas subministradas para consumo humano polos sistemas municipais de abastecemento na chaira da Limia o nivel medio de nitratos creceu dende os 16,8 mg/litro en 2017 aos 18 en 2018 e aos 21,5 en 2019; entre 2014 e 2017 xa medrara un 39%. O nivel máximo permitido pola Unión Europea sitúase nos 50 miligramos de nitratos por litro. Varios puntos da comarca superaron esa cantidade en varias das medicións realizadas pola Xunta.
De feito, o pasado verán un informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica incluíu o Encoro das Conchas e catro puntos subterráneos de Xinzo de Limia, Trasmiras e Sandiás no listado de “augas continentais afectadas pola contaminación, ou en risco de estalo, pola achega de nitratos de orixe agraria”.
Contra esta situación vén mobilizándose dende o ano 2019 a plataforma veciñal Auga limpa xa!, formada por cidadáns de diversos sectores, entre eles agricultores e gandeiros en extensivo. A plataforma vén reclamando unha moratoria na instalación de novas explotacións gandeiras intensivas e a correcta xestión dos residuos gandeiros que producen as explotacións que xa están en funcionamento.
"Falouse de que se ían tomar algunhas medidas, pero estas non se levaron a cabo. Dixeron que ían abrir unhas plantas, pero seguen sen abrirse"
A plataforma mantén contactos, así mesmo, coas distintas administracións e coas grandes empresas responsables en última instancia da produción cárnica que dá orixe aos residuos. Porén, a pesar das promesas de que se ían poñer en marcha medidas de control e xestións dos residuos, "o problema segue igual", denuncia a entidade, en conversa con Praza.gal. Na Mesa da Limia, na que participamos xunto coa Consellería, as integradoras e os granxeiros, falouse de que se ían tomar algunhas medidas, pero estas non se levaron a cabo. Dixeron que ían abrir unhas plantas, pero seguen sen abrirse", din.
"A produción industrial de carne low cost non beneficia o rural, os concellos da Limia están perdendo poboación. Este modelo non crea riqueza nin emprego, porque as macrogranxas apenas teñen traballadores"
"O problema é que na comarca da Limia hai unha carga gandeira tan grande, hai tantas granxas, que creo que aínda abrindo esas plantas de tratamento non sería abondo. Ten que mudar todo cara a un modelo máis sostible co territorio", destacan dende a Plataforma, que leva máis dun ano solicitando unha "moratoria" á apertura de máis granxas, pois a situación é xa "insostible".
Auga Limpa xa! salienta que "a produción industrial de carne low cost non beneficia o rural e os datos están aí: os concellos da Limia están perdendo poboación. Este modelo non crea riqueza nin emprego na comarca, porque as macrogranxas apenas teñen traballadores". "É, ademais, unha gandaría sen terra, polo que tampouco xera os beneficios para o territorio que si ten o gando en extensivo", engaden. A entidade reclama, polo tanto, "máis axudas aos gandeiros e ás gandeiras e menos á gran industria cárnica".
"O que lles pagan aos produtores de carne é moi pouco. A riqueza está nas integradoras, nas comercializadoras e nas distribuidoras, a riqueza non queda nos produtores"
"Somos unha plataforma veciñal, creámola veciños e veciñas que vimos que tiñamos un problema: que a auga dos nosos pozos non é potable", explican. "Ao comezo acusóusenos de que iamos en contra dos granxeiros. Ao revés. Nós en ningún momento pedimos o peche das granxas, nós o que pedimos é que se lles paguen prezos xustos ás granxas e que sexan as integradoras, como Coren, as distribuidoras e as comercializadoras as que asuman os custes desa xestión de xurros e puríns, que hoxe case non existe. Queremos poñer aí o foco", subliñan.
Auga Limpa Xa! forma parte da Coordinadora Estatal Stop Ganadería Industrial, xunto con entidades doutras comunidades autónomas. "Non é un problema que estamos sufrindo unicamente na Limia, é un gran problema en toda España: Aragón, Cataluña...", sinalan. "O que lles pagan aos produtores de carne é moi pouco. A riqueza está nas integradoras, nas comercializadoras e nas distribuidoras, a riqueza non queda nos produtores", reiteran.
A plataforma amósase crítica tamén coa posición adoptada pola Xunta de Galicia, á que acusan de "mirar para outro lado"
A plataforma amósase crítica tamén coa posición adoptada pola Xunta de Galicia, á que acusan de "mirar para outro lado". "A administración é consciente de que hai un problema, pero é un tema delicado, porque están implicadas empresas como COREN, que é a principal empresa da provincia. E non o asumen", sinalan.
Ademais, lembran que o pasado ano a Xunta alegou contra a declaración de varios puntos da comarca como espazos "afectados pola contaminación, ou en risco de estalo, pola achega de nitratos de orixe agraria”, realizada polo Ministerio. "Fixérono porque se se declaraba zona vulnerable por nitratos, iso suporía a adopción dunha serie de medidas que non se están tomando", explican e destacan que mentres que na maioría das comunidades autónomas "está prohibido botar o purín en abano, con inxectoras", en Galicia "aínda non se aprobou a prohibición, segue adiándose a solución". "O problema está aí e canto antes se busquen solucións, mellor se poderá solucionar o problema", conclúen.
COREN ameaza a Manuel García, un labrego de Rairiz de Veiga integrante do Movemento Ecoloxista da Limia, cunha demanda por 1 millón de euros polas súas críticas á empresa
A esta situación hai que sumar a presión exercida por grandes empresas como COREN contra as persoas e colectivos que están a denunciar os efectos da gandaría industrial na comarca. Hai unhas semanas Manuel García, un labrego de Rairiz de Veiga integrante do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), recibiu unha comunicación de COREN que lle informaba de que a empresa iniciara os trámites legais para interpoñer unha demanda de un millón de euros contra el, acusándoo de "intromisión no dereito ao honor" do Grupo Coren por unhas declaracións realizadas no programa España Directo de TVE.
Manuel García recibirá o vindeiro 29 de febreiro o Premio Osíxeno individual 2019, que entrega ADEGA, que destaca o seu traballo "a prol da defensa ambiental da comarca da Limia fronte á contaminación de terras e mananciais procedente da industria cárnica intensiva, así como pola reivindicación dun modelo agrogandeiro máis sustentable".