Varios puntos de abastecemento de auga potable da Limia superaron dende o 2017 os niveis máximos de nitratos

Residuos da gandaría intensiva na Limia Dominio Público Movemento Ecoloxista da Limia

Nos últimos anos varios colectivos sociais veñen denunciando a crecente contaminación das augas da comarca, que está poñendo en risco o acceso á auga potable en determinados lugares e que fai desaconsellable o baño noutros. A plataforma veciñal Auga limpa xa!, formada por cidadáns de diversos sectores, entre eles agricultores e gandeiros en extensivo alertaba hai uns meses de que a concentración de nitratos nas masas de auga subterráneas da chaira da Limia aumentara notablemente, un incremento provocado principalmente polos residuos das macrogranxas.

A causa da contaminación está nos residuos provocados polas 400 macrogranxas instaladas na comarca

Entre as entidades que máis se ten posicionado contra a proliferación de granxas industriais na Limia está a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que nos últimos 11 anos remitiu á Consellería de Medio Ambiente 35 advertencias sobre os efectos negativos destas instalacións "sobre a calidade e a cantidade das augas".

Este outono, ao abeiro da lexislación vixente que garante o dereito dos cidadáns á información ambiental (a directiva 2003/4/CE e mais a Lei 27/2006) a SGHN solicitoulle á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade as analíticas oficiais da auga dos sistemas municipais de abastecemento dos concellos da chaira da Limia dos últimos 5 anos.

O nivel medio de nitratos creceu dende os 16,8 mg/litro en 2017 aos 18 en 2018 e aos 21,5 en 2019. Entre 2014 e 2017 xa medrara un 39%

As analíticas realizadas pola Xunta nos anos 2017, 2018 e 2019 (nos anos 2015 e 2016 non se incluíu no estudo o contido en nitratos nas augas) nas augas subministradas para consumo humano polos sistemas municipais de abastecemento na chaira da Limia "amosan un incremento sostido da concentración media de nitratos no conxunto dos 24 abastecementos analizados", salienta a entidade. 

O nivel medio de nitratos creceu dende os 16,8 mg/litro en 2017 aos 18 mg/litro en 2018 e os 21,5 mg/litro en 2019. Entre 2014 e 2017 a concentración media de nitratos xa aumentara globalmente un 39%. Nalgúns lugares, como Vilariño das Poldras (Sandiás) o abastecemento de auga tivo que cortarse en varias ocasións porque non era potable.

Recollida de sinaturas en Xinzo a cargo da plataforma veciñal Auga limpa xa! © Plataforma Auga Limpa Xa

O nivel máximo permitido pola Unión Europea sitúase nos 50 miligramos de nitratos por litro. Varios puntos da comarca superaron esa cantidade en varias das medicións realizadas pola Xunta

O nivel máximo permitido pola Unión Europea sitúase nos 50 miligramos de nitratos por litro. Indo ao detalle dos distintos puntos de abastecemento para o consumo humano, a SGHN subliña que varios lugares superaron este nivel de 50 mg/litro cando menos nalgunha das análises realizadas: Cardeita (en 5 de 7 datas con análises), Cortegada (en 1 de 2), Piñeira de Arcos (en 1 de 3), Sandiás (en 1 de 2 datas) e Vilariño das Poldras (en 1 de 4). 

Ademais, outras medicións superaron o nivel de 30 mg/litro, que tamén se considera desaconsellable. Trátase das realizadas en Couso da Limia, Trasmiras e Vilar de Lebres, ademais doutras que se levaron a cabo en Piñeira de Arcos, Sandiás e Vilariño das Poldras. Os datos poden consultarse neste enlace.

"Despois de anos ignorando o principio elemental de precaución e facendo caso omiso ás advertencias. o deterioro do recurso auga na Limia xa non só é un problema ambiental, tamén o é de saúde pública"

A Sociedade Galega de Historia Natural denuncia que "despois de anos ignorando o principio elemental de precaución e facendo caso omiso ás advertencias reiteradas" por este colectivo, "o deterioro do recurso auga (en calidade e cantidade) na Limia xa non só é un problema ambiental, tamén o é de saúde pública que as administracións competentes teñen que afrontar".

A SGHN recoméndalles ás persoas que consumen auga de pozos particulares que "canto antes verifiquen se a auga é ou non potable polos niveis de nitratos". Ademais, pídelles a estas persoas que lles remitan as analíticas dos pozos particulares coa súa localización exacta e data "co obxectivo de documentar a extensión do problema coa maior precisión posible".

"Queremos permanecer nun territorio saudable e traballamos por un rural vivo, rico e con futuro. A gran industria cárnica non se pode enriquecer a costa dos que, literal, cheiramos e bebemos a súa merda"

A plataforma veciñal Auga limpa xa! reclama unha moratoria na instalación de novas explotacións gandeiras intensivas e a correcta xestión dos residuos gandeiros. Na Limia hai ao redor de 400 macro granxas, cunha produción de 75.000 UGM (unidade gandeira maior) que supón unha carga de residuos equivalente á que provocarían 1.400.000 habitantes. 

Os xurros déitanse en moitos casos sen control por montes e leiras, provocando unha contaminación crecente que afecta tamén ás comarcas de Monterrei, Celanova e a Baixa Limia, denuncia a plataforma. "Queremos permanecer nun territorio saudable e traballamos por un rural vivo, rico e con futuro. A gran industria cárnica non se pode enriquecer a costa dos que, literal, cheiramos e bebemos a súa merda", sinalaban, concluíndo que "non é compatible un modelo de produción industrial contaminante que só enriquece á industria, a uns poucos, cunha comarca con futuro para todas e todos".

Varios colectivos sociais denuncian a contaminación provocada polos xurros © Auga Limpa Xa!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.